Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Do rosa ao amarelo

A impresionante marea de mulleres -homes dende logo que tamén participamos dun xeito material e solidario- que temos vivido o pasado día 8 -aproveitando a estúpida manía que nos deu por poñer un día ao ano adicado a non sei qué, cando o que teriamos que ter claro é que os 365 días de cada ano, e de cando en vez 366, terían que estar e ser día de- vén poñer as cousas no seu sitio, porque nunca xamais deberon de sacarse do contexto da nosa realidade de que o mundo é, ou tería que ser, "feminino", non digo feminista, ollo á diferenza. As mulleres sonche a forza que move ao mundo dende a súa matriz, porque nada hai máis importante que o don de dar vida e elas teñen esa inmensa sorte, que moitos homes envexamos e admiramos sinceramente.

As mulleres espertan en nós o mellor de cada quen: A capacidade de manifestar sentimentos abertamente, a sensibilidade ante a dor e a tristura, a abnegación, a entrega e o sacrificio da súa mesma vida, polos fillos e a familia, a xenerosidade absoluta e solidaria cos enfermos, os anciáns, os desvalidos e máis necesitados. Elas son quen de dicir abertamente que todos somos iguais, e calar sabiamente cando a senrazón da violencia se desata enfurecida no peor da forza física dos homes, porque é de sabios renacer das cinzas, e non plantar cara abertamente a un furacán.

O seu, noso, triunfo no pasado día 8 é ser mulleres anónimas, nenas, grandes, pequenas, vellas, novas, casadas, solteiras, viúvas, tanto ten, mulleres de calquera curruncho do noso país, sen voz, anónimas e invisibles as que saíron e tomaron as rúas, porque nunca deberon de deixar de ser nosas, para dicir alto e claro, firme e docemente, que xa abonda, que 739 mulleres vítimas os últimos dez anos da violencia machista é inasumible e inaceptable, que xa está ben de consideralas o sexo débil, que debemos asumir e aceptar a aberración que foi no pasado que non tiveran dereito a voto, ata o século XIX, que mesmo foran consideradas polas leis do noso rexime franquista menores de idade o diminuídas mentais, sometidas primeiro ao mandato do pai e despois, ao casar, ás decisións do marido -nin sequera podían abrir unha conta bancaria sen o consentimento expreso do seu home-.

Por iso, indigna que dende certos sectores, da prensa máis rancia e amarela, dos partidos políticos da dereita máis recalcitrante e sexista, das asociacións de sempre para as que as mulleres son un adorno a ganchete dos maridos de orondos cus apousentados nas súas poltronas, dos medios de comunicación, e desinformación, estómagos agradecidos, se queira capitalizar e sacar rendemento a este espontáneo movemento social, acaparándoo para eles, como se foran, agora si, grandes defensores da igualdade, cando ben calados estiveron dende sempre, e ben que lexislaron e provocaron o demo masculino coma un xeito normal de sociedade na que a muller é ese escuro obxecto do seu desexo, o repouso do guerreiro.

Compartir el artículo

stats