Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soutolongo, aldea singular (e V)

José Vázquez Otero 'Pepe do pazo': "Na época das minas da Brea foi cando vendín máis viño, alí non miraban moito a calidade"

"Na Cruz da Grade atopeime con cinco lobos que trataban de facernos un cerco; espanteinos acendendo mistos"

Pepe do Pazo, preparado para iniciar unha das súas andainas, coa recua de mulas, desde O Ribeiro ata as Terras de Deza.

Os arrieiros foron transportistas de mercadorías que se movían, normalmente a longas distancias, empregando mulos/as para levar as cargas. Facían os recorridos pola vella rede viaria galega, incluidos os camiños reais. Por todas estas razóns, foron testemuñas vivas da nosa historia rural, como ben se pode apreciar nas sabias respostas que nos deixou Pepe do Pazo. Esta entrevista ou interrogatorio, orixinalmente de 47 preguntas, foi realizada en 1992 a José Vázquez Otero, popularmente coñecido como Pepe do Pazo, o último arrieiro, non só de Soutolongo (Lalín), senon de toda a comarca de Deza. Morrería dezaséis anos máis tarde, en 2008, aos 92 anos de idade. O obxectivo da entrevista era a elaboración dun traballo sobre o "comercio tradicional do viño e aguardente do Ribeiro na Comarca de Deza", que se pesentaba nun curso de doctorado na Universidade de Santiago. Pepe do Pazo naceu en Soutolongo en 1916 e desde a súa xuventude traballou como arrieiro transportando, con mulas, viño do Ribeiro a numerosas localidades da nosa comarca. A súa etapa laboral, que durou ata 1977, sobrepasaría os 45 anos de actividade de non ser polos anos de servizo militar e a súa participación na Guerra Civil.

-Onde mercaba o viño e a augardente?

-Mercaba sobre todo na zona do Arenteiro: O Carballiño, Leiro, Gomariz, Cameixa, Parada, Laxas, Liñariños, Pazos de Arenteiro, Salón... Algunha vez chegaba a mercar en A Rivela, cerca de Ourense. Case sempre fun á mesma zona, porque era a que me quedaba máis cerca e o viño era dunha gran calidade, feito con uvas de cepas vellas, que podían ter cen anos. Eu comerciaba sobre todo con viño tinto, no caso da augardente só a traía por encargo para as tabernas.

-Onde vendía o viño que compraba no Ribeiro?

-Vendíallo ás tabernas, aos particulares que mo encargaban e nas feiras da zona, como a dos Carballiños o día 8 de cada mes, na de Prado os días 13, nas de Lalín o 3 e o 18 e na de Silleda o 23. Tamén tivemos barracóns nos que se servían comidas, pulpo e viño nas feiras de Lalín, Silleda e Os Carballiños.

-Cales eran os percorridos máis habituais e como se atopaban os camiños polos que transitaba?

-Seguía varias rutas aproveitando, sempre que era posible, os camiños reais. Aquí entraba pola Cruz da Grade, Samprizón, Carrofeito, Doade, Sampaio, Soutolongo, pero, tamén o facía polo Alto da Romiña, O Espiño e A Saborida. Pola zona do Ribeiro pasaba por Dadín, Bugalleira, Concieiro, Corneda, Penedo e Almuzara, que era onde dormía moitas veces, Os camiños eran malos. No inverno estaban cheos de lama e as mulas enterrábanse neles. Non había camiños co bo firme. Os mellores eran os chamados camiños reais, pero non os había para chegar a todos os sitios.

-Como transportaba o viño?

-O viño metíase en pelexos, que estaban untados con pez no interior para facelos impermeables. Os pelexos eran peles de castróns ou de cabras co pelo rapado e revirado cara adentro, cosidos polos cortes. Normalmente viñan de Castela, que era onde había máis animais desa clase e tamén había pelexeiros que se adicaban a preparar as odres (pelexos). Un pelexo levaba, aproximadamente, unhas catro olas e unha ola equivalía a uns 16-17 litros. Para o transporte tiña unha recua de seis mulas e a cada unha poñíalle dous pelexos, un cada lado da albarda. Unha mula levaba, polo regular, unha carga de sete/oito olas e iso equivalía a un moio.

-Cal foi a mellor época que recorda como arrieiro e, dentro do ano, cando tiña máis traballo?

-Empecei a traballar nisto aos 14 anos, en 1930, logo tiven que ir á guerra e deixeino no 1977. Na época das minas da Brea, alá polos anos 40-50, foi cando vendín máis viño. Alí non miraban moito a calidade porque servíano nas numerosas tabernas que houbo. Naquel entonces case non paraba, xa que facía dúas ou tres viaxes por semana. Respecto do ano, cando se vendía máis era coa chegada do viño novo, en torno ao mes de decembro. Tamén se notaban as festas do verán, porque nelas todo o mundo consumía viño do Ribeiro. Era unha costume que viña de moi atrás.

-Recorda algunha anécdota?

-Non, a pesares de que isto era unha vida moi dura. Víase moita miseria pero a xente era feliz.

-Si, pero algunha vez tivo que pasar medo. Sabe onde está o Campo do Lobo?

-Eu non era persoa de medo, pero nalgunha ocasión tiven problemas. Unha noite, ás dúas da madrugada, cando pasaba pola Cruz da Grade, atopeime con cinco lobos que tentaban facernos un cerco, poñéndose por adiante e por atrás das mulas, obrigándonos a parar a cada pouco. Laica, a cadela que levaba sempre nas viaxes, tiña medo e metíase entre os mulos. Eu tentaba espantar aos lobos dándolles berros, pero non facían caso, ata que metín a man no bolsillo, saquei a caixa de mistos e comencei a acendelos. Ao facer lume os lobos apartábanse e, desa forma, podiamos seguir avanzando con moita lentitude, pero o problema foi ao acabar as cerillas. Menos mal que xa estabamos chegando á aldea de Nogueira e alí os lobos deixaron de seguirnos. Non pasou nada, pero sentinme ameazado e moi preocupado polo medo que pasou a cadela.

-Como pasaba a noite? Dormía sempre baixo teito?

-Dependía bastante da época do ano ou do apuro no traballo. No verán o camiño facíase máis ben de noite por causa da calor, porque aos odres non era conveniente que lles dera o sol, xa que o viño necesitaba frescura e as moscas molestaban ás mulas. Durante o inverno ou se había mal tempo, quedábame en pousadas ou nas propias casas do Ribeiro onde lles mercaba o viño.

-Que vestimenta empregaba para protexerse da chuvia.

-Antigamente non había máis que corozas, pero ao se mollaren pesaban moito e non se daba andado con elas. Despois viñeron os impermeables, que tamén servían para os animais e eran moito máis cómodos.

-Tiña algún problema coas comidas durante as viaxes?

-Normalmente non, porque estaba todo ben calculado e se había que aguantar algo de fame tamén se aguantaba. Ás veces, cando tocaba comer fóra facíao no Torrón, máis alá do Carballiño, pero o día que saía da casa para facer a viaxe de ida, levaba carne e pan para comer unha ou dúas veces.

-Ten pasado por sitios perigosos, como era A Pena dos Ladróns, e suponse que ten sufrido algún atraco.

-Nunca me atracaron pero outros arrieiros teñen contado que sufriran atracos ou roubos. Atracar a un arrieiro que ía só era fácil. Os sitios máis perigosos eran os despoboados ou onde era fácil esconderse. A Pena dos Ladróns teño entendido que estaba no alto, cerca da Hermida, moi próxima ao vello camiño real que viña a saír entre Castro de Arriba e Castro de Abaixo.

-Como se amañaba para darlles de comer aos mulos nas viaxes?

-Cando saía da casa levaba millo, herba e alpacas de trigo. Unha vez que se acababa mercáballes nas pousadas o que fixera falta.

-Como repercutían as malas colleitas no seu traballo?

-A produción non era sempre igual, pero servíame en varias casas e en diferentes lugares. As néboas, as xeadas tardías e as sequías afectaban moito ao viñedo, pero tamén cando chovía demasiado. A moita auga daba un viño de peor calidade e estropeábase máis.

-Na cuestión de prezos e ganancias, tiña débedas? Pagábanlle ben?

-Os prezos do viño podían cambiar duns anos para outros porque dependían das colleitas que houbera, pero na relación olas/pesetas as ganacias eran bastante estables. O pago facíase ao contado e a xente non quedaba a deber. Se non tiñan con que comprar o viño pasaban sen el, pero sempre pagaban.

-Houbo algunha razón pola que deixaran o oficio moitos arrieiros?

-Non quedou outro remedio. Era imposible competir cos coches e coas fábricas, nas que se empezou a producir viño industrialmente.

Compartir el artículo

stats