Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xesús Iglesias Surribas, infatigábel xornalista

En Lalín fundou o xornal agrarista "Verdad y Justicia" e dirixiu o republicano "Razón" e na Habana crea a revista "Cultura Gallega" e mantén unha participación activa nas sociedades de emigrantes e no seu impulso das escolas

Xesús Iglesias Surribas.

Hai anos viaxei á Habana seguindo a pista do que fora o xornalista máis importante da nosa comarca, Xesús Iglesias Surribas. Sabía que logo da súa experiencia na época republicana como director do periódico Razón, marchara novamente a Cuba e alí, xunto co silledense Adolfo Víctor Calveiro, creara a revista Cultura Gallega. Pero aí perdíase a súa pista. Retornaría despois? Marcharía de Cuba coa Revolución?

Na Habana entrevisteime co fillo e o neto de Máximo López Carral, o que fora o seu compañeiro nas angueiras do "Club Lalín", quen retornara a Galicia e fundara con el o periódico agrarista Verdad y Justicia a principios dos anos vinte. Percorrín as rúas Amargura e Aguacate, onde tivera os seus obradoiros. Logrei atopar a que fora a súa última casa e falar con algúns dos veciños que aínda o recordaban, a el e á súa compañeira Josefina. Finalmente, achegueime ao Cemiterio de Colón onde puiden localizar a súa partida de defunción: Jesús Iglesias Surribas, natural de España, 84 años, viudo, hijo de Benito y Rosa, murió en el Hospital Emergencia de bronconeumonía el 5 de mayo de 1978.

Xesús naceu na parroquia de Anseán o 7 de marzo de 1891, era fillo de Benito Iglesias de Anseán e Rosa Surribas García de Cristimil. A súa irmá Elisa, catorce anos máis vella, casada con Manuel Fernández Villar, de Vilatuxe, levouno con ela cando marchou a Cuba en 1905. Con catorce anos, Xesús puido facer algúns estudos na Habana e deseguida empezou a traballar en varios oficios, ata que definitivamente se asentou como axudante nunha imprenta. Introduciuse na vida da colonia galega da Habana e fíxose socio de "Hijos del Partido de Lalín" na capital cubana, unha sociedade que se fundou en 1910 co propósito de auxiliar a súa homónima arxentina no obxectivo de construír un hospital-asilo en Lalín. Non obstante, e a diferenza dos bonaerenses, os cubanos xa tiñan claro desde o principio que, ademais da edificación do hospital, os fins da sociedade debían ser contribuír ao fomento do ensino e axudar ás sociedades agrarias na súa loita anticaciquil. Da man do seu amigo Máximo López Carral, en 1915 convértese en vicesecretario de Hijos de Lalín e ofrécese á sociedade para traballos de imprenta e proporcionar carteis e anuncios gratuítos. Durante a segunda metade dos anos dez, Iglesias pertenceu ás directivas de "Hijos de Lalín" ocupando diversos postos.

Porén, os seus obxectivos de fomentar o ensino e crear un periódico non se ven cumpridos con "Hijos de Lalín", pois a maior parte dos seus membros tiñan como meta primordial a construción do hospital, que se prolonga no tempo. En 1920, xunto con outros emigrantes lalinenses, crean na pensión onde se reunían, a pensión de Avelina Presas, en Sol, o "Club Lalín Amor y Progreso Sociedad de Instrucción, Auxilio y Protección al Trabajo". Xesús pertenceu á comisión redactora do regulamento da sociedade e foi o primeiro vicesecretario da súa xunta directiva cando se legalizou en xuño. Desde o "Club Lalín" impulsou a construción de escolas; ademais, formou parte do "Comité de Sociedades Gallegas de Instrucción de la Habana".

Ao ano seguinte, o 30 maio de 1921, embarca rumbo á Coruña no vapor Odriozola; como despedida, o "Club Lalín" ofrécelle un xantar na sala La Tropical. Parece que se instala en Prado, para darlle forma ao seu vello proxecto de edición dun periódico, ao mesmo tempo que colabora como correspondente na comarca de Eco de Galicia. Por fin, o 18 de abril de 1922 aparece o quincenal Verdad y Justicia, baixo a dirección de Máximo López, que tamén retornara de Cuba a principios do ano anterior para instalarse na súa parroquia de Moneixas e poñer alí unha escola na que impartía clases para adultos. Xesús aparece como administrador do periódico, pero terá que substituír a Máximo na dirección cando este decide marchar novamente a Cuba en setembro dese mesmo ano, logo da persecución do cura de Moneixas e de sufrir un atentado. Iglesias implícase tamén no movemento agrarista e trata de levar adiante Verdad y Justicia, que foi atacado polo clero local por masón e espiritista e mesmo chegou a ser prohibida a súa lectura polo bispo de Lugo a principios de 1923. Coa ditadura de Primo de Rivera, o periódico adopta unha actitude conciliadora co directorio na liña do agrarismo dezao, pero o conflito remata por estalar a finais de 1924 con motivo da elección da nova directiva da Sociedade de Gresande. Como consecuencia disto, os opositores a Cándido Soto foron denunciados e Surribas foi acusado de non ter feito o servizo militar, polo que tivo que fuxir precipitadamente a Cuba. O periódico cesou a súa publicación e, aínda que volveu saír meses despois con outra dirección, estaba xa tocado de morte e cesou definitivamente a principios de 1926. Por desgraza non se conserva ningún exemplar de Verdad y Justicia, o que impide que poidamos seguir esta etapa da historia local con maior detalle.

Xesús retoma o seu traballo de impresor na Habana e volve participar activamente nas sociedades de emigrantes dezás: vocal de "Hijos de Lalín" en 1926, vicepresidente en 1927, secretario de actas en 1929, vicepresidente en 1931... E no "Club Lalín", do que será presidente en 1928 e secretario en 1930, é un dos impulsores da proposta de dotar coa cantidade de 1.000 pesetas para a creación e sostemento de casas-escola a todas as parroquias do Concello de Lalín. Grazas a esta doazón construíronse as escolas de Alemparte, Vilanova e Prado. Coa caída de Primo de Rivera, Surribas retoma o proxecto da edición de Verdad y Justicia, do que finalmente só aparece un número a finais de 1929, baixo a responsabilidade de Xesús Froiz. En 1933, xa en plena República, decide retornar a Galicia para crear un novo proxecto xornalístico: o periódico Razón, que verá a luz o 18 de xullo de 1933. Subtitulado Periódico independiente, e dirixido por Surribas, conta coa administración de Celso Carrón, que é tamén o impresor, e coa colaboración de Xesús Froiz. No editorial do primeiro número escribe Iglesias: "Las peripecias que hemos encontrado a nuestro paso cuando estuvimos al frente de 'Verdad y Justicia', no fueron causa para amilanar nuestro camino; antes al contrario, ello nos sirvió de acicate para reunir todas nuestras energías y emprenderla directamente sin rebajas. Nuestro grito era de justicia y de razonamiento, era la protesta de la dignidad pública que se encarnaba en nosotros, que sosteníamos la campaña en defensa del deshonor y la procacidad de los traficantes de vendicta pública, que se transformó como un sol que va a purificar las burdas pestilencias con que quisieron mancharnos".

Razón apoia o réxime republicano e a xestión municipal de Manuel Ferreiro, reclama a autonomía para Galicia, reivindica a continuidade das obras do ferrocarril, critica o tratado con Uruguai e móstrase favorable á creación de cooperativas agrarias. Está na liña do Partido Galeguista, ao que pertence Xesús Froiz e no que ingresan Celso Carrón e o propio Surribas o 20 de febreiro de 1934.

Esta nova aventura xornalística ten o seu final nese mesmo ano, logo das eleccións xerais de novembro que dan o triunfo á CEDA. Novamente, o ambiente vólvese irrespirable para Xesús e decide marchar outra vez á illa caribeña. Embarca en Vigo no transatlántico francés Mexique, o 25 de maio.

Ao pouco do seu retorno á Habana xa emprende un novo proxecto: convértese no administrador de Cultura Gallega, unha revista mensual ilustrada que apareceu o 5 abril de 1936 e mantívose até marzo de 1940. Dirixida polo silledense Adolfo Víctor Calveiro, e con Eladio Vázquez Ferro como subdirector, é unha das últimas publicacións galegas importantes de Cuba. Tirábase na imprenta de Xesús, na rúa Aguacate, 520. Surribas contribuíu xenerosamente cos seus cartos a superar períodos de graves dificultades. Nos seus obradoiros tamén se editou a revista Cultura Hispánica nos anos cincuenta, e algúns libros de exiliados galegos como Con los ojos del recuerdo. España, de Ramón Fernández Mato.

Tampouco abandona a actividade societaria: foi elixido vicepresidente de propaganda da "Agrupación Artística Gallega", presidente de "Hijos de Lalín" en 1939 e vogal da comisión patrocinadora da Conferencia de españoles por la Paz en Cuba en 1952.

Sabemos, pola efémera correspondencia que mantivo co seu sobriño Higinio Iglesias, que o 7 novembro de 1957 sufriu unha trombose, que lle impediu volver falar. Deixa todas as súas actividades e mesmo dáse de baixa na sociedade "Hijos de Lalín"; será a súa compañeira Josefina Ribut quen o coide. Logo do triunfo da Revolución, en xaneiro de 1959 a súa saúde empeora e teñen que amputarlle unha perna. Morre a súa compañeira Josefina e a súa filla Mª Joaquina Columga Ribut, que consideraba a Xesús como o seu padrasto, faise cargo del ata a súa morte en maio de 1978. Foi Mª Joaquina quen sufragou os gastos do enterro e o nicho no panteón da "Sociedad Cangas de Onís, Parres y Amieva" do cemiterio de Colón da Habana, onde foi soterrado.

Desgraciadamente, cando viaxei a Cuba, xa non puiden contactar con ela, pois marchara a Estados Unidos en 1980, no éxodo do Mariel. Instalouse en Miami e morreu en xuño 1998. Así pois, non puiden recuperar ningún documento do que había ser un dos mellores arquivos para reconstruír parte da historia da nosa comarca.

Compartir el artículo

stats