Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Estrada de Pedro Varela, 100 anos despois

Reeditan en galego o libro clásico do alcalde da Estrada en 1917

Portada original de "La Estrada".

Mañán ás seis da tarde no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) preséntase a reedición traducida ó galego de La Estrada, o clásico libro sobre o noso concello de Pedro Varela, quen fora o seu alcalde no 1917.Trátase da reedición efectuada por Vagalumes e publicada pola Deputación Provincial de Pontevedra dun libro que condensou o esforzo de este político e escritor por elaborar unha historia e un inventario dos bens do Concello da Estrada, que hoxe ten ademais o valor de achegar a visión privilexiada dun persoeiro coma este de cales era as potencialidades desta comarca e de cal é a realidade actual dos sonos que albergaba a súa xeración a respecto do progreso e benestar deste pobo.

Pedro Varela é un membro dunha desas familias da zona de Arzúa que migrou a esta vila florecente e prometedora que no 1900 era o Concello con máis habitantes da provincia de Pontevedra. Participou activamente no movemento agrarista dirixindo unha das súas cabeceiras emblemáticas "Eco de La Estrada" e mesmo asumindo a tenencia de alcaldía na corporación agraria que tomo o concello froito da revolta labrega de 1915. Non aguantou a presión caciquil do Marqués de Riestra sobre o poder municipal e foi dos que rematou rendéndose e pactando con el unha paz precaria que sería denunciada polas Irmandades da Fala de Losada Diéguez cando el xa, froito do devandito pacto, ocupaba a alcaldía en substitución do primeiro rexedor agrario Ramiro Ulloa que se incorporaba á Deputación.

Tres anos estivo na alcaldía asumindo a difícil tarefa de contentar aos agrarios que lle serviran de soporte para tomar o goberno local e a quen ostentaba realmente o poder provincial e fronte ao cal se ergueran os devanditos agrarios. Foi unha época de enfrontamentos políticos a cara de can moi intensos, sobre todo coas eleccións do ano 18 e 19 nas que el tivo que cumprir os seus compromisos co Marqués e apoiar ao seu fillo fronte ao candidato nacionalista, Antón Losada, que realmente respondía as demandas das sociedades agrarias. No 1920 abandona a alcaldía que non a política, a que só deixaría co trunfo do franquismo aínda que neste caso teríamos que dicir que foi a políticas quen o abandonou a el. Pois na república tentou tamén labrarse unha carreira na cousa pública e probou nas filas do Centro de Portela Valladares máis non logrou máis que cando comezou a represión franquista que lle levaran ao tribunal de Responsabilidades Políticas para procesalo polas súas actividades democráticas.

Mais Pedro Varela quedará fixado na conciencia colectiva deste pobo por ter feito o primeiro libro dedicado a coñecer o pasado e presente do municipio estradense. Tema por tema (sociedades agrarias, festas, patrimonio, tradicións, etc...), parroquia por parroquia, foi Pedro Varela recorrendo física e intelectualmente todos e cada un destes asuntos para dar conta na súa obra do seu amor ao Concello que o acolleu e polo que loitou. Dinos no prólogo:

"Revolvendo cartapacios para satisfacer esixencias profesionais saltaron á miña vista documentos e datos de tal modo relacionados co pasado e co presente da bisbarra da Estrada que me fixeron concibir a idea de escribir esta obriña.

Non hai territorio, grande ou pequeno, ilustre ou ignorado, que non ofreza inesgotábel campo de investigacións e curiosidades dignas de publicar; e, a pesar de que unha publicación desta índole acometida por min é empresa temeraria, atrévome a ela contando coa benevolencia dos lectores e reforzado por aquel refrán que di: "fai máis quen quere que quen pode".

E quen quixo puido e hoxe podemos gozar deste libro indispensábel para os que naceron aquí e para os que aquí viñeron de fóra, para os que veñen de visita e os que se quedan para sempre, para os que queiran ver con ollos sabios o entorno tan rico que nos rodea. Así é "A Estrada" de Pedro Varela.

Compartir el artículo

stats