Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Galicia e as Europas paralelas

Asistín a unha interesante discusión sobre o cristianismo como parte do europeísmo de Galicia. Moi axiña, os participantes do simposio, cuxos nomes non estou facultado para revelar, derivaron o seu debate á periodización da nosa historia. Sendo Galicia, para eles, esencialmente cristiá e europea, non hai razón para que as catro idades comunmente aceptadas para racionalizar o estudo da historia de Occidente non sexan aplicabeis á Historia propia. O problema radica no feito de que os ritmos da historia europea e os fenómenos sociais non se producen simultaneamente en todos os lugares do continente.

Para comezar, a Idade Antiga terminou en Galicia, no ano 412, que é cando o rei suevo Hermerico converte a Provincia Gallaecia nun reino independente. Desde logo, o 1431 (non o 1492 nin o 1453) sería unha boa pedra fita para marcar o inicio da Idade Contemporánea galega xa que naquel ano eiquí se produce o primeiro acontecemento da revolución irmandiña. Ou sexa, que a nosa Idade Meoga (ou Media) comenzaría co establecemento das bases do modo de producción feudal e finaría cos primeiros asaltos, cargados de simbolismo e tintos con sangue, as fortalezas da grande nobreza territorial. Sen dúbida: a Idade Moderna entrou eiquí con Roi Xordo e terminou, como en toda Europa, en 1789 coa Revolución Francesa. Iníciase así a Idade Contemporánea que, polo momento, está a ter como documento final este número de Faro de Vigo que o lector ten nas mans. En canto a que o cristianismo sexa unha parte constitutiva e esencial de Galicia e Europa, non teño máis remedio que estar en desacordo cos principais oradores do simposio ao que asistín como invitado non poñente.

É difícil crer que unha relixión que naceu en Oriente, en Palestina, chegue a converterse en parte idisociábel de Occidente. O paganismo o dereito, a filosofía, o ateísmo, o racionalismo, o materialismo histórico, o evolucionismo, a relatividade, as ciencias, a psicoanálise, o laicismo, e a literatura profana, a arte abstracta, constitúen aportacións de Occidente ao conxunto da Humanidade alleas ao cristianismo, de importancia fundamental. Todas estas cousas saíron de Europa e fecundaron o Mundo. O cristianismo veu de Oriente a Europa, onde esmorece. Escrito en memoria de Gonzalo Puente Ojea, embaixador de España.

Compartir el artículo

stats