Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

García Durán nas minas de Fontao

O sindicalista anarquista Luís Costa García, de Vilagarcía de Arousa, relata a súa estadía na explotación mineira como vixiante baixo o nome que tivo que adoptar na clandestinidade

Juan García Durán foi o nome que tivo que adoptar na clandestinidade Luís Costa García, un sindicalista anarquista de Vilagarcía que pasou varias veces polas prisións franquistas e que logrou evadirse de case todas -polo que era coñecido como El Fugas-. Exiliado en Francia e posteriormente en Australia, onde escribiu a súa autobiografía Por la libertad: Cómo se lucha en España, pasou despois a Montevideo, e logo aos Estados Unidos onde foi asesor de Historia Moderna e Contemporánea de España na Biblioteca do Congreso. Volveu a Francia, licenciouse e doutorouse en Historia na Universidade da Sorbona coa tese Guerre civile espagnole 1936-1939. Interventions etrangères sur mer, converténdose nun dos mellores especialistas na Guerra Civil.

Detido en 1936 e condenado a morte, foille conmutada a pena e permaneceu en prisión sete anos. Estivo na cadea da Coruña e logo foi trasladado ao penal de Alcalá de Henares. Saíu en liberdade vixiada en maio de 1943, e regresou á Coruña participando na reorganización da Confederación Rexional Galaica da CNT na clandestinidade. A policía detectou as súas actividades e efectuou redadas e detencións. Consciente do perigo que corría, a mediados de 1944 decidiu agacharse nas minas de wolfram de Fontao, onde o PSOE tiña artellada organización clandestina. A organización socialista estaba composta fundamentalmente de mineiros asturianos, cos que tiñan contacto algúns militantes socialistas de Compostela, entre eles Raimundo García Domínguez Borobó.

Recupero o fragmento das súas memorias, Pola liberdade. A loita antifranquista de Luís Costa, no que dá conta da súa breve estadía nas minas de Fontao nese ano de 1944.

Unha actividade crecente e sistemática empezou a inquedar á policía, que comezou a facer redadas en diversas localidades. A miña situación facíase cada día máis difícil. Por fin, decidiuse que debía marchar ás minas de volframio e estaño de Silleda.

Mediante unha carta de presentación para un socialista da dirección, fun empregado como vixilante. A miña misión consistía en vixiar os traballadores para que non lles vendesen o volframio a compradores privados, senón á empresa que os autorizaba a traballar no couto mineiro con esta condición. Como a empresa non adoitaba pagar máis do vinte por cento do valor no mercado negro, ademais dunha cota gratis, a xente utilizaba todos os medios imaxinarios para vendelo de estraperlo. O seu prezo, que oscilaba segundo a marcha da guerra, por ser o volframio materia indispensábel para a fundición de canóns, blindaxes e material resistente, chegou a duascentas pesetas o quilo e ao corte dos Pireneos descendeu a sete. Isto permitía unha tal abundancia de cartos que nalgúns quilómetros arredor sentíase un nun medio artificial que facía pensar que Jauja era unha realidade. Aínda que a miña misión non resultaba difícil, porque adoitaba facerme o cego para evitar contrariedades, desagradábame que me tomasen por parvo e que, por falta de tacto, me indispuxese contra eles.

Un día, ao observar unha precipitada manobra, vin que o que a executaba ría ironicamente ao chamarlle a atención un compañeiro para que fose máis prudente. Como con aquel sorriso quería indicar que eu era un estúpido quiteille unha bolsiña duns dez quilos. Inmediatamente ofreceume cincuenta pesos para que lla devolvese.

-Hai un momento tomoume vostede por parvo - respondinlle - ; agora creme un mesquiño traficante. Como o aprender na vida nos resulta sempre caro, quero que non esqueza facilmente esta lección. Vaia vostede mesmo levar a bolsa á oficina.

Entrar nunha mina por primeira vez resulta impresionante; pero se, ademais, esta non ofrece ningunha seguridade, o medo a un desprendemento enléase ás pernas como unha corda e non nos permite camiñar. Como ía só, retrocedín ós corenta metros sen ter que avergoñarme do pánico.

Cando entrei de novo acompañado doutro vixilante, as sombras, animadas pola luz do candil, parecíanme tan estrañas como o eco que producían ao caer as pingueiras de auga.

A tal punto se exalta a imaxinación ao penetrar no corazón da terra, que un se sente ladrón ou fantasma que fose roubar ou descubrir os seus tesouros.

As pingueiras, co seu ritmo de reloxo, soan a eternidade.

[?] Xa na galería de saída un ruído de estrépito e uns berros fixéronme volver, correndo, cara ao lugar de onde procedían. Un home viña correndo como tolo, con manchas de sangue na cara e na súa camisa.

Un desprendemento de pedras e terra alcanzara un grupo de sete que, por traballar por contrato e para gañar máis tempo, non apontoaran debidamente.

Á luz dun só candil que quedara aceso e mais do meu, aquela morea de pedras e sombras que se movían a berros producían unha impresión estarrecedora. Dous non podían moverse e tres trataban de retirar unhas pedras que esmagaban ao xefe do grupo. O medo a un novo desprendemento non impedía que axudásemos a aqueles pobres homes, pero facía que nos movésemos con rapidez nerviosa.

Cando lograramos levar o primeiro a un sitio máis seguro empezaron a chegar outros mineiros. Sacamos os tres ao exterior no momento en que chegaban as padiolas. Trasladámolos á enfermería, pero o médico ía en Santiago e o practicante en Silleda. Quixemos levalos a Santiago, pero o enxeñeiro opúxose dicindo que primeiro tiña que velos o médico da empresa e que o ía telefonar.

Fixen o parte á dirección, que entreguei en seguida. Eran as dez da mañá. Pero á unha da tarde aínda non chegara o médico. Á unha e media morreu o xefe de grupo, que non aparentaba gravidade, pero a quen, sen dúbida, o golpe das pedras debeu producirlle hemorraxia interna. Os outros dous que tiñan, un unha perna e tres dedos dunha man rompidos, e o outro unha clavícula rompida e esgazaduras no ombro, empezaron a berrar como se a dor os atormentase de repente. A morte do seu compañeiro déralles a medida da súa gravidade e a impaciencia da espera empezaba a enlouquecelos.

Despois de insistir tres veces co enxeñeiro decidiuse, por fin, levalos no seu coche a Santiago.

Pola noite chamáronme ás oficinas onde moi amabelmente, despois de felicitarme pola miña actuación, me rogaron que rectificase o parte, poñendo as dúas da tarde:

-Síntoo, pero non quero facer nada que poida comprometerme diante da lei.

-Non se preocupe vostede, non se compromete en nada. Nós arranxarémolo todo. Isto non ten importancia; só é para efectos do seguro.

-Se non ten importancia non vexo por que modificar a hora, e se a ten, non debo facelo. ¿Algo máis?

Ao acabar o mes despedíronme. Como o perigo pasara, volvín á Coruña.

Compartir el artículo

stats