Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Murallas Un

Os nosos devanceiros da Gallaecia, previa á invasión de Decimo Iunio Bruto e despois, circundaban os seus castros, por cativas que fosen as poboacións, de murallas, en xeral ben sólidas. Algúns observadores da nosa protohistoria sosteñen, sen cualquer fundamento, que estas eran simplemente fortificacións destinadas a concederlle prestixio á tribo. Se un olla atrás e le a "Ilíada" e despois mira algo sobre as excavacións feitas por Schlieman nas presuntas Troias superpostas, chega a conclusión de que as murallas prehistóricas eran ergueitas de verdade para protexer a cidade dos inimigos e non para xogar a celtas e a cabaleiros medievais como faciamos de nenos no castelo de Vilanova dos Infantes e mais en Castromau.

Certo, a Grande Muralla Chinesa e o muro de Adriano na fronteira cos pictos foron, respectivamente, postas onde aínda seguen para defender unha fronteira política das invasións externas. Ocorre que, na colosal retirada que o imperialismo norteamericano está a facer no mundo de forma acelerada, el acha que a súa fronteira Sul está desprotexida. Un inimigo é México, para eles. Unha vez México prescindiu de España seguindo a lección independentista dictada polos EE UU, ocorreu que a Unión de Washington mirou o seu Sul moi apetecíbel. E os EE UU apropiáronse de inmensos territorios deste Sul, que foran da Coroa española: Novo México, California, e así. A captura de Texas foi moi política, alén de militar, e pasou por un falso independentismo que non é do caso relembrar.

Todos vostedes coñecen o mito de El Álamo, e algúns moito mellor que a vera historia dos Galaicos defendéndose até á morte dos romanos no Monte Medulio. As murallas destes galaicos heroicos podían ser as que se conservan no Aloia e no Galiñeiro. Como EE UU lle roubaron tanto a México (tanto territorio que fora de España), teñen na súa acordanza fabulosa sempre o cornetín do xeneral Santana furándolle os ouvidos co toque a cargar a morte: "a deguello", din nas dobraxes das películas sobre El Álamo. Odian os EE UU e temen aos mexicanos: aos mexicanos que teñen dentro dos EE UU e os que teñen ao Sul de Río Grande.

Os gobernos mexicanos, poñamos só o actual, déronlle as costas a Chávez e a Castro e a Hispanoamérica, despois Latinoamérica e, hoxe, Nuestra América. E consideraron que eles tamén eran Norteamérica, cousa real no que se refere só á xeografía. Os EE UU ván pór alí un muro contra México porque teñen medo e se enguruñan neles mesmos dentro dunha estratexia de repregue imperial que non fixo máis ca facer os seus movementos tácticos de preparación.

Compartir el artículo

stats