Definición de patrimonio: Conxunto de bens, dereitos e obrigas que ten unha persoa. Do latín Patrimonium, palabra composta de patri (pai) e monium (recibido). Así ven a significar: O que recibimos dos nosos pais. Polo tanto, se o recibimos dos nosos pais, temos a obriga de transmitilo aos nosos fillos.

Defendamos o noso patrimonio natural: O que a propia natureza nos da. Defendamos o noso patrimonio cultural:O tanxible: Moble (documentos, fotos?), inmoble (arquitectónico...). O intanxible: Lingua, costumes, lendas, música...

Defender o noso a ninguén lle ten que parecer mal e, sobor de todo, defender o que dalgún xeito está en perigo, máis que outra que debemos asumir, individual e colectivamente.

Defendamos a recuperación da Casa Reitoral de Toiriz, máis cando a Xunta de Galicia pretende aprobar unha lei que obrigaría a elo por parte dos donos, neste caso da igrexa, e máximo cando o obispado vén de vender unha propiedade que a todas luces debe ser investida en recuperar a casa reitoral. Se non o facemos agora perderémolo para sempre e con elo unha parte da nosa historia como parroquia e as posibilidades que con elo implicarían de servizo, podendo ser, público ó servizo da comunidade.

Defendamos o Sobreiral do Arnego, o conxunto rupestre da Pena da Frisca e a súa paisaxe natural, o espazo recreativo no Aviseiro, o noso patrimonio arquitectónico da Reitoral de Toiriz, o noso patrimonio lingüístico: os nomes dos lugares, fontes, outeiros, etc. Defendamos o que é noso, defendamos o noso patrimonio musical, as festas tradicionais, a festa do río, as nosas tradicións.

Defender o noso non é nada malo, somentes é, facer o que ninguén vai facer por nós, defender o noso.

*Veciño de Toiriz (Vila de Cruces)