Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

"Just a brick in the wall"

Andan nestes días moi alporizadas -e, sen dúbida ningunha, non lles falta (moita) razón para tal- todas as boas xentes do mundo diante das medidas adoptadas, e/ou que pretende adoptar, polo presidente dos Estados Unidos (unidos?) de América, Mr. Donald Trump, tamén coñecido como o rei do Twiter (chungo) e outros variados títulos, a cada cal máis chafalleiro e babeco. Desde logo, de entre todas as andrómenas argalladas por esa cabeciña na que foi pousar o curmán sinistro do mapache de Daniel Boone -por moito menos diso, queimaron hai moitos anos a perruquería (e case o perruqueiro!) de certa vila da nosa costa-, destaca con lapas propias esa mesma consistente en erguer un muro (supostamente) infranqueable entre a república de México e esoutros territorios que lles foron roubados aos descendentes dos infelices Cuauhtémoc e Tetlepanquetzaltzin pola inaudita rapacidade da gringada, aló por volta de 1848, na vila de Guadalupe-Hidalgo. Un muro que, para máis escarnio e sempre segundo D. Donald, haberán de pagar do seu peto os compatriotas de Emiliano Zapata, María Félix e o grupo Maná.

Con certeza que a cousa dá para brincadeiras e coñas mil se non fose porque, máis ben, si que dá para chorar, e tanto. Con todo, permitan Vdes. aínda que este, seu, cronista lembre e escriba aquí e agora que todos-todos os muros e similares erguidos ao longo da historia, máis tarde ou máis cedo, acabaron por ceder/resultar superados, desbordados, traspasados... cando non deviron nunha pura ruína. Así, entre o 122-132 na nosa era, os romanos levantaron, entre o que agora son Inglaterra e Escocia, a muralla de Hadrián co obxectivo declarado de evitaren que a moi belicosa tribo dos pictos fose invadir o "mundo civilizado". Nin que dicir ten, comandados por algún devanceiro de Braveheart/Mel Gibson, os habitantes da vella Alba non por iso deixaron de facer das súas mentres as lexións, en aberta retirada, case houberon de cruzar a nado o Canal.

Mellor fortuna non lle coubo, da súa parte, á Gran Muralla Chinesa: pensada para atallar as corrarías mil dos pobos nómades do norte, malia os seus case 22.000 km e o millón de soldados dispostos pola dinastía Ming para gardala (e tamén Matt Damon, pero esa é outra historia), o caso é que, en 1644, os manchús Qing acabaron por instalarse tan ricamente nos palacios de Pekín. Canto á liña Maginot, ben que o han de coñecer todos, sempre moi amables, lectores destas liñas: decididos a impedir como fose a revancha alemá, velaí que os gobernos gabachos gastaron máis de 5000 millóns de francos da época -poñan Vdes. 6000 millóns, pero de euros de 2017- en formigón e aceiro.

Desde logo, verdade é que os "boches" non foron capaces de asaltala; simplemente, contentáronse con rodeala (e aniquilala) logo de Sedan, felizmente montados, como ían, nas súas divisións panzer. "Consecuencias da Blitzkrieg", explicaron máis tarde os lizgairos estrategas.

En fin, en agosto de 1961, Erich Honecker e mais Nikita Khrushchev decidiron artellar en Berlín aquilo do "Antifaschistischer Schutzwall" -que lle queren?, así o foron bautizar. Evidentemente, se ambos os camaradas tivesen algo máis de paciencia e, sobre todo, se visionansen antes de tan dramática decisión aquel magnífico filme -"Un, dous, tres"- do divino Billy Wilder, cantos e cantos desgustos se terían evitado! Porque, digámolo/escribámolo de vez: aquilo que nunca conseguiron coutar nin as montañas nin os ríos, nin tan sequera mares e océanos....; non sei se está escrito nalgures, pero o caso é que menos o podemos imposibilitar os seres humanos. Poñerlle, daquela, cancelas ao campo?

Con perto de 27.000 mortes violentas anuais, México si que ten un moi grave problema. Decidido, daquela, a que a doenza non se traslade ao outro lado do río Bravo, Mr. Trump, autoproclamado cirurxián de ferro, está disposto a "to stop the rot"; en román paladino, listo para "cortar pola raíz". A cuestión, iso tamén, é que xa lanzado a limpar Carson City, El Paso, Kansas, Wichita.... (ou Chicago, LA, Nova York...) de malvados, tería de contado que erguer outros tantos muros e valados nos lugares referidos: porque hai moito tempo que o os guapos e mais os feos; os que van de listos e os que só saben o que saben; que a riqueza e mais a miseria se foron entremesturar nas vilas e cidades dos todopoderosos USA.

Lugo, Ávila, Carcasonne, Pingyao, Nóvgorod, Valença do Minho...: as murallas que as rodean nunca serviron para frustrar que os exércitos penetrasen nelas. Ao cabo, hoxe acollen esoutra acometida de exércitos civís chegados desde todas as partes. Poida, daquela, que Trump levante o seu particular muro con México; así e todo, máis tarde ou máis cedo, aquilo acabará por converterse nunha atracción turística. En fin, está claro que Trump nunca se interesou polos Pink Floyd; aínda así, algún neto rocker pódello cantar calquera día destes: "Grandfather, what'd'ha leave behind for me?/All in all it was just a brick in the wall./All in all it was all just bricks in the wall." "Avó, qué deixaches despois de ti para min?/Tan só un ladrillo no muro.

Compartir el artículo

stats