Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Chiarrarico, rei escuro de Galicia

A varios historiadores prodúcelle unha especie de náusea recoñecer que o primeiro reino de Europa foi o creado polos suevos (ou suebos) na provincia romana Gallaecia, ou sexa aquí. Grazas aos suevos, o nome de Gallaecia chegou até agora mesmo en forma de Galicia/Galiza ao tempo que desaparecían os nomes das restantes provincias romanas de Hispania, que eran Lusitania, Bética, Tarraconense. En fin, aos historiadores, españolistas cústalle traballo dexerir que a entidade Galicia (dita en calquera das súas formas) era vixente en días que nin os nomes nin os territorios de Aragón, Valencia, Castela/Castilla, Cataluña, Andalucía existían. Nin tampouco outros. Parece que, en Ourense, estase a abrir unha exposición sobre o reino suevo de Galicia, que visitaremos e analizaremos na medida das nosas capacidades e con ánimo positivo, dado que o universo da Gallecia Germánica nos resulta, como a moitos galegos, fascinador. Está ben que sexa Ourense onde se instale a exposición orixinalmente. A lenda narra que en Ourense tivera lugar a milagrosa curación do fillo de Chiarrarico. Este, que foi un dos reis escuros da Galicia sueva, sufría porque un seu fillo moi amado padecía de lepra. Curou este por mediación de Martiño de Tours, aínda que a tradición máis autóctona lle outorga a Martiño Dumiense o mérito. Non sería isto posíbel por razón de incongruencia cronolóxica. O caso é que, aínda no día de hoxe, a catedral e a cidade de Ourense teñen un santo patrón e ese é Martiño de Tours. Cada ano, o no día de San Martiño, acéndense no rodopío de Ourense centos de fogueiras de magostos que celebran a curación do fillo de Chiarrarico. Logo, o rei practicaría unha daquelas famosas conversións políticas, pasándose do arianismo ao catolicismo romano dentro do conflicto internacional no que os galaico-suevos no que se asociaban aos francos e mais os bizantinos para resistiren a presión, españolista (podíase decer) dos visigodos toldaos ou toledanos. Sexa como for, a exposición tería que vir a Vigo, xa que no adro máxico de Santa María (O "sagrado" de Martín Codax) non hai moito que apareceu unha tampa sepulcral sueva sumamente interesante. Esta mostra contribuiría a disipar a idea vulgar de que a cidade de Vigo carece de historia. Sabemos que hai un Vigo suevo.

Compartir el artículo

stats