O uso de novas tecnoloxías é un fenómeno sincronizado co progreso nos medios de transporte, que son, cada vez, de maior capacidade e potencia, polo que precisan vías de comunicación acordes con eses aumentos. Por exemplo, no aumento da rapidez dos medios de transporte, tiveron moito que ver as melloras nas infraestruturas con trazados rectílineos, a redución de pendentes seccionando diversas elevacións (lombas, outeiros...) e a construción de grandes viaductos. Isto resultou nefasto para supervivencia dos castros que se atopaban no medio, como sucedeu no Coto do Castrelo (Costoia, Vilanova) ou no Castriño de Bendoiro, que resulta o exemplo paradigmático, por antonomasia, nesta comarca.

O que sucedeu no Castriño de Bendoiro, no ano 2006, marcou un momento crucial na nosa historia a nivel local, porque aquí chocaron entre si os erros técnico-administrativos, os intereses económicos, a defensa da Cultura, a conservación do Patrimonio e a lexislación existente. Dicía un veciño da aldea de Castro (Bendoiro), cando empezaron as obras do AVE: "Bueno, non tedes nada que facer..., perdedes o tempo coas vosas protestas, porque non vos van a facer ningún caso. Isto fano os que mandan e resulta inútil levarlles a contra, así que evos mellor recoller os trastos e seguir a vosa vida normal. Sen embargo, admírovos, porque vese que tedes unha forza superior á nosa". Estas tristes palabras dun afectado polo paso do TAV (Tren da Alta Velocidade) e a quen lle tiveron que abonar terras por causa das expropiacións habidas en Bendoiro, reflectan a verdadeira dimensión sociocultural do problema.

Con tódalas tecnoloxías modernas dispoñibles nin os técnicos, nin os redactores do trazado da Liña de Alta Velocidade Santiago-Ourense foron capaces, nin se molestaron, por localizar correctamente o Castriño de Bendoiro. Primeiramente, alá polo ano 1999 o Ministerio de Fomento enviou, aos concellos afectados polo paso do TAV, uns mapas case incomprensibles e imprecisos, nos que aparecían tres alternativas do trazado ferroviario Ourense-Santiago, para que as corporacións locais elixiran a que considerasen máis favorable e menos lesiva para os respectivos territorios. Estas alternativas contemplaban, basicamente, tres posibilidades: Modernización do trazado existente, a vella liña inaugurada por Franco en 1958; Liña de Velocidade Intermedia, situada a maior altura, denominada Mixto Este; e Liña de Alta Velocidade, que estaría trazada a un nivel máis elevado cas anteriores, para acadar un trazado máis rectilíneo, denominada Alternativa Viajeros.

A corporación municipal de Lalín propuxo que a opción que máis favorecía ao concello era a primeira, porque o trazado xa existía e enlazaba as vellas poboacións que había entre Ourense e Santiago reforzando a súa posición xeográfica. Esta proposta satisfacía mellor as aspiracións da poboación desta comarca, pero non era a opción que lle interesaba máis ao Ministerio de Fomento, que pasou olimpicamente do que podían opinar os de abaixo. Era unha decisión democrática entendida ao revés, porque as consultas non valían para nada e todo estaba decidido. Era unha forma protocolaria de cumprir requisitos pedindo a opinión dos afectados, pero sen telos en conta á hora da verdade.

Segundo as liñas marcadas nos mapas polo Ministerio, parecía que o castriño de Bendoiro quedaba case libre do paso da vía férrea, que pasaba entre a aldea de Castro e o Castriño. Todo quedou en suspenso ata uns anos máis tarde, en 2006, cando se presenta o proxecto de construcción da Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago. Neste proxecto, o Castriño contémplase como unha lomba ou divisoria hidrográfica, duns 480 metros de altura entre o arroio Cavirtas (o que pasa por Lalín) e o rego de Barrimán (nace en Pedrouzos, Bendoiro), que é preciso cortar abrindo unha profunda trincheira que, posteriormente, se taponará co material sacado para convertela nun "falso túnel".

Para o proxecto de construcción do AVE o Castriño de Bendoiro non está no seu sitio, senón noutro lugar máis alonxado da vía de alta velocidade. Non é este o momento de discutir quen tivo a culpa deste problema, pero o desprazamento, intencionado ou non, dun xacemento arqueolóxico, claramente protexido pola lexislación, permite aos construtores do TAV realizar as obras sen obstáculos. O Castriño aparecía mal ubicado no proxecto, localizábano nun lugar apartado da liña ferroviaria e, por iso, se propoñía facer un gran rebaixe na lomba do Agro do Castro, traballos que acarreaban a desaparición do Castriño con tódolos elementos defensivos que tiña. Estaba previsto que a mediados do ano 2006 comezaran os traballos de escavación na zona.

Na primavera dese ano, como xa viña sendo habitual, os propietarios das fincas expropiadas comezaron a talar todas as árbores (carballos, castiñeiros, etc.) que había no espazo afectado e as estruturas castrexas, parcialmente ocultadas pola vexetación arbórea e arbustiva, empezaron a evidenciar a grandeza deste xacemento, ben coñecido desde a década dos anos 30, grazas aos traballos dos investigadores do Seminario de Estudios Galegos (SEG). Naquel período (década dos anos 30), a Comarca de Deza foi recorrida, durante varios veráns, polos investigadores máis insignes da Xeración Nós, aínda que o seu traballo se perdera nun incendio habido na imprenta onde estaba o único exemplar da Terra de Deza, que sería unha monumental obra de etnografía. A pesares de todo isto, Florentino López Cuevillas e outros fixéronnos chegar importantes informacións sobre o Castro e o Castriño de Bendoiro e estas informacións influiron moito en tódolos investigadores posteriores, pero non lles serviron de nada aos redactores do Proxecto de Construcción do TAV Santiago-Ourense. Que pasou entón? Foi un acto de mala fe? A cuestión é que, xustamente no momento que comezaban as obras do TAV, en Bendoiro seguían sen enterarse de que alí había un castro dos máis importantes da comarca e de Galicia: O complexo Castro-Castriño, un castro de doble croa.