Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Imaxinar Foucellas

Se cadra á sombra dun carballo, e no profundo do val o cuco canta. Ou cuca, como din. Foucellas pode estar contra unha pedra. Empuñaría un subfusil de asalto Catalunya, dos fabricados so o control da Generalitat en 1938. Fun eu instruído cunha desas armas nos cuarteis franquistas. A II Guerra Mundial terminara e o Exército Vermello chantou a bandeira no curuto do Reichstag. Seguramente o soldadiño que a puxo alí aproveitou para botar unha ollada á porta de Brandenburgo e a unha Unter den Linden cos tileiros cortados. Xa nunca desrilarían por alí nazis. En 1945 Foucellas abrigaba esperanzas. A derrota mundial do nazismo, do fascismo e do militarismo xaponés había de sumarse á caída de Franco e Salazar e dos seus reximes ominosos. Aloumiñando o fusil de asalto Catalunya, na montaña galega, Foucellas pode soñar, e, no meu conto el espera. Vin na RT, en directo, o defile de Moscú o pasado 9 de Maio. Había bandeiras coma a que o soldado soviético chantara no Reichstag de Berlín. Putin estivo lacónico. Sen mencionala, tamén se celebraba na Federación Rusa a victoria sobre outra brutalidade esta en Siria. Putín falou do heroísmo e do esforza inconmensurábel das nacións da URSS durante a II Guerra Mundial. Era certo o que arengaba Puntin na Praza Vermella. Criticou, con exactitude, as manipulacións da historia. Quería decer, e dixo, que a Unión Soviética contribuiu de forma protagónica á aniquilación do nazismo. Esqueceu mencionar as victorias soviéticas en Manchuria e as de China e Vietnam contra Xapón.

Finalmente, despois de Normandía e despois das bombas sobre Hiroshima e Nagasaki, os EEUU contra nazis traballaron dilixentes contra a URSS. Os EEUU protexeron Franco e Salazar. Putin esquenceu tamén que a victoria de 1945 tivo dirección: O PCUS e Stalin. En formación impecábel, dez mil ou máis soldados escoitaron na Praza Vermella o discurso de Putin en posición de firmes. O presidente da Federación Rusa prorrompeu nun "hurra"!. Respondéronlle cun triple "urra!" aquelas dez mil gorxas; co cal se espaventaron as pombas, os víncaros e as anduriñas todas do Krelin. Foi entón cando eu me preguntei como ricibiría Foucellas e todos os partisáns de Europa a noticia da fin da II Guerra Mundial. Nós, hoxe, imaxinar Foucellas e apoiar Paula Quinteiro.

Compartir el artículo

stats