Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Serra do Candán precisa de planificación

O Candán pasa por ser unha das mellores representacións da media montaña galega, pola súa natureza e polo seu rico patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico, e rica tradición inmaterial e de memoria histórica que vén reproducen as cantareiras de Zobra.

A pesar de contar cunha protección normativa dende hai 26 anos é preciso alertar do ritmo de deterioro que sofre. Xa as Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra, do 1991, recoñécelle a condición de espazo protexido. Despois, no 1999, inclúese na proposta da Rede Natura 2000, sendo declarado cinco anos máis tarde coma Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Aínda tería que ser no 2014 para, definitivamente, ser declarada Zona de Especial Conservación da Rede Natura. Esta última distinción será a que lle confira maior protección ao amparo do Plan Director da Rede Natura da Xunta. Un plan que a propia Comisión Europea recomenda desenvolver mediante Plans de Conservación para cada espazo, pero que a Xunta entende non necesarios. Sobre isto deberíase exercer a principal reivindicación para quen queira ver un Candán con garantías de protección e desenvolvemento.

A pesar de todo este recorrido normativo a situación é de relevante vulnerabilidade. Na realidade nada fica protexido. A Serra vai perdendo todo o lustre de territorio rico e singular que sempre o distinguiu e avanza cara unha vulgarización e simplificación dos seus valores.Neste tempo as normas existentes de pouco valeron para cambiar o paso dunha polémica liña de alta tensión, no ano 1994, ou impedir tres parques eólicos (no 2000), ou varias concentracións para parcelar monte que non terras agrarias. Estas actuacións, xunto cunha permisividade das autoridades, supuxeron a chegada de fortes impactos e dunha grande transformación. Trouxeron asociado unha álxida apertura de accesos e cambios no modelo de aproveitamento da serra. As pistas chegarán practicamente a tódolos recunchos, algúns deles nunca transitados por vehículos. E os contratos dos parques eólicos ocasionarían, indirectamente, un fenómeno de domesticación do territorio que mudou os hábitos das aldeas con respecto ao monte, que se desfarán progresivamente dos usos tradicionais, por outros que rapidamente se desenvolven anarquicamente e sen criterio de ordenación territorial. Sobre isto prevaleceu unha consentida falta de vixianza, e un todo vale, da Administración. A suposta prosperidade dos eólicos rompeu unha relación harmoniosa cos traballos da terra, o gando e pastoreo, e o forestal, nun avanzo cara novas maneiras de intensificación na produción que desterraron outras posibilidades produtivas, que polos tempos que corren, incluso ben resultarían ser máis competitivas. Incluso nesta vertixe de cambios execútanse parcelarios con quilómetros de pista a ningún lado, desaparecidas hoxe entre as xestas (na Pereira, Nercellas), e con carballeiras cortadas para pasteiros que hoxe están a eucalipto.

Así os rabaños foron desaparecendo, a gandería en extensiva que vagaba pola Serra, substituída por gando, incluso trasladado en camións aos novos pasteiros artificiais, cercados, a costa de destruír hábitats protexidos, e inzáronse zonas de monte con grandes repoboacións. As novas pistas facilitan as cortas de madeira das devesas de fondo de val e, das rústicas sacas para o aproveitamento de leña, pasase a unha intensificada actividade de cortas a eito.

Seminario de Estudos Galegos

Nos anos trinta Xaquín Lorenzo, que participou na misión do Seminario de Estudos Galegos á Serra, inmortaliza nunha fotografía o mosaico dunha frondosa devesa, matogueira e estivadas en Chedas. O mesmo lugar que hoxe ve proliferar unhas inconcibibles plantacións de eucaliptos que van tomando posición e avanzan coma lexión conquistadora, ao tempo no que a devesa de Couso, Chedas e Moa fragméntase e redúcese lamentablemente. As brañas das chairas, ricas e singulares, cheas dunha flora e fauna tan rara como curiosa e ameazada, de algodón bravo, da arnica, das pequeniñas atrapamoscas carnívoras, da rata de auga, reducíronse nas últimas décadas en máis dun 70% da súa superficie. Claro exemplo témolo nas recentemente desaparecidas brañas de Masgalán.

A riqueza das súas rapinas, coa tartaraña e gatafornela, especie en perigo, foi abundante ata fai 10 anos, e agora moi escasa. O que foi dominio do bufo, do lobo, das lebres, a comunidade de morcegos, dunha flora e fauna moi sensible a pequenas alteracións do medio, atópanse cunha regresión con tendencia á desaparición local. Debido a procesos aparentemente inocuos, que veñen a sumarse aos principais elementos que degradaron a Serra e, nestes momentos, apuntan coma ameaza moi seria polo abuso e falta de control na que se producen. Así deportes de motor (motos, quads), por certo, actividade prohibida dentro destes espazos, manteñen unha recíproca presenza, en áreas moi sensibles, e provocan alta erosión, inasumibles á fauna ameazada catalogada, reducido as súas áreas ou confinandoas a lugares onde son máis vulnerables. Devesas como da Hermida e no Espiño e Couso, a de Bustelos, o camiño de Grobas, atópanse escandalosamente arados por estas prácticas. Así como a xeneralización e sinalización de múltiples recorridos, que moitas veces, e aínda que con tódalas mellores intencións, se abren para ocio e lecer dos camiñantes e actividades deportivas. O seu deseño debería atender a un previo diagnóstico de selección para unha adecuada ocupación en espazo e tempo, en función das especies e hábitats presentes e a época do ano. Estas intervencións deberían facerse unha vez blindadas as medidas de conservación, mediante plan, e contando con protocolos de desenvolvemento das actividades que supoñan unha alta participación de xente.

Pode que teña lugar unha incorrecta interpretación de como se debe protexer o legado da Serra, e precisaríase dunha maior acción política local en demandar a administración competente, Xunta, a elaboración dun plan de conservación, o "ABC" de como protexer o Candán, e como sacarlle o máximo aproveitamento e posibilidades para a poboación residente, para que o Candán agora non "morra de éxito. Sen este instrumento calquera intervención queda expedita á improvisación e xestión a cegas e, iso, tradúcese nun incremento dos factores de risco. O Candán agocha un patrimonio material e inmaterial que merece ser tratado e sumado ó deseño de planificación para a súa protección integral. Temo moitos exemplos:.

As ruínas de Maríadiz, os Medos, Auga Balsada, na cabeceira do Deza, son un misterioso legado dunha antiquísima minería de ouro. Presente na memoria da Trigueira, Portomartín, Ameixedo, no que aínda hai vellas peneiras para bater o río na procura de pebidas de ouro.

O conxunto dunhas 100 alvarizas dispersas e esquecidas, algunhas con máis de 400 anos. Trátase de construcións de factura e feitura arquitectónica exquisita en desaparición. Ou impoñentes peches no medio da nada que gardan relación con aqueles curros onde o mosteiro apresaba un gando, supostamente clandestino, que pastaba libre pola serra de Aciveiro danando cultivos. Tanto a Graña como Chedas foron granxas e graneiros ao servizo do convento.

O proceso de deforestación dos seus bosques é constante, feito que debería preocupar bastante, pois a súa redución non é nada insignificante se o medimos en lustros. Pola súa titularidade houbo preitos entre mosteiro e veciños. Uns bosques polo que tantas veces cruzarían os abades, cos seus mastíns protectores fronte o oso, pasando polo Porto do Frade ou a Porta Cidrade, para cobralos seus foros baixo o carballo, aínda ergueito, da Casa da Pita en Vilatuxe. Ou camiño do seu priorato ao Ribeiro. Devesas que propiciaron moreas de carbón e taninos, antigos oficios, que gozaron dunha incesante actividade e laboriosidade. O carbón de uces e de carballo facíase na propia devesa, nas plataformas das carboeiras (aínda visibles) onde, co paso dos días, se carbonizaba a leña. Previo ao carbón, pelábase no verán a casca dos carballos para extraer tanino. Contan que en Chedas e nas Liñeiras había colas de carros cheos de tonas ou cortiza que saían para o Reino, máis tamén para Lalín, pois a vila contou con ata catro curtidoiros de coiro.

Soubo o Candán de trampas do lobo. Delas cabe destacar os foxos e cousos. Pero hai outro tipo moi singular e descoñecida da que os topónimos dan boa conta do seu uso: os armadoiros ou campos da armada. Así en lugares coma en Bustelos e en Moa "armábanse" as cordas, unhas redes horizontais de liño de grandes dimensións, que nas monterías estirábanse no monte a agarda de que os lobos encerellaran nelas para, despois, chuzalos con lanzas.

Calquera previsión que pretenda conservar esta riqueza natural, rescatar todo este patrimonio do esquecemento e da súa degradación, coa arela de blindalo no tempo, debe facerse seguindo unha lóxica de pasos firmes e continuados no tempo. Que comeza por reivindicarlle a quen proceda da necesidade de aplicarse as normas ambientais e de urbanismo que afectan ao espazo que, por certo, se incumpren sistematicamente.

E, dentro das competencias dun, formular propostas de actuacións de meditada e contrastada planificación, en base a un detallado diagnóstico da realidade da serra, dos seus puntos críticos, prioridades e, establecer en función delas, como gastarse os escasos recursos dos que se contan, para así advertir a idoneidade de investir ou non en cousas, que a vista de como está o panorama, poden resultar rimbombantes polo inoportuno momento no que se atoparía o resto.

*Biólogo lalinense.

Compartir el artículo

stats