Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O léxico dos nosos maiores na Administración de Xustiza

O vocabulario pouco usual na rúa que se emprega no xulgado fai que os solicitantes fagan as peticións dun xeito pouco atinado

Imaxe do edificio que acolle o Xulgado Número 1 da Estrada e o Rexistro Civil. // Bernabé / Luismy

O único que pretende este artigo é que vexa a luz a nosa forma de falar, a nosa singularidade. Nunca será unha chanza aos nosos coetáneos, posto que en xeracións vindeiras non usarán esta forma de linguaxe. Por elo achegámolo á sociedade. Moitos dos que formamos parte dese colectivo denominado maiores -que padecemos unha carencia cultural da nosa lingua, amén doutras materias e atragántasenos o castelán- utilizamos na nosa fala as coñecidas gheadas. Así dicimos," cheghei", "xoghei", etc. Adoitamos utilizar expresións con certo erro. Pero ao dicilas estamos convencidos de que o facemos correctamente. Por exemplo dicimos "untamiento", en vez de "ayuntamiento", "poblema", "arradio", "ocolista", "retonda", "cameón", e un longo etcétera. Tamén é certo que por mal que se diga, é moito mellor falar así que facelo en castelán.

O que hoxe traemos a estas páxinas é o léxico usado polos nosos maiores cando se dirixen a facer calquera xestión no xulgado. Este organismo utiliza un vocabulario pouco usual na rúa, que fai que ao solicitar as peticións se faga dun xeito pouco atinado. E mesmo non entendan o que se lle está a dicir. E se non, lean vostedes este relato.

Preséntase no xulgado un personaxe demandado que tiña un xuízo e diríxese ao funcionario deste xeito: "Boas, teño un xuízo, pero eu non quero que o haxa". O funcionario respóndelle que se non quere que haxa xuízo, ten que poñerse de acordo coa parte contraria. Erre que erre segue na mesma tesitura o persoeiro, insistindo en que non quere que haxa xuízo. Cheo de paciencia respóndelle o funcionario: "vostede verá. Nós imos celebralo". Responde entón o persoeiro: "¿ por riba de amolarme, inda ides a celebralo?"

Doutra volta, estábase a celebrar un xuízo por unha liorta entre unhas parellas. Pregunta o xuíz a unha señora: "Entonces el navajazo que usted tiene fue en la reyerta". A resposta foi: "Non, señoría. Foi entre a reyerta e o omblijo".

Ademais, cando se acude ao Rexistro Civil a solicitar unha fe de vida, unha partida literal de nacemento, de matrimonio ou de defunción, pode e de xeito ocorre, que se solicita desta guisa: ás "partidas literales" e ás "partidas compulsadas" poden chamarlles "laterales", "litorales", "computadas", "compensadas", "imputas", etc. Tamén ten ocorrido que ao acuse de recibo se lle cha me acuse de retina.

"Boas. Viña a ver se me podía facer unha fe de vida para un suicidio" cando se quere dicir unha fe de vida para un subsidio. Ou mesmo que se sinale: "facíame falta unha participación de nacemento" en troques de dicir "partida de nacemento". Ou que se pida: "fájame unha fe de vida para o Instituto de Perversión Social" cando se refiren ao Instituto de Prevención Social.

E se lle din: "Vostede para este documento, precisa que lle firme un testigo" ten ocorrido que, ao pouco, o interesado se presente no Rexistro acompañado doutra persoa, dicindo estas verbas: "aquí teño o testículo que me mandou buscar,. Fulano, faime o favor. Bota un maragato" -por garabato- "para que saiban que estou casado".

Tamén pode ocorrer que lle digan ao funcionario.: "Boas. Necesito unha partida de nacemento do meu home. Élle para cobrar a pensión de Francia" e cando o funcionario lle pregunta "e logo o seu home non pode vir" que responda: "Non. ¡Que máis quixera! Estalle moi maliño na cama e tenlle dencia genil" por "demencia senil".

Nunha ocasión pasouse una señora a recoller unha partida de nacemento, que xa a solicitara o seu marido. "Bos días. Viña recoller unha partida de nacemento de Aduardo Rodrígez". Cando o funcionario lle explica: "Eduardo con E; señora" reitera: "Aduardo con E, non, Aduardo Rodrígez".

Xa para rematar, temos que resaltar que esta forma de expresarse os nosos maiores é similar en mulleres e en homes, sendo as mulleres moito mais contidas e educadas mentres unha minoría de homes utilizan un machismo denigrante e deplorable.

Compartir el artículo

stats