Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Hortensia Taboada Cachafeiro: "Chamáronnos de fóra de Galicia, pero igual nos perdemos; somos máis de tocar por aquí"

"Hai tres rapazas polo menos que van seguir co grupo; andan aprendendo e botámoslles unha man"

Hortensia Taboada flanqueada por Amparo Dobarro e Samuel Crespo, na casa da segunda, en Zobra. // Bernabé/Luismy

Na parroquia lalinense de Zobra a música é unha ponte entre dous momentos, o pasado e o presente. Dende hai moitos anos, un grupo de mulleres desta aldea utilízana como exercicio de memoria, de experiencia e convivio colectivo. O papel das mulleres na transmisión da música tradicional está moi patente no seu famoso grupo de pandereteiras. Hortensia Taboada Cachafeiro é unha das súas fundadoras xunto a súa inseparable amiga Amparo Dobarro Casado, que fai de anfitriona na súa casa xunto a Samuel Crespo Dobarro, o único home da formación, durante a charla que mantén con FARO DE VIGO.

-Segue traballando ou xa decidiu xubilarse por fin?

-Eu fun tecedeira, e aínda o son, pero agora non dou feito por culpa do párkinson. Traballei toda a vida e sempre me gustou o que fixen, o que pasa é que unha xa vai vella.

-Acórdase como foi o nacemento do grupo de pandereteiras?

-Eu que sei? Eu penso moitas veces naqueles tempos cando Amparo e máis eu empezamos a cantar, e como tiñamos unha amiga que se lle meteu na cabeza que non a queriamos, cousa que non era verdade. Lembro que de mozas iamos traballar ao monte e xa viñamos cantando polas rúas, e cansadísimas. Daquela non se vivía tan ben como agora, nin había cervexas. Eramos novas de todo. Isto non o fundei eu, fundeino agora, pero isto xa ven de toda a vida. Chamabámoslle na aldea facer a rúa.

-Non había tantas festas antes en Zobra ou que?

-Facer a rúa era como unha festa. Aquí antes botabamos o liño, faciamos as colchas e as sábanas, por iso había as tecedeiras, que aínda as hai. Naqueles tempos vivíase doutra maneira, claro.

-Como se facía a escolma das coplas do grupo de pandereteiras de Zobra naqueles tempos? Quen era a que as escollía?

-As cancións viñan dos antepasados nosos, que eran as coplas de antigo. Despois fómolas xuntando unhas con outras e así imos indo. Agora somos oito no grupo, incluido Samuel Crespo. Hai anos tiñamos a outro home que tocaba o acordeón moi ben, pero morreunos. Era un moi bon músico, aínda que tocaba o arcodeón de rutina.

-Sorprendeulle a sona que teñen as pandereteiras?

-O certo e que xa hai moito tempo que temos fama. Lembro unha vez que en Doade escoitei falar moi ben de nós a unha xente de Moimenta. Deixeilles falar e despois díxenlles que era unha delas. Facía pouco que iamos as festas.

-Cal é a copla que máis lle gusta de todas as que tocan?

-A min gústame todo, temos unha chea delas. A neta de Amparo fixo a conta o outro día, e da súa avoa só cen. O que pasa é que as miñas son delas, e as delas tamén son miñas porque temos que sabelas todas para poder cantalas despois cando nos chaman. Hainas de jota, e outras de muiñeira.

-Hai canteira no grupo para garantir o seu futuro?

-Hai xente nova que andan aprendendo. Hai tres razapas polo menos que van seguir. Nós aínda non somos moi vellas e botámoslle unha man. A miña mala sorte foi moi grande porque tiña unha filla que morreu hai pouco, pero non quería saber nada do grupo. O que pasa é que estas tres saben poucas coplas aínda, teñen outras actividades e tamén teñen outro tocar distinto ao noso. Elas teñen profesoras e todo, é outra cousa. Nós cando empezamos fomos moi lonxe, a Vilagarcía, e daquela faciámolo mellor que agora, penso eu. O de Vilagarcía era cousa fina. Estaban sen chan porque estaban en obras, pero pasámolo moi ben.

-Nunca as chamaron de fóra de Galicia para tocar?

-Xa nos dixeron, pero igual nos perdemos. Nós somos máis de tocar por aquí, ao redor de Lalín. Ao grupo gústalle moito tocar na nosa zona porque sentímonos máis a gusto tocando para a xente da comarca. O outro día pasámolo moi ben na homenaxe que nos fixeron en Lalín. A min gustoume moito porque estivo moi ben feito. Tocamos as nosas cancións e penso que á xente lle gustaron moito. A verdade é que foi todo moi bonito e todas nos sentimos moi agradecidas.

Compartir el artículo

stats