Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

España eurovisiva

Hai cousa de trinta e tantos anos, cando o autor destas liñas semanais era ben máis novo -aquilo de "máis guapo", como esoutro de "máis rico", mellor será que o deixemos a un lado: hai episodios que, simplemente, non funcionan neste mundo mortal, Mondo Cane-, coidaba, desde a miña moi cándida inocencia, que certas cuestións podían (ían) cambiar radicalmente e de certo nas Españas, dentro dunha perspectiva máis ou menos próxima no tempo. Deste xeito, acreditaba con firmeza en que, no horizonte que agora mesmo xa atinximos, estaríamos a habitar nun país de países onde a democracia non só constituíse unha forma legal -xa saben, a preponderancia do estado de dereito-, senón tamén unha realidade pefectamente cotiá. En consecuencia e por exemplo, a familia Borbón viría ser, diante dos tribunais de xustiza, da administración de facenda..., talmente (vale: poñamos que case) como a familia Martínez, dos Martínez de barrio de toda a vida, ou, que sei eu, como a familia García, dos García de calquera vila ou aldea situada sobre a "piel de toro", arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxacentes. Polo mesmo credo, credo, credo, interpretaba asemade que os nosos fillos e netos andarían a falar, e escribir, moi correctamente galego, castelán e inglés, educados nun sistema universal, gratuíto e igualitario. Trátase, desde logo, do mesmo sistema social que lles permitiría desenvolver, e gañar a vida desde aí, unha profesión do seu agrado e na súa patria nativa -ou fóra dela, se esa viña resultar a súa escolla-, acceder a unha vivenda digna, para alén de asaltos bancarios á man armada, e que a nós, os seus maiores, nos daría garantía dunha prácida xubilación chegados á fronteira dos sesenta outonos. En fin, que lle queren Vdes.? Debo confesar a miña debilidade polas historias felices made in Hollywood: malia todas as súas malvadas habilidades, os sith acabarán perdendo; a Orde Jedi triúnfa na galaxia.

Ben sei; ben sei, reitero o da miña completa inxenuidade. Ao cabo, escrito está aquilo de "Ubi sunt qui ante nos in hoc mundo fuere?": onde foron parar os seus soños e arelas? Mais, así e todo, o que nunca -pero é que nunca, nunca- cheguei a pensar foi que, "peinando canas" como peino, a diario en traxe de combate co colesterol e xa plenamente instalados máis aló do 2001, nunha odisea do espazo, tivese que presenciar aínda -e ano tras ano- determinados espectáculos. Porque pase que Raphael nos amargue cada Nadal -agora en compañía da inefable Alaska e mais o seu edecán- ou que Bertín Osborne -cando aceptará o noso superman cañí que hai moito que xa accedeu ao tempo de D. Norberto Juan?- nos reciba na súa esplendorosa mansión. Pero, machiños e machiñas: que a estas alturas do noso periplo cósmico haxa que continuar aceptando as andrómenas mil do Festival de Eurovisión! Que a moi respectada, ilustrísima e sagrada Real Academia Española -"limpia, fija y da esplendor"-, presidida polo meu admirado e prezado Darío Villanueva, proceda a preocuparse polo certame! A ver: se é que a intelixencia terrestre, polo que sexa, non pode con semellante labor, que veñan dunha vez os aliens e emitan un comunicado contundente! Miñas donas e meus señores: convirán conmigo en que isto non pode continuar así!

E vale; non imos negar que, aló cando os animais falaban, a TV emitía en branco e negro e Marujita Díaz exercía de "moza de cántaro", a cousa de Eurovisión tivese o seu aquel: "yo canto a la mañana que ve mi juventud; la, la, la, a mini-saia (a de Massiel) gañará! Spain: ten points! L´Espagne oui!" E, de acordo de novo: quen máis, quen menos, todos asistimos ao (intento de) revival protagonizado pola maxestosa Rosa de España e mais o seu coro infer..., digo infantil-xuvenil, dos Bisbal, Bustamante, Chenoa... "Europe´s living a celebration": certamente, tratábase dun sinal, do principio do abismo. Pero, claro, non o quixemos ver e aínda fomos teimar, uns anos máis tarde e máis que fartos de viño, naqueloutro de "Baila chiqui-chiqui,/baila chiqui-chiqui./¡Lo bailan los hevays y también los frikis!" do xenial Rodolfo Chikilicuatre/David Fernández, ¡perrea, perrea! En fin; máis tarde ou máis cedo, os nosos pecados foron colmar a paciencia divina e velaí que, sen pau e sen pedra, o Ceo permitiu que sobre nós se desatasen galernas, treboadas, cicloxéneses explosivas, tramas Gürtel, urdangaríns, preferentes e "claúsulas suelo", crises, recrises e postcrises mil.

En maio do ano presente, e se Donald Trump/Vladímir Putin mediantes (lembren Vdes. que o evento vai ter lugar en Kiev) non o impiden, volveremos insistir na falcatruada. "Do it for your lover/Do it for your lover, baby/Clap your hands and do it for your lover/Do for those whoever cares and love,/love": velaí as excelsas rimas que cantará -é un dicir- Manel Navarro. Como han de coñecer ben todos os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais e como xa quedou exposto máis arrtiba, a RAE protestou polo atentado. En fin: máis unha vez quedará demostrado urbi et orbi que en España, e para alén de castelán, galego, euskera e catalán, contamos cun singular quinto idioma: inglés nivel medio. Que alguén se apiade dos nosos oídos!

Compartir el artículo

stats