ÚLTIMA HORA
MANUEL COSTA CASARES - Primeiro alcalde da democracia en Agolada 

"Non son un ditador, senón un socialdemócrata ao que non lle convence o socialismo actual"

"Fixen máis labor de asistente social ca de alcalde; conseguimos moitas pensións que axudaban a manter ás familias"

 
Manuel Costa Casares, subindo as escaleiras do consistorio cara o seu último pleno, en 2005.
Manuel Costa Casares, subindo as escaleiras do consistorio cara o seu último pleno, en 2005.  Bernabé

SALOMÉ SOUTELO - AGOLADA

O 19 de abril de 1979 o secretario de Agolada, Segundo Abeledo Vilariño, cubría a acta de formación da primeira corporación democrática do municipio, conformada por 13 concelleiros, á cabeza dos cales se situaría Manuel Costa Casares. Obtivera cinco escanos coa UCD e puido formar goberno co apoio do edil do PSOE e do de Unidade Galega, derrocando así a Luis Yebra, alcalde dende 1966, que se presentara por Alianza Popular e recabara seis concelleiros. Costa deixaría o bastón de mando por vontade propia en 2005. O pasado venres atendeu a chamada desta Redacción desde o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde permanecía ingresado logo dunha intervención quirúrxica.

– A que cree que se debeu esta falta de apoio popular a Luis Yebra?

– Pois non o sei, porque era unha boa persoa e tamén bo alcalde. Creo que o que pasou é que ao haber varias listas os votos tiveron que repartirse. De feito, non fun na lista do entón alcalde porque el non mo pediu; eu estaría encantado no segundo, terceiro ou cuarto postos.

– E, dende aquela, estivo 26 anos no poder e sempre con maiorías absolutas.

– E sen ter que variar moito a primeira lista da democracia, pois Francisco Balboa Carril estivo comigo ata o 2003, igual que Alejandro García Fernández ou José Luis Iglesias Peiteado. Penso que a explicación deste enorme apoio, votación tras votación, se debeu á que a xente ía collendo confianza en min cando vía que os trataba a todos por igual e que eu estaba dispoñible para calquera cousa que precisasen. Era eu quen acompañaba aos meus veciños á Seguridade Social ou ao Goberno Civil a Vigo, e de paso tamén lles pagaba a comida. Isto deume moito apoio, porque nos 26 anos no cargo fixen case máis labor de asistente social que de alcalde, pois conseguimos moitas pensións non contributivas que polo menos axudaban a manter a economía familiar naqueles anos tan duros.

– Sen embargo, hai quen aínda o tilda de ditador.

– Pois non son un ditador, senón un socialdemócrata ao que non lle convence o socialismo actual, pois este si que camiña cara a unha ditadura de esquerda. De feito, o meu primeiro goberno coa UCD foi grazas ao apoio de Unidade Galega e do PSOE, que daquelas sí exercían unha oposición coherente, non como a actual. Lembro a polémica que houbo cando Ramiro Varela se converteu no meu sucesor, e non foron máis que críticas dende unha oposición sucia. Insisto en que eu non son un político de ideas pechadas, e sempre souben tratar á oposición e tela presente nos actos oficiais.

– Como vostede indica, comezou militando na UCD e, en 1987, pasouse ao Partido Popular. Cales foron os avances cun e co outro partido?

– Houbo unha época na que a UCD axudaba moito aos concellos, porque había dous ou tres ministros de orixe galega, así que case compensaba máis ir a Madrid a pedir diñeiro que a Santiago. Lembro que eu lle dicía ao ministro “no puedo volver a Galicia sin dinero, porque los vecinos me echan del pueblo”, e funcionaba. Non é como agora, que para ter un encontro cun conselleiro tés que solicitala por escrito un mes antes e, cando chega o día, recíbete calquera que traballe nese departamento. Lembro que a obra que máis ilusión nos fixo naqueles primeiros anos foi reformar o mercado de gando, que daquela se celebraba ao aire libre. E claro, na Agolada de inverno neva e no verán chove, así que os gandeiros tiñan que estar coa vaca ou o terneiro nunha man e co paraugas na outra. Así que pechamos o recinto e melloramos o pavimento, ao que non lle viría mal unha nova reforma porque se estropea moito. Tamén colocamos unha báscula, que os paisanos non querían empregar por se estaba trucada, así que tivo moi pouco uso. O que queríamos era que Agolada continuase a ser un referente na calidade da carne de vacún.

–E, cómo non, tamén se melloraron estradas e camiños.

– E ademais colocamos un teléfono público en cada aldea. Daquelas fixéronse moitas melloras, porque eran necesarias e porque, en comparación con hoxe, saían moito máis baratas. Así que puidemos arreglar un campo de fútbol, o centro médico e a casa do concello. Agradézolle aos veciños o moito que colaboraron para construir o novo consistorio, pois ata entón tiñamos un edificio, unha especie de barraca, na estrada xeral. Todos talaron os eucaliptos que foron precisos para poder levantar o edificio. Respecto ás infraestruturas, tamén se melloraron os accesos ás aldeas e, durante o tripartito da Xunta, obtivemos 252.000 euros para realizar o saneamento nas zonas de Brántega, Ventosa e Vilariño.

– Bota en falta todas estas xestións e trámites?

– Non, quedei aburrido da política porque conforme pasaban os anos aumentaban os gastos e baixaban os ingresos. Ademais, non se lle pode pedir moito máis do que xa deron os case 27 anos á fronte do goberno. Iso si, non cambiaría nada do que fixen como alcalde.

– Nas primeiras eleccións escolléronse a trece concelleiros, pero a perda de poboación reduciunos aos once actuais. Cre que Agolada volverá remontar a súa poboación?

– Non o creo. En 1979 había máis de 5.000 habitantes, en 1987 perdemos poboación e reduciron os edís ata 11, e no 99 volveron subilos a 13. Pero no futuro non semella que se vaian recuperar estes escanos.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »




Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »




Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya