Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Tempo de silencio

Temos a inmensa sorte de vivir nun país abraiado polos problemas, e colonizado dende o Norte, os ricos desta Europa de mercados e mercaderes,no que a xente tan so nos preocupamo de vivir, que non é pouco, e ir votar cada catro anos, coa falsa crenza de que así se vive a democracia, descansando noutros a responsabilidade de decidir por ti mesmo. Metemos un papeliño nunha furna de cristal e por arte de birlibirloque sacamos o coello branco da chistera. Claro que ao día seguinte de ter conseguido gañar as eleccións, o electo, fai o que lle peta e se te vin non me lembro, ata a próxima, que onde dixen digo quixen dicir Diego. Xa sabemos todos que os programas están para conseguir votos, e pasou o día, ala foi a romaría; a ver quen vai esperar que os cumpran.

Tempos nos que levamos os nosos rapaces ás garderías -porque alí aprenden e sociabilízanse antes, pensamos para convencernos-. Tempos nos que nos vemos na obriga de deixar aos nosos pais, eses avós cheos de sabedoría, e de achaques, nos asilos, os que chamamos, "centros da terceira idade", porque non podemos atendelos; morgues de futuro, porque dalí tan so se sae nunha caixa de pino e cos pés por diante, levándose toda a sua experiencia, cara ningures. Quen falará de nos cando todos esteamos mortos? E claro sen nenos nin vellos que nos incordien,sentímonos sos e aburridos. Como matar o tempo? Así que mercamos un canciño, para que nos faga compañía e continuamos xa máis felices.

Estupideces contraditorias nas que continuamente nos queixamos de non ter tempo para nada, pero canto máis tempo libre temos, máis aburridos nos sentimos. A algúns de nós danos por escribir, ou ler, nova contradición, para que?, para quen escribir?, se non te le ninguén.

E coma agora cos móbiles, sacamos fotos coma churros, selfies deses, autorretratos do ego, pero temos que amosalas aos demais, se non para que facelas? A graza da historia está en compartilas, cos amigos, os amantes, os compas do traballo ou o veciño do quinto,pero como vivimos pechados, agochados e encerrados en nós mesmos, nestas cidades de cristal e cemento, nas que falta calor humano e sobra ruído, pois buscamos onde faga falla os amigos de quita e pon, eses virtuais que como che toquen moito os collóns, con perdón, os bloqueas e listo Calisto, aquí paz e alá gloria.

Somos estúpidos, estúpidos, estúpidos, estupidamente estúpidos ao cubo. E vivimos, crendo todo o que vemos nesa caixa tonta pola que nos dan as medicinas, como lle dixo nunha ocasión un paciente ao médico, cando lle preguntou como tomaba o tratamento que lle tiña receitado e quen lle dera as pilulas de cada vez, e totalmente convencido deulle por resposta que llas daban dende a televisión.

Cando leo que no país se publicaron o ano pasado máis de 73 millóns de libros que non foron vendidos, polo que moitos deles remataron na trituradora, ou vendidos como saldo ao peso, penso que se está a perder unha cuarta parte do mercado. As razóns? A crise económica, o baixo índice de lectura dos españois e o fracaso total e absoluto do ensino das humanidades, que ao parecer non interesan, empezando polos ministros, máis preocupados en ter analfabetos e años, que persoas críticas e con criterio.

Aquí non le nin o demo, pero si hai máis xente interesada en publicar, polo que a autoedición medra entre a xente, animada polo baixo custe dela. A cuestión, a pregunta é: Para que? Aínda que teñas eses cartos e teñas a obra escrita, para qué editala, se non vas conseguir que ninguén, salvo dous, tres, catro amigos, a lean. Outra nova contradición para a que non teño resposta, coma sempre.

Compartir el artículo

stats