Moito rendemento se obtén en Cerdedo do "laissez faire, laissez passer" ou, consonte se di en lingua de noso, moito lles resulta a algúns aquilo de "estar a velas vir e deixalas pasar".

Nada se move en Cerdedo (e cando lle dá por rebulir, nunca é por ben). Non obstante, e aínda que só sexa por contrariar, os de Capitán Gosende teimamos en tirar do corpo e, o pasado domingo (segundo domingo de entroido), investimos a tarde vadiando polos montes da bisbarra, esta vez, na procura das Eiras dos Mouros.

Apeamos do motor a iso das 17:30 horas na beiraestrada que cingue polo sur a necrópole megalítica do Campo das Antas (A Mámoa) e, sen abandonar esa orientación, avanzamos a pé por unha pista terreira (o camiño do Corvo) que, polo nordés, derrega os concellos de Forcarei e Cerdedo.

Xoán Soto, Luz Lamas, Pedro Peón, João Bieites, Anxo Torres, Miguel Solla e quen asina tiñamos por encomenda localizar e documentar as tres estacións arqueomíticas denominadas polo pobo Eiras dos Mouros. Dende tempo inmemorial, as Eiras dos Mouros véñense considerando fito de deslinde interparroquial (Castrelo-Tomonde).

As Eiras dos Mouros son lugares dunha beleza singular. A súa peculiar morfoloxía atrae a atención do camiñante en calquera estación do ano, pois, pola seca -antíteses do oasis-, exhíbense coma illas á poula no medio dun proceloso mar de toxo. Mesmo o tapiz herbáceo atopa dificultades para tecer a súa verdecente cobertura.

Pola contra, no inverno (cando menos, nos invernos de antes), tórnanse chanceiras alagadas; colman de auga a súa básica xeometría. O líquido empozado dimana dun acuífero, dunha capa freática, unha acumulación de auga subterránea que, no caso das Eiras dos Mouros, se acha a moi pouca distancia da superficie.

O estrato inferior das capas freáticas adoita ser impermeábel e o superior, permeábel. As capas freáticas non sempre adoptan a forma de corrente subterránea, polo xeral, son zonas do subsolo que, a xeito de esponxa, permanecen enchoupadas. Estas zonas saturadas de auga atópanse por debaixo doutras zonas non saturadas. Cando chove, o nivel do manancial ascende e, se as precipitacións son abondas, a auga pode remanecer, é dicir, acadar o nivel freático, xerando chagorzas, pozas, lagas ou lagos estacionarios.

As Eiras dos Mouros buscan definir a súa feitura na perfección da circunferencia. Ora amañecen inundadas, ora somen o seu caudal en canto mingua a pluviometría. Paradoxalmente, nestes coutos da mourindade, a permanente lentura é o axente que pexa o normal desenvolvemento dos espécimes vexetais. O toxo cachar arrebola as súas pugas á roda dos adrais, mais non ousa colonizar aqueles misteriosos recintos.

A primeira das eiras atopámola apenas a un quilómetro da aldea da Mámoa, cara ao sur, á beira esquerda da estrada asfaltada. Ten forma ovoide e as súas dimensións son de 38 por25 metros, abranguendo, daquela, unha área duns 950 m2. Grazas á porfía borrascosa deste inverno (que veu pola vella), a brañeira lucía en todo o seu esplendor.

A segunda Eira dos Mouros, tamén empozada, atópase a uns 500 m da anterior, seguindo a pista (ou camiño) do Corvo. A súa superficie, que tira ao triángulo, é menor (25 x 12 m; 300 m2). Os recentes labores de roza desenvolvidos naquela márdea e o ensanchamento do vial fixérona case imperceptíbel, pois, como se indicou, os clareiros das Eiras dos Mouros só se definen pola mesta matogueira que chousa o seu perímetro.

Entre a segunda Eira dos Mouros e a terceira, tamén á esquerda da pista forestal, os afeccionados á arqueoloxía poden admirar a monumentalidade da mámoa do Alto da Chá dos Augadeiros, un túmulo duns 25 m de diámetro que, de non ser pola profunda e ampla foca de violación (ou lacus), acadaría os 4 ou 5 m de altura. A abundancia de cachotes de seixo branco esparexidos pola coiraza do megalito e a súa localización selleira e preeminente falan dun moimento que, en época neólitica, debía advertirse dende longa distancia. O chamadeiro "Augadeiros" debe pórse en relación coas lagoas temporáneas ou cos innúmeros mananciais que gurgullan naqueles predios, así que atmosfera se prodiga en meteoros.

Os topónimos "monte da Lagoa" e "Lagoa do Medio", recollidos na zona, poden facer referencia xa ás Eiras dos Mouros, xa a mámoas espoliadas (lacunas) como a devandita da Chá dos Augadeiros.

A terceira das Eiras dos Mouros, localízase a uns 350 m da segunda (avanzando polo camiño do Corvo) e a escasos 100 m (en liña recta) da mámoa da Chá dos Augadeiros.

Tamén asolagada, a terceira Eira dos Mouros esta precedida dun fermoso pórtico de salgueiros. As súas dimensións son de 18 x 15 metros (uns 270 m2), sendo a máis circular da tríade. Esta eira posúe, cara ao sudoeste, unha ampla zona de desaugue.

Se todas tres lagoas dan conservado o seu celme até as primeiras calores, haberemos escoitar as ras cantar na súa ribeira.

O aliñamento tumulario (cando menos, 10 elementos) da necrópole do Campo das Antas sucédese cara ao sur coas tres Eiras dos Mouros e mais coa mámoa da Chá dos Augadeiros e, após un quilómetro, xa en terra de Cerdedo, co conxunto funerario do Campo dos Cans-Outeiro do Corvo, oito mámoas en disposición circular. Segundo o saber popular: "No Campo dos Cans hai oito medorras e a do medio gharda as outras todas".

Dende o túmulo máis setentrional do Campo das Antas deica o máis meridional do Outeiro do Corvo (uns tres quilómetros lineais) obtéñense unhas 200 hectáreas de espazo arqueolóxico sobre o que se cerne o desasisado proxecto de instalación dun megaparque eólico. É de supor que, tanto en Cerdedo coma en Forcarei, abonados á política do "A min que me rexistren", deixarán corromper a prea até que o fedor sexa insoportábel.

Tornemos ás Eiras dos Mouros. Ben coñecen a miña condición de preguntón e, aquí e acola, teño recadado unha chea de hipóteses que, alén do científico, requintan o seu atractivo natural.

Hai quen asegura que aquelas abertas peladas foron escenario de cruentas batallas entre clans de moura liñaxe. Dise que na lide se bateron os mouros que habitaban nas profundidades cos que moraban sobre terra. Os que postulan a pretérita belicosidade da mouramia, explican que o moito sangue derramado naquelas arenas impide hogano a prosperidade de árbore ningunha.

Outros desbotan tales desavinzas, acolléndose ao vello argumento da "marca do tesouro", sinal deixado polos mouros cando a súa inexplicada migración: "Os mouros fuxiron, pero, antes ou despois, han volver na procura das súas moitas riquezas", engaden.

Outros ratifican a pegada dos mouros, mais rexeitan os termos da guerra e do tesouro soterrado. Para eles, as Eiras dos Mouros son vestixio de antigos campamentos ou poboados que, habitados xacando polos mouros, ficaron abandonados ao se mudaren ás residencias castrexas. Deuse razón de aliñamentos líticos circulares, cando menos, na Eira dos Mouros III.

Os que descrén das lendas de mouros, meten en danza as bruxas que, nas ditas redondas e canda o Demo, celebrarían os seus macabros parlamentos na noite de San Xoán.

Os pegureiros testemuñan que o gando se mostra remiso a pacer nas aciagas herbeiras e que os paxaros evitan sobrevoar o seu espazo aéreo e, se o fan, non ousan dar chío. Pola súa banda, os cazadores afirman non ter atopado nelas nin cagallas de coello nin furo de toupa nin rastro de lobo nin camisa de serpe; nin o xabaril vai meter alí o fociño!

Finalmente, os aldeáns desaconsellan achegarse aos ermos cando os cobre a auga, pois, tras o engaiolante espello, agóchase un pozo sen fondo do que pode xurdir toda caste de monstros tan arrepiantes coma esfameados. Ende ben, cando as Eiras dos Mouros desecan, desaparece todo perigo.

O de pista de aterraxe de naves espaciais déixoo para unha vindeira ocasión.