Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Falsificar a Historia

Anda por aí voando a especie de que o nacionalismo catalán falsifica a Historia de España e a Historia de Cataluña. Non creo que sexa tal como di a propaganda política do nacionalismo español. En todo caso estou en condicións de asegurarlles que o nacionalismo español, e desde hai moito tempo, manipula no seu proveito a Historia de Galicia. Non hai proba ningunha de que o apóstolo Santiago viñese predicar a fe cristiá nin a Galicia, que se chamaba Gallaecia, nin á Peninsula Ibérica, que era Hispania na época de Augusto. Tampouco pode ser verdade que o corpo de Santiago, que fora decapitado en Ierusalem, viñese por mar desde Palestina a Padrón e o fosen enterrar ao sitio que hoxe dicimos Compostela. Non existe garantía ningunha de que o corpo que "inventaron" en Compostela fose o do apóstolo Santiago.

Moitos anos antes do século XVI do que se está a falar estes días, probabelmente en ocasión da magna razzia de Almanzor, o corpo dito do apóstolo foi agachado tan ben que se perdeu a noción do lugar de acubillo. Temos que chegar ao século XIX, ao tempo do cardeal Payá, para vermos como López Ferriro, coengo da catedral, encontraba un xacigo e atribuíase ao seu contido os honores de ser a osamenta do apóstolo Santiago. Logo o Papa de Roma, sen practicar ningunha clase de proba crítica, decretou que aqueles restos eran os de Santiago. Entrementres, na que se chama en Ierusalem (en inglés) Saint-James Street e na igrexa armenia de Santiago tamén se veneran uns restos de tal apóstolo que, polo menos, teñen a ventaxe de encontrarse no lugar onde parece que o santo foi executado cruelmente.

O mito das manifestacións multitudinarias de fe e masivas peregrinaxes na Idade Media cobra forza de dogma. Nada máis lonxe da verdade. Se vostedes revisan a literatura medieval en lingua galega verán que nos Cancioneiros, onde aparecen romarías e lugares de peregrinación a mans cheas, non se menciona a Santiago ("padrón sabido") case nunca. Mesmo cando Bernal de Bonaval se refere á igrexa do seu mesmo nome, oculta, e non sei por que, que ela foi consagrada na cidade de Compostela. O extraordinario poeta galego relixioso que foi Afonso X o Sabio non se ocupa para nada do apóstolo Santiago en tempos en que todos enfatizan que as peregrinacións a Compostela estaban a "vertebrar Europa" (así din agora moitos). O Rei Sabio dedícalle a Santa María, a totalidade das súas Cántigas confisionais. Por fin, chega o historiador Louis Duchesne, que era bispo, e insinúa no ano 1900 e nos Annales du Midi que quen está sepultado en Compostela é o irexe galego Prisciliano, que tamén foi decapitado, pero, este, en Tréveris, onda os socalcos do viño Riesling.

A mentira e a falsificación da Historia convértese en farsa cando o presidente da Xunta en ceremonia nacionalcatólica de veras, viste o chaqué e se dirixe ao apóstolo que nunca estivo enterrado en Compostela para comentarlle temas de actualidade política.

Compartir el artículo

stats