Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Rajoy, cinema, ortografía

Peguntábanlle os xornalistas, nas vésperas da entrega dos Premios Goya 2017, ao presidente do goberno español, D. Mariano Rajoy, cal(es) dos filmes nominados contemplara. A resposta -penso que han de ser moitos de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, os que xa a coñezan de abondo- foi que, realmente, non visionara ningunha.

Como era de agardar, as críticas diante de tal proceder -"No las he podido ver; para mi desgracia, no voy al cine, leo novelas": velaí as palabras exactas- non se fixeron esperar; entre elas, destaca con acento propio a emitida por un dos grandes triunfadores da noite do pasado 4 de febreiro. Na estima de J.A. Bayona -Goya ao mellor director por "Un monstruo viene a verme" e que, ademais, conta no seu haber con títulos como "El orfanato" ou "Lo imposible"-, acontece que "un presidente que no ve el cine que se hace en su país no es por falta de tiempo, sino de interés."

Mais o Sr. Rajoy tamén conta, desde logo, con defensores. Para eles -ou para un certo número deles-, alén de entenderen que D. Mariano non ten a menor obriga de acudir ás salas cinematográficas, sucede que o xefe do executivo das Españas vén actuar, ao cabo, como unha boa parte dos seus concidadáns: non ven cinema do seu país, simplemente porque non lles gusta e/ou interesa. Punto e final.

Este, seu, cronista conta cunha experiencia de case corenta anos no mundo do ensino. Certamente, unha das cousas que máis me ten abraiado ao longo desas catro décadas foi asistir á apoloxía da ignorancia por parte dalgún -poucos, pero máis dos permisibles, se é que tal proceder se lle pode permitir a alguén- dos meus compañeiros de traxectoria profesional. Velaí, daquela, na miña memoria certos profesores de letras e/ou humanidades que non só declaraban a súa absoluta incompetencia en apartados tan básicos da ciencia como, poño por caso, o principio de Arquímedes, o significado do ácido ribonucléico ou mesmo a teoría do Big Bang (sic et sic!), senón que mesmo facían ostentación de semellante carencia. Así mesmo, lembro algún ensinante de matemáticas, física... perfectamente incapaz de citar unha soa obra de Lope de Vega Valle-Inclán, Flaubert, Stevenson... ou, xa non digamos - "es que yo no sé gallego, se me da muy mal"- de Castelao ou Álvaro Cunqueiro. Atrevida ignorancia á que viñan sumar de contado esoutro desprezo absoluto polas regras da ortografía -así do castelán como, especialmente, do galego- ás que cualificaban, sen máis, de "absurdas","arbitrarias" e, en todo caso, perfectamente prescindibles. En fin, comprendo ben que, diante de tal desfeita, haxa algúns -moitos- de Vdes. que se alporicen: "e como vai ir ben o ensino con xentalla así!?"

Digamos, con todo, que, en efecto, a ortografía dun idioma -de calquera idioma- pode aparentar "arbitraria" ou "ilóxica" a primeira vista. Claro que o que acontece é que as leis ortográficas, sexan as que sexan/fosen as que fosen, tan só se aprenden de veras mediante dous episodios esenciais: lendo e escribindo. De aí que cando alguén comete faltas ortográficas, a causa fundamental de semellante descuido reside, no 99,9% dos casos, en que ese individuo nin le nin escribe cunha mínima frecuencia. E si; xa coñecemos aquilo tan socorrido: "tamén García Márquez cometía faltas de ortografía!" Estupendo, ok McKey. Pero dígame: xa coñecemos que defectos que comparten D. Gabriel e mais Vde. Por que non me fala agora das virtudes que ambos teñen en común?

Non ten, pois, a obriga D. Mariano Rajoy de que lle guste o cine español -acaso gústalle algún outro?; que películas estranxeiras veu ultimamente? Como tampouco ten a obriga de ler novelas -por certo, cales son esas que si afirma que le?-, falar idiomas -mellora o seu inglés?-, ter noticia dos últimos avances en medicina ou física, interesarse pola pintura, manexar as novas tecnoloxías, ler xornais e revistas. (fóra dos deportivos)... En fin, por non ter, non ten o señor presidente tan sequera a necesidade de manexar a ortografía do castelán (e/ou do galego!) correctamente xa que para iso conta con secretarias e axudantes ad hoc. Xa postos, mesmo pode prescindir de calquera coñecemento arredor da teoría política; abóndalle, como el mesmo diría, con actuar sempre "con sentido común", conducirse "como un español más."

É ben curioso: mentres non falta quen diga descoñecer por completo os nomes de Isabel Pantoja, Cristiano Ronaldo, Belén Esteban... -en que cova, abismo ou clausura habitarán?-, veñen esoutros a proclamar e predicar o desinterese/desprezo polo cinema, polos libros, pola ciencia... -¡qué inventen ellos!; ¡qué escriban ellos!; ¡qué hagan películas ellos!"- na maís cateta das apoloxías posibles. En fin; a verdade é que o autor destas lilas descoñece ata que punto existe ou non existe o dereito á ignorancia. En todo caso, permíntanme Vdes. que diga/escriba aquí e agora que, ao meu entender, as faltas de cinematografía -como as faltas de ortografía- acaban sempre por se transformaren, asevere o que asevere quen as comete, en faltas de cidadanía. En faltas de democracia.

Compartir el artículo

stats