Nas numerosas campañas que se teñen feito en prol do uso do galego figuran iniciativas para que o idioma apareza nos epitafios, nas celebracións litúrxicas, na xustiza, no día a día das administracións... Na maior parte dos casos, o seu uso depende da vontade das instituciónes. Porque, en canto á vontade persoal se refire, hai ámbitos onde xa vai quedando patente o amor polo galego. Un deses ámbitos son as tatuaxes, esa moda que xa fai tempo que deixou de ser un sinal de identidade para determinados sectores de poboación e que hoxe lucen tanto pequenos como maiores, heavies como estudantes de música clásica.

O Equipo de Normalización Lingüística do instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces, é consciente de que cada vez hai máis xente que emprega a súa lingua nai para expresar o que sinte, e para deixar constancia diso a flor de pel. Por iso, dende o pasado 7 de outubro e ata o 7 de novembro mantén aberto o prazo de participación no concurso de fotografías de tatuaxes. A organización establece dúas categorías: palabras tatuadas en lingua galega (en calquera normativa), ou Galiza, a flor de pel, na que se inclúen tatiaxes de temática galega, con iconografía ou simboloxía vinculada a Galicia. Se un visita o perfil do ENL do Camballón en Facebooh -www.facebook.com/clube da lingua) pode ver que nesta segunda categoría hai máis tatuaxes das que nun primero momento podería pensar: desde o percebe ou a muller vestida co traxe tradicional galego (nunha foto enviada por Celso Fernández Sanmartín, Celsiño) ata a frase de Castelao Denantes mortos que escravos, debuxada sobre todo o lombo dun cliente da empresa coruñesa Balinese Tattoo.

O concurso está aberto a todo o público, e quere resultar de especial interese para os equipos de normalización doutros institutos galegos. Con todo o material que se reciba vaise facer unha esposición no IES, que despois se cederá ós demais centros educativos así como a asociacións e demais entidades que estean interesadas en acollela. Por algo as tatuaxes xa adoitan protagonizar exposicións en moitas salas de arte contemporánea.

Establécense tres premios en cada unha das dúas categorías. Os galardóns serán un lote de libros e CDs editados polo Clube da Lingua, ademais de diplomas acreditativos. A organización anima á persoa que leve a tatuaxe a que tamén se identifique e, por qué non, a que acuda tamén ó acto de entrega de premios e presuma da súa vinculación, a flor de pel, coa lingua e cos costumes de Galicia.