As negociacións sobre o novo estatuto de Galicia chegaron ao seu momento decisivo. Tras máis de dous anos de debate sobre os contidos da reforma -iniciado dende as presentacións das "Bases para a Reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia" da Fundación Iniciativas 21 (outubro 2004) e do texto articulado, a comezos de 2005, do Foro Social Novo Estatuto- os primeiros responsables dos partidos non teñen máis tempo para amagar e o vindeiro mércores deberán decidir se Galicia vai contar cun estatuto de primeira nesta lexislatura. O calendario das eleccións municipais manda inexorablemente sobre eles: se desta volta Touriño, Quintana e Núñez Feijoó non acadan un consenso suficiente, Galicia quedará á cola sine die das reformas estatutarias (aprobadas xa ou en tramitación as de Cataluña, Andalucía, Baleares, Comunidade Valenciana, Aragón e Canarias) coas consecuencias que isto poderá supoñer para o futuro do país e dos seus cidadáns.

Este debate, a pesar da súa importancia, non calou dabondo nas preocupacións da cidadanía galega nin tampouco foi asumido co mesmo entusiasmo e idéntica convicción polas tres forzas políticas presentes actualmente no Hórreo. Só o BNG, o partido con gran diferenza máis activo no proceso, deu a coñecer a súa proposta de articulado coa intención de avivecer o lume do debate (cos riscos que isto supón nun difícil proceso de negociación no que é imprescindible chegar a un consenso entre os tres partidos). Nin sequera o profundo cambio político que supuxeron as eleccións autonómicas da primavera de 2005 acelerou, como sería previsible, unha reforma que semella ineludible para continuar profundizando no proceso de autogoberno e no benestar dos galegos nas primeiras décadas do novo século.

A pesar destas carencias e a pesar, tamén, do cansazo que provoca na opinión pública galega un debate tan escuro e técnico (especialmente sobre as cuestións de definición identitaria e do financiamento, dúas das chaves para acadar o consenso), nunca, como agora, o proceso tivo maiores oportunidades de ser culminado con éxito. A nova proposta de articulado do BNG (outra vez asumindo os riscos de amosar con claridade ás súas cartas de mínimos) propoñendo a inclusión do termo "nación" no preámbulo ("O sentimento galeguista que nos une como pobo e o Parlamento que nos representa como cidadanía definen Galiza como nación. A Constitución recoñece no seu artigo segundo o carácter nacional de Galiza como nacionalidade") e o de "nacionalidade" no articulado podería constituír unha ponte sólida para o acordo cos populares que aceptaron unha solución semellante para Andalucía. Outrosí, poderiamos dicir sobre a nova proposta nacionalista referida á lingua que propón o deber de coñecemento do galego como lingua oficial e, ao mesmo tempo, o dereito de opción lingüística de todas as persoas que non poderán ser discriminadas en razón da súa lingua.

Con todo, este importante esforzo de achegamento dos nacionalistas pode ser baldío se os socialistas ou os populares prefiren por razóns de coiuntura e interese partidario adiar o proceso. Os primeiros agardando o ditame do Tribunal Constitucional sobre o recurso presentado polo PP ao termo "nación" recollido no Estatuto catalán (a dirección federal do PSOE podería ter dúbidas sobre a constitucionalidade desta fórmula) e os segundos agardando polo resultado das municipais nas que esperan volver recuperar algúns dos apoios perdidos nas autonómicas (o que lles permitiría enfeblecer as posicións estatutarias defendidas polos membros do bipartito). Intereses aos que, tampouco, sería allea a estratexia da dirección que encabeza Mariano Rajoy de castigar a Zapatero, tras o terrible atentado de ETA e a consecuente ruptura do proceso de paz. Semella moi difícil que nesta atmosfera de enorme confrontación cos socialistas e os partidos que os apoian, aínda máis irrespirable tras as convocatorias das manifestación de onte, Alberto Núñez Feijoó poida substraerse e actuar con autonomía conseguindo un acordo co PSOE e o BNG que, sen dúbida, a pesar de que constituiría para el un éxito moi valioso, sería durisimamente zorregado pola prensa dereitista madrileña.

Chegados a esta altura é para todos o momento de decidir. Hai algunhas posibilidades obxectivas de chegar ao consenso, mais tamén hai múltiples e moi poderosas circunstancias que poderían impedilo. Adiar o acordo para despois das municipais sería só un lamentable eufemismo para expresarlle á sociedade galega que non vai contar cun Estatuto de primeira (a proximidade das eleccións xerais volvería desaconsellar o consenso). O mércores chegou a hora de Galicia: impulsarse na esperanza ou seguir tecendo a nosa tea. Cadaquén asumirá a súa responsabilidade en momento tan decisivo.

bretemas@gmail.com