Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

A cerca defensiva do Ourense medieval

Os sistemas defensivos, habitualmente castelos, torres e murallas, constitúen unha importantísima parte do patrimonio cultural. O seu atractivo, pese a que reflicten un espírito bélico innegable, soe radicar na combinación das técnicas propias da arquitectura e da enxeñería que se aplican ás construcións defensivas, ademais da habitual monumentalidade inherente ás estruturas deste tipo.

O interese de que un asentamento conte con sistemas de defensa, facilita outras funcións que moitas veces non son tan secundarias como a primeira vista puidera parecer. O historiador do urbanismo A.E.J. Morris sostén que na Europa medieval as murallas eríxense conservando a función militar primixenia, aínda que o propio efecto de limitación nos accesos que propician as estruturas defensivas, aprovéitase para establecer portazgos e outros controis aduaneiros sobre as persoas e as mercadorías.

É sabido que o amurallamento dos núcleos de poboación remóntase á Prehistoria, en ocasións a moitos milenios de antigüidade. Na península ibérica sabemos de defensas eficazmente estruturadas nos poboados da idade do cobre da "Cultura de los Millares" (Andalucía oriental) e da "Cultura de Vila Nova de São Pedro", con centro no esteiro do río Texo, nas terras portuguesas. Esas construcións eríxense a partir do IVº milenio AC. E que dicir dos castros, habilmente defendidos por medio de murallas, terrapléns, parapeto e foxos. Ou de cidades romanas como Lucus Augusti (Lugo) e as tamén augustas Asturica (Astorga) e Bracara (Braga), que destacamos entre os asentamentos urbanos do noroeste próximas a Ourense.

Outra importantísima época de fortificacións urbanas é, como vostedes terán adiviñado, a Idade Media. É un dos momentos no que se reforzan ou se constrúen de novo moitas das murallas que aínda hoxe se conservan. Este fenómeno, lonxe de acontecer en ámbitos locais, practicamente está a desenvolverse en toda Europa. Algunhas zonas que foron ben estudadas en conxunto dan fe do que estamos a dicir. Como recollen M.W. Beresford e J. St. Joseph na Inglaterra do derradeiro cuarto do século XIV, entre as dez principais cidades, tan só a de Boston -en Lincolnshire- carecía de murallas, aínda que si estaba defendida por medio dun foxo. Aínda máis, entre as corenta de maior tamaño, tan só tres non dispoñían delas.

Na Italia medieval, a cidade de Florencia constitúe un exemplo excelente para estudar o crecemento das fortificacións ao longo dos séculos. A urbe romana central, a cesariana Florentia, vese rodeada progresivamente por dúas murallas medievais concéntricas edificadas nos séculos XII e XIV. Como poden supoñer, ese proceso de crecemento asociado á necesidade de defensa, e polo tanto de constantes refortificacións, facía enormemente custosa a expansión das urbes.

Máis neste contexto xenérico de amurallamento das cidades, cal era a situación de Ourense no medievo?. No libro Del Orense Antiguo (1830-1900) do cronista ourensán José Adrio Menéndez, atopamos unha significativa referencia: "...habíase encerrado todo ello (a cidade de Ourense) en época pretérita, dentro de unas tapias o paredón, especie de muralla vergonzante, de la que aún quedaban restos, abierta en varios arcos, de los que eran principales el de la Huerta del Concejo, el de la Burga y el de la Porta d´Aira".

A cidade non debía cumprir uns mínimos preceptos da poliorcética, termo que podemos definir como as técnicas -"arte"- da defensa e expugnación de fortalezas, cidades e prazas fortes. A iso non axudaba o desvantaxoso emprazamento de extensos sectores da cidade medieval, burgo que se localizaba entre as proximidades da Praza do Ferro e da igrexa da Trindade, e entre as traseiras de Hernán Cortés e As Burgas, permanecendo estas importantes fontes fóra do recinto urbano. Vexan, se non, a súa metade norte, a que se agrupa ao redor da catedral, ameazada polas fortes pendentes que se debuxan dende o actual barrio de San Francisco y que só se van suavizando unha vez rebasado o antigo regato das Burgas. Este, hoxe en día fortemente desbebuxado polas transformacións urbanas, transcorrería aproximadamente entre a Praza de San Marcial e as fontes termais. Pensamos que non é casual que a partir del se asentase antes a cidade romana que, chegando ata O Posío, so rebasaba o devandito regato nas zonas do Museo Arqueolóxico e da praza da Madalena.

Por onde se desenvolvería a cerca que, máis que protexer, delimitaría o espazo urbano? Vexan a fotografía aérea da nosa cidade histórica. Na actualidade é moi sinxelo, porque contamos con cartografía e ortofotos dabondo na Internet. Visores como o do "Centro de Información Xeográfica de Galicia", "Sixpac", "Iberpìx", "Maps" (de Google) e moitos máis, permiten obter panorámicas aéreas hai non moito tempo insospeitadas.

Dende o ar a cidade histórica ten forma dun "oito", aceptablemente simétrico e deitado no senso norte-sur. A súa zona máis estreita, esa especie de cintura trazada entre o rúa das Burgas e a de Hernán Cortés na traseira do Arquivo Histórico, fortemente condicionada polas proximidades do devandito regato, debuxa dous espazos de tendencia circular.

O situado ao norte organizouse ao redor da catedral de San Martiño. Presenta dous elementos engadidos. Un ao norte, a rúa de Santo Domingo, antiga rúa da Corredoira alongada polo vello camiño de Maceda e Castro Caldelas. Non lonxe do templo maior, aparece a zona urbana na contorna da Praza do Correxedor, antigo Barrio Novo ou Cimadevila -Sumitate Villa-, onde se emprazara o convento franciscano antes de ser destruído polos partidarios do bispo Pedro Yáñez de Novoa no ano 1292.

Na zona sur o espazo no plano é semellante. Vemos outro núcleo en forma relativamente circular que conta tamén cun alongamento na rúa Julio Prieto Nespereira ao carón do vello camiño de Castilla e unha concentración urbana nas proximidades da praza de San Cosmede e Damián. Nas aforas, "extramuros" desa cidade compacta, situábase a Abadía da Trindade, hoxe igrexa parroquial e, ao redor do seu adro, un Vilar ou espazo semirrural que lle da nome á rúa homónima.

Quizá a zona sur non é tan nitidamente circular como a norte porque herda parte da traza da cidade romana, case inexistente ao norte do regato das Burgas.

Os dous sectores debuxarían, no básico, a principal extensión da cidade medieval. A Porta da Aira, cuxos restos aínda se conservan no tramo final da rúa Julio Prieto, seguramente foi reubicada -e non reconstruída no mesmo lugar- segundo o plano de Antonio Martínez de Araque en 1616, cando a rúa se "estira" ata o Posío polo camiño principal que levaba ás terras castelás. O mesmo que ocorreu coa Porta da Corredoira, que no século XVII encostouse no Convento dos Dominicos, recén establecidos no solar onde hoxe está a Axencia Tributaria (edificio de Facenda).

Os dous camiños principais de Castro Caldelas e Castilla, os que se transformarán nas rúas Corredoira e Hernán Cortés-Julio Prieto, conflúen no cruceiro da catedral chegando ata as súas dúas portas. O primeiro aos pes do acceso norte, a rúa Lepanto -a medieval rúa da Obra- e o segundo ata o adro que se abre na porta sur, xunto á Praza do Trigo. A catedral románica non só está a ordear o espazo urbano que a rodea a partires do século XII, se non tamén as rutas principais, que simbolicamente coinciden no altar maior. Vexan ademais como a porta principal, sen acceso ata o ano 1981, non conduce a ningún lugar. A Praza de San Martiño construíuse moi avanzado o século XX, "sventrando" a mazá de edificacións que se erguía ante ela en, coas casas, o parcelario histórico.

A "cerca" de Ourense, que non muralla, era o que envolvía o núcleo que vimos de referir. Este non sería en extensión moi diferente do que debuxa Francisco Coello no seu coñecido plano de 1856. Segundo referencias documentais moi localizadas e dispersas pola cidade, estaría formada basicamente por traseiras das edificacións xunto coas tapias das hortas urbanas perimetrais. Esa parede, cunha relativa utilidade defensiva, tería un trazado continuo interrompido por varias portas, cuxas alusións documentais fiables se remontan ao século XIV. Tamén sabemos por Adrio Menéndez que as últimas que estaba en pé derríbanse no século XIX: "Interesante fue el acuerdo tomado en la sesión de 27 de mayo de 1837, disponiendo se procediese a demoler los arcos existentes en la Porta d´aira, calle de la Burga y Huerta del Concejo. Tal acuerdo se fundaba en que "si en otra época pudieron ser útiles, en el presente impiden la franca ventilación (sic). Y ésta ya era entonces un precepto de higiene". Tanto a cerca como as portas foron estudadas pola arquiveira e académida Olga Gallego Domínguez.

No que respecta ao caso concreto da cerca, existen varias referencias, tanto explícitas como indirectas. Deste xeito, no ano 1388 un documento indica a necesidade de cercar e murar a cidade, dato que aconsella unha segunda lectura sobre o estado de indefensión a que aquela estaba exposta. E non é para menos, porque dous anos antes as tropas inglesas de Sir Thomas Percy, en reclamación dos dereitos dinásticos do Duque de Lancaster ao trono de Castilla, apoderáranse dela.

Outros documentos inclúen alusións directas á cerca ou a predios e portas situados ao seu carón. Aparecen, entre outras, no ano 1419, ao citar unha casa na Aira do Bispo, xunto a porta da cerca. En 1422, ao citar un predio na rúa do Vilar, tamén próximo a ela. Ademais, en 1437 dítase unha sentencia sobre a sustracción de pedras da porta ou do muro de Fonte Arcada, que era como na Idade Media se chamaba a contorna da praza de San Cosmede e Damián.

Vemos como o Ourense medieval non tivo unha muralla ao estilo de Santiago de Compostela ou Pontevedra, pero si unha cerca ou parede máis ou menos continua que non debeu ser eficaz para a súa defenda militar, pero si para controlar epidemias e persoas e mercadorías.

Debemos ter e conta que existían outros recintos fortificados, como o conxunto catedral-pazo episcopal (Museo Arqueolóxico) e a Abadía da Trindade, que deberon xogar un papel importante ante a precaria eficacia que debeu ofrecer a cerca defensiva.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats