Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alberte Montes: "Estou coma un neno con zapatos novos por debutar en 'Fariña', que trata un tema tan sensible en Galicia"

"A sociedade galega ten bo sentido do humor, polo que é intelixente, malia que non se vexa así"

Alberte Montes. // G-Aribas Fotografía

Rodeiro continúa coas súas actividades para os cativos. Mañá ás 21.00 horas, o centro cultural municipal Manuel Lamazares acolle o monólogo do recoñecido Alberte Montes que ofrece o espectáculo Galego pode selo calquera.

-É unha persoa polifacética, xa que se adica ao teatro, á comedia, á televisión... Cal é o ámbito que máis lle gusta?

-Esa é a pregunta do millón. A ver, gústame facer de todo. Son unha persoa inqueda, pero, non sei se porque a experiencia é máis intensa igual, ou porque o fixen máis veces, o que máis me atrae, tendo que escoller, é o teatro, tanto en salas máis pequenas, pubs ou onde sexa, o contacto co público, canto máis directo mellor. Dáme moita enerxía. O contacto coa televisión, aínda o estou probando, estou aínda bastante "verde", estou empezando, colléndoo con moitas ganas e moita ilusión e tamén me gusta a súa forma de traballar. Quero facer de todo moitas veces.

-Como está sendo a grabación da serie Fariña de Atresmedia?

-Pois moi ben, a verdade é que estou moi contento. É un proxecto moi ilusionante para todo o mundo, e para min tamén, sendo a primeira participación nunha fición nacional. Ademais, tendo en conta de que esta produción vai ser a serie da tempada, sen dúbida. Debutar nunha serie coma esta, que trata un tema que impacta tanto na terra galega, e que é tan sensible, pois a verdade é que estou encantado, coma un neno con zapatos novos.

-Traballa con máis compañeiros de Galiza, non?

-Si, o equipo é galego. Con outros actores xa traballara. Está xente coa que tiña motias ganas de traballar, colegas de profesión e de comedia como Xosé Touriñán ou Xulio Abonjo, co que tamén coincido. A verdade é que traballar con eles é unha boa aprendizaxe.

-Tamén forma parte dun programa de GolTV?

-Si, colaboro nun programa durante a tempada futbolística. É un programa de actualidade do fútbol, de forma humorística, é un formato relaxado. Eu fago unha sección de humor analizando as xornadas nos estadios, imaxes curiosas, un pouco máis destacado desde o punto de vista do humor, é nun ambiente menos agresivo do que acostuman outros programas de fútbol.

-En canto á lingua, con cal se sente máis cómodo traballando?

-A miña lingua natural é o galego, polo cal debería dicir ésta, pero tanto me ten. Traballo tanto en galego, como en castelán como en catalán, xa que resido de forma intermitente en Barcelona. Nas tres linguas me sinto cómodo. Para o humor igual o galego se presta máis, depende tamén do espectáculo en si.

-O monólogo que fai mañá en galego trata de como se ridiculiza o galego. Algunha vez sentiu isto?

-Pois a verdade é que non, afortunadamente. É unha cousa que me ten moi alerta e trato de estar sempre pendente en non caer nos tópicos. No humor é moi fácil caer na mofa ou no chiste fácil. A verdade e que nunca tiven moito problema neste eido nin no ámbito profesional nin, por suposto, no ámbito persoal. Creo que tamén, o tema dos tópicos vaise superando, afortunadamente, aínda que o meu espectáculo fala deles, vén a destripalos un pouco, dar outra versión e poñer outros exemplos.

-O monólogo trata da defensa do galego?

-Trata de reivindicar o galego. Fuxir do autodio e sacar ese orgullo, o noso, os nosos superpoderes, como pode ser a retranca por encima de todos eles. É abandeirar o galego como algo moi poderoso, de aí o eslogan do monólogo Galego pode selo calquera, xa que ser galego é o mellor que hai. Ademais, na actuación, falo da miña relación coa aldea, de como me reciben os veciños sendo xa forasteiro, despois de vivir na cidade de Barcelona.

-É moi difícil tratar estes temas con humor?

-Pois a verdade é que non. A sociedade galega ten moi bo sentido de humor, é dicir, por consecuencia é unha sociedade intelixente, malia que non se nos vexa así desde fóra, porque non nos coñecen ou ben, porque non entenden o noso humor, iso pasa moito. Un madrileño non entende a retranca de un tipo de Ribeira, por exemplo. Creo que é unha sociedade moi humorística. Na miña casa eu mamei moito humor desde sempre, é dicir, con anécdotas incoscientes ou que aparecen de forma voluntaria en situacións creadas para facer humor, por parte de miña nai de meu irmán ou de veciños da aldea. Recrear iso e revivilo, pois a verdade é que non resulta difícil.

Compartir el artículo

stats