Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rocío Leira Castro: "O meu poemario reflicte o drama do desemprego, a sensación de ter máis pasado que futuro"

"É un privilexio gañar o Avelina Valladares, que gañaron poetas ós que admiro e ós que me gustaría algún día parecerme"

-Antes de nada, noraboa. Acaba de gañar o XX Premio de Poesía Avelina Valladares coa obra INEM baixo o lema "Arume". Sorprendida por este novo galardón?

-A verdade é que me colleu bastante de sorpresa. Estou acostumada a gañar premios literarios en poemas curtos. Para min facer un poemario en torno a unha temática era un reto. Porque require unha técnica de escrita distinta. E nos últimos meses gañei dous premios deste estilo, co cal estou moi satisfeita. O anterior foi hai uns meses no Concello de Negreira, o premio Ardeiro de poesía e agora este... Estou que non mo creo. Neste caso son 23 poemas estruturados en torno a unha mesma temática, que se reflicte no título, INEM. Intenta retratar a través das imaxes poéticas o drama que pode vivir unha persoa que se atopa nunha situación prolongada de desemprego. Intentei retratar o dramatismo da rutina dos días -todos iguais os uns ós outros- e incluso a sensación de ter máis pasado que futuro. En torno a esa idea común están articulados tódolos poemas.

-O xurado destacou a forma "novidosa" do seu poemario...

-Creo que quizais lles chamou a atención a temática: o desemprego. Ainda que é un tema de moita actualidade, quizais se presta máis a ser tratado na narrativa e menos na poesía. É máis novidoso. Esa vertente social por riba dun tema de actualidade quizais puido ser o que lles chamou máis a atención.

-De onde lle agromou a inspiración?

-Da propia realidade. Apoesía debe ter unha vertente social. Ainda que non axuda a mudar políticas sociais ou económicas,si debe servir para mudar conciencias ou facelas reflexionar acerca de temas de clara inxustiza. No día a día non hai máis que ollar os medios de comunicación ou ver ao noso arredor, as nosas amizades: hai xente que leva moitísimo tempo no paro e mozos que nin sequera tiveron a oportunidade de entrar por primeira vez no mundo laboral. Desas experiencias de xente que me rodea e do que eu mesma observo a cotío nos medios de comunicación xurdiu a inspiración. Intentei a través da poesía sensibilizar acerca dese tema.

-É unha escritora atípica. Ensina matemáticas a universitarios e, paralelamente, é unha prolífica creadora polipremiada. Gústanlle as ciencias e as letras. Dánselle ben tanto a prosa como a poesía? Que supón a literatura na súa vida?

-Sempre choca que sexa matemática e á vez me guste a escrita. Máis que opostas creo que son complementarias ainda que representan papeles distintos. As matemáticas son o meu traballo, ó que adiquei a miña formación e adico as horas. A literatura é unha evasión, unha forma de diversión, unha afección que cada vez cobra un protagonismo maior na miña vida e que me sirve para evadirme de toda a abstracción do mundo matemático.

-Que balance fai da súa traxectoria literaria?

-Ainda son unha advenediza. Acabo de chegar. Teño tres obras publicadas: dúas infantís e un poemario para adultos. Tiven bastantes premios pero deles só teño publicado o Obituario. Ás veces fan publicacións colectivas. Estou comezando, teño moitas carencias e interésame moito formarme. A formación académica está moi alonxada da literatura, o texto literario. Intento formarme para mellorar e sentir que cada vez o vou facendo mellor. Gustaríame dentro de 20 anos volver a vista atrás e ó ler os meus textos actuais pensar: "uff, mirao qué escribía daquela". Iso significará que mellorei. A literatura, como tódalas cousas, é algo que se pode ir mellorando. Máis que escribir para os demais, o que me da satisfacción son os pequenos logros persoais, que son os que dan satisfacción persoal. Como neste caso. É unha vía nova que se me abre. Teño que seguir mellorando e poñerme novas metas.

-Algunha nova que confesar?

-Gustaríame seguir consolidándome en textos longos. En poesía levo dous poemarios premiados. Gustaríame seguir afianzándome e o meu soño sería tamén escribir unha novela para adultos que chegue a ver a luz ou acade algún premio. Ainda non o conseguín. Sería o reto máis próximo.

-Supoño que xa traballa nas próximas creacións...

-Estou coa promoción de Obituario e teño moitas cousas escritas. Sempre vou escribindo varias cousas á vez, de distinto xénero.

-Que supón na súa traxectoria literaria gañar o XX Premio de Poesía Avelina Valladares ?

- É unha gran satisfacción. Avelina Valladares foi unha muller que tanto representou na literatura galega. Foi unha das primeiras en escribir artigos en galego na súa época. E ademais, este premio ten unha traxectoria moi longa que foron gañando ao longo dos anos poetas ós que admiro e ós que me gustaría algún día parecerme. Neste sentido, creo que para calquera autor é un privilexio ter ese premio no currículo.

Compartir el artículo

stats