Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Agolada volverá lembrar a Primo Castro

-A Eira da Xoana acollerá unha homenaxe ao rexedor republicano no mes de agosto -Colocarase a placa que desaparecera na súa casa natal dous meses atrás

Descubrimento do legón colocado na ponte de Carmoega en xullo de 2006. // Bernabé/Javier Lalín

Primo Castro Vila, o alcalde republicano máis recordado en Agolada, recibirá unha nova homenaxe popular este verán. O rexedor, que gobernou en dous períodos -un que vai de 1931 a 1936 e outro de a penas 5 meses en 1936, ata o estalido da Guerra Civil-, volve ser rememorado por algúns dos defensores que hai dez anos celebraron unha cerimonia a favor da súa figura. O recordatorio, previsto para o mes de agosto, consistirá na implantación na Eira da Xoana da placa conmemorativa que no ano 2006 foi situada na que foi a súa casa natal na Feira Nova, en Brántega.

O distintivo cambiará de lugar despois de ser encontrado, trala súa desaparición hai dous meses da fachada onde fora colocado no seu día. Por ese motivo, os promotores daquela ceremonia decidiron render outra sentida homenaxe a este conveciño que foi considerado como un adiantado para os seus tempos. Desta maneira, trasladarase o tributo a un novo emprazamento nunha fecha aínda por determinar no vindeiro mes de agosto.

Entre os promotores daquel primeiro tributo estaban Paco Lareo, Marcial Barral ou Xosé Vázquez Pintor, que coincidiran en sinalar a gran implicación de Primo Castro nas diversas iniciativas que liderou, tales como a creación de centros de ensinanza primaria por todo o concello, co fin de erradicar a analfabetización, ou a realización de obras nas estradas para buscar unha mellora das comunicacións comunais. Obras como a da ponte de Carmoega, que pasa por encima do río Arnego, foron posibles grazas á determinación do rexedor, así como á colaboración dos veciños da zona, que logo de rematar as súas respectivas xornadas de traballo participaban de maneira voluntaria na súa construción.

Legón, símbolo de liberdade

En conmemoración ao esforzo realizado pola parte do alcalde republicano alzouse, no piar máis visible da ponte de Carmoega, unha ferramenta agrícola como símbolo de liberdade para os traballadores e traballadoras da zona. Vázquez Pintor, un dos defensores da figura do gobernante, aclaraba que "a implantación do legón no piar é unha metáfora do traballo que realizou Primo Castro para sacarllo do lombo aos veciños, como sacarlle unhas cadeas".

O escritor agoladense, que ten no seu poder a placa mentres non se realice a homenaxe, reflexa a "alegría que produce recordar de novo a unha figura como Castro Vila que fixo tanto por Agolada". Aclara que "a placa desapareceu da fachada onde foi situada, e tras percatarnos do ocorrido tivemos que achegarnos para saber onde estaba. Finalmente, foi o actual dono da taberna na que estaba situada o que a tiña gardada, é unha pena que un recoñecemento a unha persoa tan importante leve un trato semellante, iso é algo que non entendemos", apunta Pintor.

Dedicatoria dunha rúa

Xunto coa ceremonia de recoñocemente celebrada hai case dez anos, á que asistiran dende familiares directos de Castro Vila e seguidores da súa traxectoria, tamén se solicitara que unha das rúas de Agolada levase o seu nome. O daquela edil nacionalista Xosé Ramón Blanco levara esta petición ao pleno municipal, pero fora non saira adiante ao non recibir o respaldo do goberno do Partido Popular.

Compartir el artículo

stats