Como, sen dúbida, coñecen máis que dabondo todos os -sempre moi amables- lectores destas liñas semanais, velaí que D. Roger Torrent, presidente que é do Parlamento de Cataluña, vén de propoñer a D. Marco Polo, digo a D. Carles!, Puigdemont Casamajó, cabeza de lista de JxCat, como candidato a ser investido presidente da Generalitat. Contando, como si que parece contar, cos votos favorables non só do seu partido, senón aínda con esoutros procedentes das filas de Esquerra Republicana, tal semella que, en efecto, o Sr. Puigdemont puidese recuncar doadamente á frente das xuntanzas da Sala Tarradellas..., se non fose, iso si, por un pequeno detalle. E é que, como así mesmo devén do dominio público, acontece que D. Carles... en fin, está a pasar, agora mesmo, por certas dificultades, digamos "técnicas", para poder asistir "en vivo e en directo" á sesión de investidura. Como queira que este, seu, modesto cronista nin resulta ser un xurisconsulto compulsivo, nin tampouco acredita oficio de tertuliano de postín/postineo, nin aínda menos conta como lizgairo editorialista dalgún medio dos Madriles -esa nova Santísima Trindade decidida a gobernar as Españas mentres o Presidente do Goberno se debate contra atrancos mil, rodeado polas tempestades e mais as tribos hostís, varado nun vagón do Ave, camiño de Castellón; definitivamente, a D. Mariano si que se lle pasou o arroz!-, será mellor, se cadra, deixarmos que se ocupe do caso a quen lle corresponda que, para iso, doutores ten a Igrexa. Ou tal cousa afirman, polo menos.

Non obstante, dito/escrito o anterior, si que lles prego a Vdes. me dean licenza, porén, para anotar algunha cousa que, ao meu modesto ver, ben poida que conteña a súa importancia. Verán: somos, os habitantes das Españas, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos, xentes un tanto bipolares respecto á nosa propia consideración. Sucede, entón, que xeira arrasamos así nos mundiais como na guerra contra os herexes -"¡a por ellos, oé!"-, xeira non pasamos de cuartos e, tal e como esbardallara D. Antonio Cánovas del Castillo (sic), dispoñemos que "ponga Ud. ahí que es español el que no sirve para ser otra cosa". En fin, Pilarín... Xa que logo, e perante o devezo puigdemontiano de acceder telematicamente, ou virtualmente, á presidencia catalá, a reacción non pode concorrer máis destemperada: "que vergoña!; que andarán a pensar alén dos Pirineos sobre nós!?"

Pois ben; permíntame que matice, en primeiro lugar, que, lonxe de conformarse como unha anomalía, extravagancia..., "falta de madurez democrática" e demais lindezas, o propósito de JxCat e ERC talvez configure todo un exemplo de post-postmodernidade guay: na era dixital, no espazo cibernético... non só debería resultar factible contarmos con presidentes telemáticos e/ou virtuais, a habitaren tanto en Bruxelas como na nube (na computación na nube, na "cloud computing", cabe precisar), como, asemade, cun Congreso de Deputados, Senado... desa mesma condición. Aforrando, ademais, uns cantos euros do erario común, Dna. Celia Villalobos podería presidir moi requetebén calquera sesión ao tempo que lles preparase aos seus un caldo con ósos -de porco, que non de vaca- e, sen sequera desmelenarse, botar unha relaxante partida ao "Candy Crush". Retornado a "La Sexta Noche" -hai quen sosteña que nunca debeu saír de tal lugar-, D. Pablo Iglesias Turrión si que podería, da súa parte, axeitar como lle cómpre a caixa de grilos, digo as asembleas!, de Podemos e, sen descompoñer en ningún momento a coleta moreda, darlle caña, pero que moita caña a Francisco Marhuenda e a Eduardo Inda. Na éxtase, na epifanía desta superdemocracia do século XX, todos os vigueses e viguesas poderiamos, qué sei eu, participar desde os nosos fogares no deseño dos novos dinosetos ou nesoutro das luces psciodélicas do Nadal. Non me digan que non lles presta a idea!

Doutro lado, e a pouco que Vdes. o pensen, a cuestión xa está en marcha. Descontando a mensaxe made in La Zarzuela de cada Nadal, eis que D. Mariano Rajoy -si, xa o sei: mea culpa, mea culpa, por andar a aseverar do noso presidente que se trata dun político do XIX, nacido no século XX e a gobernarnos no XXI, qué inxusto que son!- hai xa tempo que se adiantou a tutti quanti e se decidiu polas marabillas comunicadoras do plasma, unha fórmula á que se vén apuntar igualmente D. Albert Boadella coa súa moi cibernética Freedom Tabarnia. En fin, mesturando a realidade virtual co poltergeist, incluso Dna, Rita Barberá foi participar na inaguración do Ave: si, dese mesmo do arroz pasado do que dabamos conta parágrafos arriba.

Así as cousas... por que andar con discriminacións e negarlle ao Sr. Puigdemont e collas castelleras afíns a virtual presidencia dunha república virtual?