Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros da capela de San Salvador

A capelanía de Cavenca foi fundada no século XVIII e aínda conserva moitos dos seus elementos orixinais

Pai eterno.

Moi preto da capital cerdedense atópase o lugar de Cavenca. Entre as casas e xunto a unha capela podemos ver un letreiro que di: Concello de Cerdedo. Capela de San Salvador (s. XVI). Porén a capela é bastante máis nova do que pon o letreiro. A capela e capelanía de San Salvador foi fundada por don Pedro Antonio Garrido Oitavén, veciño de Cerdedo, que fixo un vínculo en beneficio da capelanía, reservándose a facultade de mandar sobre esta obra pía. Dita capelanía foi aprobada o 11 de maio de 1744 e o primeiro estudante que se formou á conta da capelanía chamábase José Antonio de Covelo, natural de Covelo.

A capela está construída con bos perpiaños pero de xeito moi sinxelo e sen máis abertura que a porta. O único adorno é a espadana que se erixe sobre o portal de entrada, cun só van para a campá e que remata nun pináculo sobremontado dunha cruz e adornada con outros dous pináculos rematados en bola a cada lado. Ten un tamaño aproximado de 6x7 m e unha altura de 2,50 m sen contar a altura do tellado.

O seu interior é moi austero. Antes tiña un sinxelo retablo de madeira con tres fornelas do mesmo tamaño onde ían colocadas as imaxes do Salvador, Virxe do Carme e Santa Rita, e na parte superior do retablo, baixo un arco que cubría as tres fornelas, estaba a imaxe do Pai Eterno.

Todas as imaxes que ten a capela teñen entre 40 e 70 centímetros. Actualmente as imaxes, restauradas hai pouco, están sobre unhas peañas pegadas á parede, na mesma disposición que cando había retablo.

A imaxe de Cristo Salvador (coñecida como San Salvador), a quen está dedicada a ermida, móstrase vestida con traxe talar e manto cunha especie de tiara na cabeza, e coa man dereita en actitude de bendicir mentres sostén coa outra man a bola do mundo, que ten unha cruz enriba dela.

Tamén conta cunha boa talla da Virxe do Carme co neno Xesús na man esquerda e con coroa sobre a cabeza está a carón do Salvador. E doutro lado unha imaxe, que orixinariamente representaba a santa Rita. É á que lle faltaba a man dereita, pero tras unha restauración púxoselle unha man cunha rosa, de aí que de santa Rita pasou a ser considerada santa Rosa.

Por último, a talla do Pai eterno presenta a un home barbado e coas dúas mans levantadas coas palmas cara o espectador en ademán de acollida, se ben dá a impresión que os brazos e mans pola súa ruda e basta talla non son as orixinais e alguén máis ou menos mañoso llas engadiu.

Na capela hai outras imaxes entre a que destacamos un san Antón, que nos fai sorrir pois presenta a un freire ben mantido, así como un neno Xesús repoludo, sostido polo santo coa man esquerda, pois na dereita leva unha cruz.

Tódalas imaxes parecen ser da época en que se levantou a capela, todas excepto unha virxe de Monserrat, que foi unha doazón máis recente.

Compartir el artículo

stats