Sometida que está a cociña ás idas e vidas das modas e dos pasaxeiros prestixios, é frecuente que se perda o nome galego dun producto natural destinado ao alimento humano e se substitúa por outro invasor. Todos os días vemos como as xardas ou rinchas se converten en "caballas" e as xoubas, nas conserveiras, mudan a súa denominación de orixe para converterse en "sardinilla". O prestixio máximo de que goza hoxe a larva da anguía é máximo.

Antano, Picadillo despedía esas larvas con catro liñas da súa Cocina Práctica nas cales aconsellaba fritilas e presentalas en moreas cónicas con raxas de limón entaladas. A tradición de Goián di que antes, ese "antes" impreciso dos relatos míticos, só comían larvas de anguía os pobres do Baixo Miño.

A verdade é que houbo un tempo no que se ignoraba que tales vermiños procedesen do Mar dos Sargazos e que, no seu estado adulto e fluvial, eran as anguías. A masa encarreirada de bichiños que sobe polo Miño e por infinitos ríos o tén e tivo como nome galego o de meixón.

Velaí que, despois da guerra civil española, o meixón púxose de moda e adquiriu prestixio tan alto que chegou a pagarse máis caro ca o ouro. Chegados a ese intre, non pareceu fino que tan delicado manxar recibise un nome galego. E así os restaurantes e hoteis comezaron a despachar angulas e a se esquencer do meixón. De maneira que a larva da Anguilla anguilla (Linneo, 1758) que miraculosamente vén desde o Mar dos Sargazos a embocar e rubir, ao compás do seu crecemento, os ríos de onde partiran as nais, pasou a chamarse "angula".

Esta angula de Aguinaga, por exemplo, converteuse nun signo externo de riqueza e alta categoría social que, ao ser consumido, identificaba o novo rico de posguerra española co navieiro, o banqueiro ou o dono de minas e siderurxias de Neguri, xeralmente identificado, segundo o modelo Elola Olaso ou Pilar Careaga, coa burguesía franquista vasca.

O galego que comía meixón no restaurante máis de moda, amosando o seu estatus, non podía dicirlle meixón ao que lle puñan nunha tarteiriña de barro e chamoulle, coma o estamento dominante, angula. Corominas xa indica, no seu Diccionario Etimológico, que a palabra angula é de orixe vasco, aínda tendo en conta o seu étimo latino. Sei que hai palabras máis enxebremento eusquéricas que designan esta larva, pero as tales non transcenderon ao castelán e do castelán ao galego como transcendeu a angula. Para acabar a comedia, vexamos que as imitacións da larva da anguila comercialízanse, con éxito, como simplemente "gulas", cunha aférese de deseño moi radical. Os amigos de Tui tiveron o bon acerto de non se deixar intimidar e de convocaren no mellor galego posíbel a súa Festa do Meixón. Excelente!