Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Saudade do profesor Constantino González Penas (II)

Beneficieime da súa paternal amizade, da súa temperanza inconformista, da súa atesourada sabedoiría

Imaxe de arquivo de Constantino González Penas co seu fillo Alfredo, no Cetmo. // Bernabé / Luismy

Malia que o grupo Moucho deixou de funcionar como tal ao rematar o curso 88-89 (a universidade agardaba por nós), o verán do ano 89 tíñanos reservada unha sorpresa que prolongou e, se cabe, acentuou a miña relación con Tino.

Os veráns da nenez e primeira mocidade paseinos a carón da miña avoa, na casa das Raposeiras, no lugar de Meilide (Cerdedo). Porta fóra, a natureza mostrábase sen filtros nin veladuras. Mesmo así, a televisión xa exercía o seu efecto engaiolador e naquelas vacacións do 89, o programa de fauna "Waku Waku", emitido pola 1 de TVE, contaba coa miña simpatía.

O domingo 20 de agosto atopábame, pois, diante do televisor. A xornalista Consuelo Berlanga conducía o concurso no que catro famosos puñan a proba a súa intuición ou os seus coñecementos sobre conduta animal. O gañador recibía un cheque de 500.000 pesetas que debía doar a unha agrupación ecoloxista da súa elección.

Na emisión do día 20 competían o humorista Eloy Arenas, a cantante Massiel, a actriz María Luisa Merlo e o cantante Juan Pardo. Gañou o guitarrista dos Brincos e cos cartos na man dirixiuse á audiencia: "Quiero que este dinero se destine a colaborar con el grupo ecologista Moucho de Pontevedra" (ou algo así).

A sorpresa foi maiúscula. Non daba creto. Oíra ben? Non puiden conter a emoción e axiña chamei por teléfono a Tino. Conteille, atrapalladamente, o que acababa de presenciar. De primeiras, o Moucho vello creu que estaba de broma, mais, debido á miña insistencia, prometeume que faría por informarse do asunto. Aos poucos días TVE facía efectivo o pagamento do premio. Nunca soubemos por que Juan Pardo escollera o grupo Moucho como beneficiario. Moitas grazas de calquera xeito.

Sen demora, acordamos onde investir os cartos caídos, inopinadamente, do ceo. Ao longo daqueles anos, as marismas de Vilaboa ofrecérannos xenerosamente o espectáculo da súa biodiversidade. Decidimos, xa que logo, corresponder, e encargamos a construción dunha caseta observatorio. Instalouse na ribeira, fabricada en boa madeira e perfectamente mimetizada coa contorna.

O observatorio de Vilaboa favoreceu non só a delongada contemplación senón tamén o fotografado de espécimes de natural fuxidío. Moitos afeccionados á ornitoloxía tiraron proveito daquel investimento. A inclemente meteoroloxía e o vandalismo acabaron, tempo despois, por zafrear a estrutura.

Iniciei a miña etapa universitaria e os quefaceres da nova singradura foron arrecunchando no maxín aqueles sábados de literatura e paxaros. Deixei de saber de Tino.

Cara ao ano 1995, impelido polas dúbidas e as certezas adquiridas durante a carreira de Filoloxía, dei comezo na parroquia de Cerdedo os traballos de recolleita e documentación que posibilitarían, en 2002, a publicación de "Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral". A comezos de 2001 fundárase en Terra de Montes a asociación Verbo Xido. Incorporeime ao seu cadro e encargueime de deseñar o "Roteiro Sarmiento", un itinererio cultural que servise para celebrar, no berce do Padre Sarmiento, o Día das Letras Galegas de 2002, ano dedicado á lembranza da vida e obra do frade bieito.

En maio de 2002 tivo lugar en Cerdedo a 1ª edición do "Roteiro Sarmiento". Ben cedo, na praza da igrexa (antiga praza da República), congregárase un bo número de persoas. Pouco antes de comezar a camiñar, oín que alguén se dirixía a min nestes termos: "Ei, Moucho!". Era Tino! Fundímonos nunha aperta emocionada. Pasaran doce anos. Souben naquel intre que era oriúndo de Soutelo de Montes, que exercía de presidente da asociación Verbo Xido e que, coa axuda do seu fillo Alfredo, dedicara a súa merecida xubilación a coleccionar pezas de valor etnográfico. No ano 2000 inaugurárase o Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMo). Os nosos camiños volvíanse xuntar.

Aínda que, canda a súa familia, residía a meirande parte do ano en Madrid, dende o noso reencontro, amais doutras moitas felices coincidencias, non houbo verán que non tomase café en cas de Mila e Tino en Soutelo, oportunidade que aproveitabamos para comentar e debater sobre o acontecer político e cultural daquela terra. A cada pouco recibía no móbil unha saudación, unha mensaxe de ánimo, sempre envolveitas na retranca. Estráñoas.

Beneficieime da súa paternal amizade, da súa temperanza inconformista, da súa atesourada sabedoría. O pasado 13 de agosto cadramos na homenaxe anual aos mártires da Ponte do Barco (Pedre-Cerdedo). A súa enteireza sobrecolleume. Malia o mal que o devastaba, o seu pensamento mantívose lúcido até a expiración.

Estes días vadiei polos xardíns de Lourizán, pola seca de Vilaboa, polos altos do Castrove e os paxaros equinocciais trilaban saudodos a derradeira lección do admirado e benquerido mestre. Deica sempre, Moucho!!

Compartir el artículo

stats