O domingo 16 de febreiro de 1936, celebráronse as terceiras eleccións xerais do período republicano. En Cerdedo, os electores acudiron ás urnas baixo unha intensa chuvia. A Fronte Popular obtivo a maioría nestes comicios. En Cerdedo o triúnfo foi rotundo. A dereita só colleitou apoios na capital municipal, "coveira da canalla" (Cabanillas dixit). O pobo cerdedense, homes e mulleres, volven referendar a República, confiándolles de novo o goberno ás forzas políticas de esquerda.

En marzo, o Goberno Civil de Pontevedra nomeará unha Corporación interina en Cerdedo. A misión que se lle encomenda á Xestora é a de dirixir o concello de Cerdedo até a celebración, en breve prazo, de novas eleccións municipais.

En sesión extraordinaria celebrada na casa do Concello de Cerdedo o día 20 de febreiro de 1936, figura como alcalde-presidente Antonio Sueiro Cadavide (dirixente local de Izquierda Republicana). Ao seu carón, os concelleiros Luciano García Ventín (dirixente de IR, tenente de alcalde), Severino Bugallo Valiñas (PSOE), Xosé Souto Penelas, Xesús Bugallo Merza, Teófilo Otero Valiñas e Manuel Gamallo Bugallo (IR).

En xuño de 1935, o xuíz da Estrada Fermín Bouza Brey abríralle un proceso penal ao alcalde Antonio Sueiro Cadavide por presunta falsidade en documento público. A controvertida acusación obrigou a Antonio do Lagharto a cesar nas súas funcións.

Aínda así, en Cerdedo, algunhas das decisións tomadas pola nova autoridade da Fronte Popular na sesión do día 20 foron a de encomendarlle a Francisco Varela Garrido (Pancho Varela) (IR) o posto de secretario do Concello e nomear o mestre Francisco Varela Buela (don Paco) (PSOE) "asesor técnico" da Secretaría, depoñendo a Secundino Bugallo Sieiro (ex-alcalde riestrista; secretario), a Xosé Perfecto Sieiro Varela (oficial primeiro), a Luís Giadás Nieto (alguacil-porteiro) e a Francisco González Caramés Majito (recadador-depositario) dos seus cargos na Corporación. Na sesión do día 22, cesan a Xosé Caramés Gamallo como practicante. Todos catro, dereitistas.

O xornal El Pueblo Gallego do venres 13 de marzo informa que, días despois das eleccións, como mostra de agradecemento, acoden a Cerdedo os deputados electos Castelao (PG), Celestino Poza (UR) e Guiance Pampín (PSOE), sendo recibidos con entusiasmo por unha multitude. Os deputados, canda o mestre de Cerdedo, Francisco Varela Buela (PSOE), pronuncian afervoados discursos. Os oradores son, a cada pouco, interrompidos por vítores e aplausos.

A celebración do 1º de Maio trouxo ás tribunas de Cerdedo ao deputado comunista por Pontevedra Adriano Romero Cachinero e ao devandito avogado e deputado socialista pontevedrés Amando Guiance Pampín.

O 10 de maio, consonte o establecido na Constitución, unha asemblea formada polos deputados electos e un número semellante de compromisarios votan e nomean a Manuel Azaña presidente da República. Azaña encárgalle o goberno ao galego Santiago Casares Quiroga (IR). Ignorante da conspiración militar que se urde en silencio, o pobo de Cerdedo enxerga a data do referendo do Estatuto de Autonomía (28 de xuño). A Corporación cerdedense achega 150 pesetas para gastos da campaña.

O domingo 28 de xuño Galiza vota a favor do Estatuto. A porcentaxe de participación atinxiu o 74'52% do censo electoral. Dos 1.000.963 votos emitidos, 993.351 (o 99'24%) expresaron o seu apoio ao autonomismo. O pobo galego conquistaba para Galiza a categoría de nación. O golpe de Estado fascista demorou a aprobación do Estatuto de Autonomía, mais, grazas ao heroico empeño de Castelao, en 1945, no exilio mexicano, as Cortes republicanas outorgaríanlle finalmente a súa conformidade.

Os días 17 e 18 de xullo de 1936 ten lugar a sublevación militar contra o Goberno da II República que fora lexitimado polas urnas en febreiro dese mesmo ano. En Cerdedo, o día 20 de xullo, un comité de emerxencia dirixido por Pancho Varela e Francisco Varela Buela tratará en van de salvagardar a orde constitucional. O frustrado golpe de Estado abocaríanos a unha guerra civil (1936-1939) e, derrotadas as forzas leais á República, a un réxime totalitario baixo a caudillaxe de Francisco Franco (1939-1975).

Lembremos brevemente o acontecido en Cerdedo aquel fatídico verán de 1936. Coñecida pola radio a nova do levantamento militar e co alcalde Antonio Sueiro Cadavide inhabilitado por criterio do xuíz Bouza Brey, o domingo día 19 de xullo de 1936 Pancho Varela entrevístase en Fondós (Quireza) con Luciano García Ventín, tenente de alcalde. O alcalde en funcións deixa nas mans de Pancho o control da situación.

O luns 20 de xullo os franquistas declaran o estado de guerra en Pontevedra. De mañá, Francisco Varela Garrido, secretario interino do Concello de Cerdedo, baixa á capital na procura de noticias e instrucións. Na Deputación, o gobernador civil de Pontevedra Gonzalo Acosta Pan (ou Alexandre Bóveda) desígnao delegado gobernativo en Cerdedo.

Ás tres da tarde, de volta en Cerdedo, Francisco Varela Garrido preséntase no cuartel da Garda Civil e, en virtude da autoridade conferida, transmítelle ao cabo Avelino Sánchez Vázquez a directriz de "pórse ás súas ordes". Sen demora, solicítalle ao mestre Francisco Varela Buela que redacte un bando co propósito de xuntar voluntarios armados para acudir á capital en defensa da República ("concurran a la Casa-Ayuntamiento todos los vecinos con las armas que posea cada uno"), implicándose, canda Secundino Bugallo Iglesias, Severino Bugallo Valiñas, Xosé Torres Paz e outros, na requisa de armas porta a porta. Desarmar os dereitistas convértese nunha prioridade.

No transcorrer da xornada, Pancho Varela ordena a detención dun exaltado (Antonio Sieiro Giadás), requisa algún vehículo de transporte e pídelle ao mestre Luís Toimil Ferrer que poña o seu aparato de radio a disposición da causa, para estar ao tanto dos acontecementos (en Cerdedo non había teléfono). O mesmo día 20, xunta da noite, a requirimento de Xosé Mª Lavandeira Durán (alguacil-porteiro do Concello), David Paz Cachafeiro a toque de trompeta, corneta ou tambor pregoa o dito bando.

Atendendo as instrucións recibidas e firme nas súas conviccións, Pancho Varela tentou conxugar, na súa xurisdición, o restablecemento da legalidade democrática co mantemento da orde pública.

Pontevedra cae en poder dos sublevados. O martes día 21, un comité de emerxencia, presidido polo alcalde accidental Luciano García Ventín (IR) e secundado, entre outros, por Francisco Varela Garrido (IR), Sabino Bugallo Valiñas (presidente local de IR), Xosé Torres Paz (presidente local do PSOE), Francisco Varela Buela (vicepresidente local do PSOE), Secundino Bugallo Iglesias (IR) e Manuel Gamallo Bugallo (IR) permanecen na casa do Concello ao pé do canón.

O mesmo día, un destacamento da Garda Civil de Pontevedra, ao mando do sarxento Anselmo Sánchez, dirixiuse a Cerdedo con ordes de prender as autoridades republicanas.

Apostados na ponte Valoutas, os gardas impediranlles o paso aos veciños que, provenientes da lindeira parroquia de Figueiroa (chamada "a pequena Rusia"), responderan á chamada do delegado gobernativo. O continxente é desarmado e, aqueles que non puideron ou non quixeron fuxir, serán confinados no cuartel (entre eles, Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias). A boticaria Carme Camiña, nai de Anxo Bugallo Camiña (secretario de IR en Cerdedo), tamén figura entre as persoas detidas. Anxo Bugallo, estudante de Farmacia, fora recluído en Forcarei.

En retirada, frustrados pola impotencia, os valedores da República derruban o cruceiro de Antas.

Perdida toda esperanza e refusando un inútil derramamento de sangue, Pancho Varela depón as armas e foxe. O escondedoiro do Outeiro das Aveas (no monte do Seixo) proporciónalle agocho durante uns días. Comparte acubillo con Sabino Bugallo Valiñas e Xosé Torres Paz. Días despois, un falanxista ao axexo detectou a Torres no interior da súa vivenda, sendo prendido ao instante e confinado no cuartel da Garda Civil. Sabino Bugallo consegue embarcar, exiliándose en Arxentina, de onde non retornará. O 2 de setembro Pancho Varela é detido en Monleras (Salamanca) e en abril de 1937, tras xuízo sumarísimo, condenado a morte. A sentenza cosumouse o 27 de xullo dese mesmo ano en Pontevedra. No mesmo xuízo, condenouse o mestre Francisco Varela Buela a cadea perpetua.

Continuará...