Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

É posible o inferno de Gois e Pedrogão en Galicia?

Como o resto da metade norte de Portugal, Gois e Pedrogão Grande comparten con Galicia unha orografía complicada, unha poboación dispersa, un abandono crecente do rural, un case monocultivo forestal de piñeiros e eucaliptos e unha arraigada tradición de emprego do lume como ferramenta agrogandeira ou forestal... e con outros fins menos confesables. Comparten tamén con Galicia a triste realidade de ser as únicas zonas do litoral atlántico europeo onde os incendios forestais son un problema. Mesmo compartirían podio se houbese un sinistro campionato europeo de actividade incendiaria.

Despois da enorme traxedia humana e ambiental dos pasados días, sería esperable e desexable que o acontecido nestas dúas localidades lusas quedase "gravado a lume" na memoria e nas actuacións inmediatas e futuras de cidadáns e gobernantes, dun e doutro lado da raia. Lamentablemente non semella que vaia ser así.

Agora todos piden que se desbrocen a matarrasa as marxes das estradas e as contornas das casas e o director xeral de Ordenación Forestal declarou que "si se cumple la ley, sería difícil ver en Galicia un caso como el de Portugal". A afirmación sería tranquilizadora se non fose porque en Galicia as leis relacionadas co monte, o medio ambiente e a ordenación do territorio raramente se cumplen e porque, no caso concreto da lei de incendios, as esixencias que establece (franxas de protección de 10 metros a cada lado das estradas e de 50 ao redor de vivendas) son simplemente de imposible cumprimento por cuestións loxísticas e económicas.

Comecemos polas estradas. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2013 había en Galicia 49.411 kilómetros de estradas (2.967 estatais, 5.453 autonómicos, 9.607 das deputacións, 31.384 municipais), polo que para cumprir a lei de incendios habería que desbrozar anualmente unhas 98.800 hectáreas só nas súas marxes, cifra que quizais se reduciría a unhas 67.000 contando unicamente as que atravesan os dous terzos de Galicia considerados "monte".

Falemos agora das vivendas. En Galicia hai 986.091 parcelas edificadas nos 30.244 núcleos de poboación (IGE, 2016), é dicir, unhas 33 parcelas edificadas por núcleo, polo que o perímetro medio destes sería duns 400-600 metros. Pois ben, cunha franxa de protección de 50 metros de largura, habería que desbrozar anualmente unha superficie entre 60.000 e 90.000 hectáreas, e iso sen contar as innumerables edificacións diseminadas (en Galicia están máis da metade das que existen en España).

"Legalmente" habería, pois, que desbrozar cada ano entre 130.000 e 160.000 hectáreas de franxas de protección, é dicir, ao redor do 5% da superficie de Galicia. A imposibilidade real de desbrozar tan inmensa superficie provocou nos últimos anos un incremento moi preocupante no uso de potentes herbicidas ao longo das estradas. Deixemos aparte os efectos negativos sobre a saúde das persoas e a biodiversidade e centrémonos no risco de incendios: a ningún "responsable" se lle ocurriu que con toda a súa vexetación seca polos herbicidas as cunetas das estradas son ideais para que comece un lume ou se propague rapidamente?

Pero imaxinemos que fose posible desbrozar cada ano ese 5% de Galicia: serviría para impedir unha desgraza como a de Portugal? Persoalmente, teño serias dúbidas. Contando a propia estrada e as franxas de protección, na meirande parte dos casos habería unha banda duns 30 metros de largura sen vexetación, pero dentro dos turnos normais de corta, en Galicia os piñeiros acadan os 20-30 metros e os eucaliptos uns 30-40. Un lume de copas, con lapas de 40-60 metros de altura, como o de Goios e Pedrogão, atravesaría doadamente esa franxa e podería atrapar aos vehículos que circulasen por alí. Mesmo no caso de que non morresen polo lume, os ocupantes poderían perecer asfixiados polo fume, ao que non deteñen as franxas desbrozadas.

Que podemos facer entón para evitar un inferno como o de Gois e Pedrogão? Concienciar á poboación para erradicar os lumes de orixe humana, o cal, por si só, permitiría reducir en Galicia o risco dese inferno en máis dun 90%. Informar aos cidadáns sobre como actuar diante dun incendio forestal. Investir de verdade no desenvolvemento sostible, para reverter o avellentamento e despoboamento do rural, garantindo calidade de vida para as persoas e un equilibrio entre explotación e conservación do medio natural. Fomentar unha paisaxe forestal diversa en mosaico, con moitos menos piñeiros e eucaliptos e máis frondosas autóctonas. Investir máis en prevención, sen esquecer as necesidades de extinción e de restauración das zonas queimadas.

Compartir el artículo

stats