|
|
|
HEMEROTECA » |
|
J.F. - CAMBADOS
Case non había un oco valeiro. Moitos acudiron coas súas mellores galas de época, como se tiña recomendado na convocatoria. Centos de cambadeses chegaron o Auditorio da Xuventude para conmemorar, cunha grande posta en escea, o 90 aniversario da estrea na Coruña de “A Man de Santiña”, do ilustre poeta albariño Ramón Cabanillas.
Certo é que a obra onte non foi representada tal e como adoita facerse As voces protagonistas non interpretaban, só lían, pero a montaxe fotográfica que acompañaba á lectura fixo os espectadores revivir o momento daquela estrea no ano 1919. Naquel entonces foron xentes como Carmen Chao –familia do escritor Antón Vilar Ponte–, Vítor Casas –director de A Nosa Terra– ou Camilo Díaz Baliño –pintor e un dos máis importantes escenógrafos da historia de Galicia e pai de Isaac Díaz Pardo– os que puxeron corpo, voz e escea a obra de Cabanillas.
Onte o protagonismo era da propia obra e do aniversario, pero os que a leron puxeron tamén todo o seu empeño. Mestres de Cambados, integrantes do Teatro Caracol, profesionais do Conservatorio Municipal e demais representantes da cultura do Salnés déronlle voz a Santiña, Rosario ou Don Pedro, algúns dos nomes que protagonizan a obra de Cabanillas.
O público colaborou de forma activa coa representación, e non só cos seus aplausos. Algúns dos cambadeses aventuráronse a disfrazarse de época para acudir ó Auditorio da Xuventude, ainda que non coa intensidade que se prevía dende a concellería de Cultura. Algúns pequenos grupos de xente deixaron a vergoña na casa, pero a maioría presentouse no auditorio coa mesma roupa que no seu día a día. O que si foi apabullante foi a resposta dos cambadeses. Foi tal o número de persoas que se achegaron a desfrutar do espectáculo que se puxeron cadeiras polos laterais, xa que as butacas normais non chegaban para todos.
A presen- tación da obra, o monólogo inicial e a conducción correu por conta do actor Evaristo Lago, acompañado ó piano pola directora do Conservatorio, Lorena Varela. No momento da estrea a obra adiantábase a súa época, con diálogos que camiñaban dez anos por diante das correntes teatrais da época. A montaxe vista onte quixo ser tamén unha visión moderna, pero coa suficiente perspectiva para ensinar o acontecido hai hoxe noventa anos e un día.
A dirección do proxecto, que se inclúe nos actos dos “Ano Cabanillas”, corre a cargo de Noela Toledano, mentres que o productor é Luís Rei –biógrafo do poeta da raza– e a parte técnica é para Quico Álvarez, bisneto do poeta cambadés.
Un pasiño máis no longa homenaxe que Cambados lle está a render o seu poeta máis ilustre, o que deixou escrito para sempre o nome da vila na historia do mundo. E a Cabanillas ainda lle quedan moitos máis aplausos que recibir.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||