O cantante Roi Méndez sacou á luz da actualidade, na Operación Triunfo, a palabra galega "sapoconcho". Esta, así, cobrou nova vida e recibiu 830 votos no Portal das Palabras da Academia Galega e a Fundación Barrié. Despois de AFOUTEZA e INDEPENDENCIA, SAPOCONCHO converteuse en verba do ano. E estivo ben, porque, desde había tempo, a voz "tartaruga", que designa en galego á totalidade dos quelonios, era usada tamén como designación vulgar nosa da especie Emys Orbicularis. Esta, segundo José Curto e Pedro Galán, é a única especie de quelonio de auga doce que existe na natureza galega e o pobo chamoulle sempre sapoconcho. Mesmo Henrique Massó, no seu Retrouso a Colón, creou un adxetivo máxico e estrepitoso que é HEXAPOCUNCHENTO.

O sapoconcho é de cor escura e boca grande, na que parece debuxarse un sorriso feroz. Rápido en terra, os movementos lizgairos alonxan o noso sapoconcho do tópico da lentitude das tartarugas. É mau de domesticar. A súa ansia de libertade ocasiona que sempre estea procurando fuxir do espazo que lle asina o seu carcereiro humano.

Nada que ver coa Testudo Graeca ou tartaruga mediterránea de xardín. O sapoconcho noso vive en augas empozadas ou de corrente maina. É gloria observar o sapoconcho, ao mencer, cando se pon sobre un seixo ao sol para quecer a cuncha e o corpiño todo.

Teño anotada presenza de saponconchos no Pego Negro de Gondomar e no curso alto dos ríos ourensaos Barbaña e Dos Muínos (non digan nin escriban "Barbañica"). Hai sapoconchos no Arnoia e mesmo ao pé da ponte de Vilanova, en Allariz. Coido que non se sabe ben cal é a poboación de sapoconchos en Galicia e en Europa. Os portugueses coñecen tamén a palabra sapoconcho, mais, polos vistos, vanna expulsando, por rústica e agalegada, dos dicionarios e da literatura.

Como nome vulgar do Emys Orbicularis, Portugal hoxe prefere cágado, vagamente relacionado co galápago do castelán. Pero, en galego cágado só pode usarse para denominar a larva da ran, que tamén recibe os nomes de culler e cucharilla (castelanizado de vez).

Así pois, e xa que o sapoconcho é carnívoro, podemos decer en galego, e non en portugués estandarizado, que os sapoconchos se alimentan frecuentemente de cágados. Parece que os sapoconchos poden vivir até cen anos. Desexámoslle á palabra moitas máis primaveiras cunqueiranas.