Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Primo Castro, un alcalde con maiúsculas

Tropecei con Primo Castro hai anos no arquivo do Concello de Agolada. Andaba eu, na miña función de investigación histórica, á procura de documentos para coñecer como se desenvolvera o golpe de estado do 1936 en Agolada. Pesquisando nas carpetas que alí hai, decateime dun documento dun alcalde que lle escribía ao daquela ministro de Fomento solicitando o arranxo da estrada de Agolada a Vila de Cruces e a construción dunha ponte no río Arnego á altura de Carmoega. Era Primo Castro.

Tamén existe documentación cunha acta dun pleno no que se fai unha defensa, por parte de varios concelleiros e de Primo Castro, do proxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza, posteriormente plebiscitado o 28 de xuño de 1936. Polo que Agolada se sumaba ao resto de concellos galegos en apoiar o devandito estatuto.

Nesas pesquisas tamén atopei abondosa documentación a prol da escolarización das nenas e nenos do municipio e no arquivo existen actas do pleno e demais papeis polos que se crean escolas municipais en Agolada.

Levou a cabo accións para dar formalidade á facenda municipal e á casa consistorial, establecéndoa no edificio que foi concello e hoxe é a biblioteca. Daquelas a caixa de caudais (os cartos do concello) estaban na casa do alcalde de turno. E de feito existen requirimentos seus a alcaldes precedentes para que restituíran cartos á facenda municipal (en Agolada sempre houbo moita confusión entre público e privado, polo que se ve a cousa vén de vello).

Primo Castro naceu na parroquia de Toiriz (Vila de Cruces) en 1880. Emigrou a Bos Aires. Ao regreso instalouse na Feira Nova, na parroquia de Brántega. Casou con Ascensión Martínez Sobrado e tivo dúas fillas: Socorro e Carme. Na América foi onde se culturalizou e asimilou unha serie de avances que no seu regreso aplicou, como eran aqueles artefactos eólicos que puxera no tellado da súa casa de Brántega e producían electricidade, diante da sorpresa e a incredulidade dos seus veciños. Polos seus feitos a zona de Agolada foino coñecendo e as súas ideas avanzadas tiveron recompensa coa chegada da II República, elixíndoo por maioría absoluta. Na actualidade podemos ollar ese enorme piar de ponte no río Arnego, na parroquia de Carmoega, onde o alcalde Primo traballou manualmente cos demais obreiros. Construíu unha minicentral hidráulica para producir enerxía eléctrica.

Hai 82 anos, Primo Castro foi elixido de novo, democraticamente, como alcalde de Agolada, nas eleccións do 12 de abril de 1936. Tres meses despois tivo que agocharse vítima da represión franquista polo golpe de estado perpetuado polos facciosos o 18 de xullo. Foi destituído o 3 de agosto. Nese período de representación institucional levou a cabo unha intensa labor de modernización do concello de Agolada. Mágoa que os facinerosos non lle permitisen seguir coa súa labor.

Agolada aínda segue agardando por un acto institucional no que se restitúa a súa memoria como lexítimo alcalde. A algúns alcaldes dedícanselle auditorios e homenaxes públicos. Namentres silénciase a alcaldes lexitimamente elixidos que foron perseguidos polas súas ideas democráticas. Mantéñense placas conmemorativas dos fascistas nos adros e portas de igrexas de Agolada e, pola contra, persoas de ben están sepultadas en fosas comúns na parte traseira das igrexas (caso doutro demócrata, José Salgado Quintela, un republicano de Brocos). A dobre vara de medir da dereita en Agolada.

*Veciño de Agolada.

Compartir el artículo

stats