O presente traballo tenta abrir algunha luz neste senso, de maneira que os veciños deben saber que Exilieta (Silleda), tamén tivo a súa capela románica con evidencias que, a pesares dos anos, están aí coma fósiles incrustados nas paredes do monumental conxunto actual ou como elementos decorativos que pasan desapercibidos entre tanta inmensidade. Cada entrepano semella un puzzle que hai que recompoñer, e a pouco que un se fixe, aparecen representacións do que puido ser a portada principal, de xeito semellante a calquera outra das que temos no concello e nomeamos liñas atrás. O capitel, a pía bautismal, as campás e, sobre todo, a maternidade da ábsida, son outras tantas testimuñas que están aí para dar fe, dun pasado cheo de arte e de bo facer.

Escribía o correspondente de Pueblo Gallego na publicación do 19 de xuño de 1954, co gallo das festas de Santo Antonio de Silleda e da celebración do primeiro centenario da construción do templo parroquial: "No es unha obra de arte arquitectónico; pero es modelo de solidez y hermosura. La situación topográfica de esta iglesia es envidiable, pues ocupa el lugar más céntrico y más alto de la feligresía, de suerte que todos los feligreses pueden verla desde sus propias casas o fincas".

Esta igrexa comezou a edificarse no mes de febreiro de 1854 e rematouse o 8 de decembro do mesmo ano. Hai que destacar que foi unha das fábricas firmadas por un dos poucos arquitectos da época con título oficial, outorgado en Madrid, Domingo Lareo Quintela de Santiago, que, entre outras obras de importancia, deseñou e proxectou o Retablo do Altar Maior da Catedral de Ourense. - así é que esta edificación, sendo sinceramente esvelta e alta, como prototipo do estilo da época, o neoclásico, carece de todo tipo de figuración e traballo escultórico, apartándose radicalmente dos modelos sobrecargados do barroco e estilos anteriores.

O monumento actual do S. XIX foi levantado coas paredes, entrepanos, cubertos de cal branca, tal e como aparece en distintos lenzos aínda conservados das partes altas da igrexa. Con motivo dunha limpeza realizada nos tempos de D. Vidal López Ferreiro, por uns grupos de xóvenes que facían campamentos de verán, fóronse picando e desfacendo estes calados, aparecendo a modo de cachotes: retazos de xoias do románico, pedras claves de arcos, axedrezados, bolas e outros detalles por outros cincelados tan minimalistas que veñen a indicar como as modas imperantes puideron enterrar ou eliminar estilos tan traballados. Velaiquí uns exemplos:

A) Pedras con bolas: Tomando como modelo a portada principal da parroquial de Escuadro, do S. XII, unha das máis fermosas do románico de Trasdeza, observamos na igrexa de Silleda, a ámbolos lados das paredes norte e sur, e incrustadas nos lenzos outrora caleados, bloques de pedras clave con bolas en número de cinco que, colocadas debidamente, poderían conformar un arco ben fermoso.

B) Taqueados: Os axedrezados ou taqueados, que servían como gardapó das portas de entrada ou ventás, herdados do camiño de xacobeo e procedentes de Jaca, presentes en Escuadro, Fiestras, Taboada, tamén figuraban en Sta. Olaia.

O capitel e a pía

O capitel que se amosa na foto formou parte, sen lugar a dúbidas, da fábrica anterior. A súa forma é a filigrana con que se decora, con reminiscencias de sabor corintio dexenerado, con traballos e motivos vexetais entrelazados que rematan en volutas é evidentemente románico. Mesmo se adivina na parte frontal o que puidera ser a cabeza dun animal, propia destas iconografías medievais. A parte inferior redondeada supón a incuestionable existencia dunha columna cilíndrica. A dificultade da figuración e tamaño do prisma, indica que, ou ben formaría parte do arco trunfal do presbiterio -exemplo, a igrexa de Negreiros- como lugar máis respetado e sagrado da estrutura eclesial ou, pola contra, podería estar colocada na ábsida pola parte exterior, como ocorre en Fiestras. Foi atopado por riba da bóveda da actual estrutura, no fallado que está sobre o altar maior, cando se fixeron reformas no tellado, ano 2000, sendo cura párroco D. Julio Insua Villamayor. Hoxe está depositada na casa parroquial.

No período románico estaba xa popularizada a pía bautismal, sendo a súa incorporación ao templo unha das accións máis importantes tras a edificación da igrexa. Esta adoitaba estar situada xunto á porta, no adro, ou ben no interior xunto aos muros laterais, sobre todo o do Evanxeo. Só unhas das poucas pías conservadas están datadas, pero o que parece aceptado é que existiron talleres especializados, aínda que de moi diversa cualificación, na súa realización polo que se incorporaban frecuentemente en datas algo posteriores á construción do propio templo. De novo, ao igual que para a maior parte da arquitectura románica rural galega, han de situarse cronoloxicamente de xeito tardío, entre finais do século XII e todo o século XIII. A rudeza de moitas delas no ámbito aldeán non debe interpretarse como signo de antigüidade, senón máis ben ao contrario, como arcaización e popularización progresiva da escultura románica.

No Concello resultan moi familiares estas moles de pedra, mesmo colocadas nos adros, como é o caso das existentes en Xestoso e Lamela. Estes obxectos da liturxia acostuman ser grandes recipientes, redondos, cunhas medidas aproximadas de 90 cm. de altura por 1 m. de diámetro na boca. Os temas de ornamentación son diversos: Historiados, vexetais e xeométricos. Moitas son simples e non representan máis ca uns gallóns na súa panza.

A pía de Silleda segue os canons de tradición románica: Situada no fondo esquerdo da nave principal, está conformada polos tres elementos básicos: Basa, fuste e cuncha. Mide, de acordo ás normas do medievo, 1 m. de altura por 90 cm. de diámetro. De cenefa e borde xeométricos e lisos, a súa maior característica reflíctese no corpo inferior da copa coas tallas dos socorridos gallóns alusivos ás cunchas de vieira en lembranza das empregadas para realizar o acto do bautismo. Feita nun só bloque de pedra granítica, a labra está realizada de maneira artesanal sen precisar liñas nin sucos coa perfeción que esixiría, por exemplo, o estilo neoclásico. Por isto, entre outras razón, pódese afirmar que, anque carece de data inscrita, este símbolo é anterior ao século XIX, é dicir, trátase doutro vestixio histórico de herencia románica, aportado ao enxoval relixioso do patrimonio de Trasdeza.

As campás

Outras evidencias anteriores á igrexa existente son, como non podía ser menos, as campás que co seu son nos viñeron advertindo do paso dos lustros e coa súa lenta agonía, da existencia doutros modos de comunicar. Sen embargo, aínda hoxe seguen a anunciar con repiques dramáticos a morte dos veciños e con repiniques rebuldeiros os días de festa máis festexados. As datas que figuran marcadas sobre o metal están a falar doutros dous símbolos centenarios. A pequena do 1840 e a grande do 1797, anque esta última refundida, son testigos e proba de que a espadana anterior a torre actual era suficientemente grande como para albergar e soportar estes bronces tan pesados. Estas son as súas características:

Campá pequena: orientada ao norte. Peso aproximado, seguindo a fórmula tradicional: 164 kg. Medidas: boca 73 cm., borde 7 cm., altura 70 cm. Subliñar o fundidor Hontañón, mestre de fundidores que creou oficio entre os outros das comarcas da Ulla e de Deza, coma os Liste de Orazo e os Taboada de Moneixas. Parece ser que procedía de Santander e que se desprazou nestas datas por Galicia para facer os encargos que se lle demandaban. Non tiña taller de fundición propio, e aproveitaba os lugares por onde pasaba para facer os moldes e campás solicitadas.

Campá grande: estaba orientada ao oeste, na fronte da fachada. Medía de boca 74 cm., 6 de borde e 75 de altura. Gravada no bronce aparecía a seguinte epigrafía: na parte superior, Eulalia de Silleda, e na parte inferior, S. Abad D. Manuel Fran de Castro Ano de 1797. Esta era a campá máis antiga do Trasdeza. Cómpre dicir que esta xoia debera ser motivo de expediente individual de catalogación para ser incluída no Inventario Xeral e protexida legalmente ao estar fabricada entre os anos 1701 e 1820. O 30 de xuño de 2006 foi colocada de novo, despois de ser refundida polos Talleres Ocampo de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis. Entre as características, dicir que se trata dunha campá feita en bronce puro, seguindo o sistema artesanal de fundición que consiste en facer os moldes da mesma en barro e fundilos debaixo da terra para que se arrefríen lentamente, garantindo un bo temple e, polo tanto, máis durabilidade e mellor son. Tamén consta que se trata dunha refundición de 74 cm. de diámetro e 200 kg. de peso.

A Virxe co Neno

A representación de Cristo como un Neno collido pola súa nai denomínase no mundo bizantino Theotockos, Nai de Deus. A iconografía cristiana ten representado este tema nas distintas épocas e nelas pódese observar a distinta consideración que teñen cada unha das personaxes representadas. A forma en que se sitúan as figuras está estritamente vencellada ao significado iconolóxico de María e Xesús, de maneira que os cambios na posición vanse producindo a medida que modifica a visión que se tén deles en cada unha das dúas épocas.

No Románico, a Virxe represéntase como Nai de Deus, non sóa. É unha excusa para presentar a Xesús, pero sen manter ningunha comunicación. María serve como trono e o Neno está sentado sobre dela. O Neno coa súa natureza divina non depende da Súa Nai, senón que representa un home pequeno, Deus, que veu ao mundo para salvar á humanidade.

No Gótico, a devoción a María é moi forte. A Virxe represéntase en ocasións soa. Xesús maniféstase na súa natureza humana, xa non divina do románico, e preséntase coma un neno atento á súa nai e nunha actitude de comunicación, xogando ou acariñándose.

Cambios formais

Nos comezos do Románico (S. XI-XII), a Virxe acostuma a estar sentada de frente, anque con frecuencia o asento non sobresae das súas roupas. O Neno está sentado entre as súas pernas e María suxéitao coas súas mans pola cintura. Xesús está vestido cunha longa túnica, ten a faciana seria e xeralmente a súa man dereita lixeiramente erguida bendicindo e coa man esquerda suxeita un libro (A Biblia). Facendo este comentario de libro básico de arte estamos describindo, nin máis nin menos, a talla de pedra do Mosteiro de Carboeiro, hoxe depositada en Saídres, despois da desamortización do S. XIX. Ao longo do S. XIII o Neno desprázase pouco a pouco cara a perna esquerda da Virxe. Ao principio os dous seguen estando de frente, pero lentamente Xesús xira o corpo cara a lado dereito e María cara ao lado esquerdo. No XIV e XV, a Virxe e o Neno míranse con tenrura e manteñen estreita comunicación. Tal sería o exemplo da Virxe do Leite da capela de Ansemil. Ao Final do Gótico é frecuente que María se represente de pé collendo a Xesús, que se presenta espido, co seu brazo esquerdo e mantendo a mesma actitude maternal.

No caso da Maternidade de Silleda evidéncianse varias características. Estamos diante dunha talla tosca, moi desgastada, o que invita a pensar que se tratou dunha figura moi antiga e erosionada polo paso do tempo, colocada no exterior, posiblemente nun lugar de privilexio semellante ao que ocupa na actualidade. O respeto cara a estas figuras senlleiras era de tal magnitude, que anque xa non estiveran de moda, nunca se desfacían. Todo o máis, enterrábanse ou metíanse entre os cachotes das novas fábricas.

Esta escultura, aparentemente sen valor artístico era tan maxestuosa, tiña tanta forza de persuasión, que o arquitecto da época non foi capaz de prescindir desta representación. É máis, foi situada nun sitio de preferencia, dentro dun fornelo sobre unha ménsula, como debeu de estar nos tempos precedentes. En canto á súa posición, estamos claramente diante dunha transición do século XII ao XIII. Xesús aparece xa desprazado cara ao lado esquerdo da Virxe adoptando entre os dous un cambio da actitude solemne a unha máis maternal onde o Neno semella estar abrazando á nai.

Mil anos nos separan desta talla. Toda unha xoia esquecida polo tempo e polo home. Ben merecería un emprazamento máis acorde aos seus anos, antes de que definitivamente teña que descolgarse por irrecoñecible.