Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Penitencia

Parecerá mentira, pero as xentes do meu tempo estudamos relixión na universidade

Parecerá mentira, preo as xentes do meu tempo e do meu curriculum, despois do catecismo escolar estudamos obrigados a asignatura de relixión católica en sete cursos de bacharelato e dous de universidade. Dado o nivel de coñecementos acadados nesta materia, moitos dos meus coevos e coevas manifestan a sorpresa que lles producen, coma a min me producen, certas noticias que saen na prensa relativas a novas orientacións da igrexa de Roma.

Cando nós eramos rapaces aprendemos que todos os pecados mortais son igualmente mortais, e hai que confesalos debidamente pola boca, experimentar contrición, quedar satisfeitos polo arrependemento e cumprir a penitencia imposta polo confesor.

Dicíase que había pecados tan horribeis que só podían ser absoltos polo coengo penitenciario da diocese, polo bispo e algún só polo Papa. Tiñamos, os rapaces, moita curiosidade por saber que pecados eran eses, pero nunca nos deron a lista deles. Acabo de enteirarme de que un deses pecados abominabeis era o aborto intencionado. Ao parecer Papa Francisco, nunha carta apostólica, retirou da lista dos pecados especiais o aborto e xa permite que calquera crego debidamente ordenado e non suspenso "a divinis" poida perdoalo. Seica o Papa, que nunca se arreda da doutrina común, do dogma nin da tradición católica, fala na súa carta, como facía Woytila e fixo sempre a Igrexa, de "morte de inocentes" ao referirse ao aborto.

É evidente que o Papa, ao dicir "inocentes" non fala con inocencia senón que está a demostrar a súa lealtade tradicional e dogmática. Non podemos esquecer que a Igrexa Católica, que mantén como mandamento da Lei de Deus o "non matar", aquí e sempre o aplica á condenación do aborto. Pero ela acepta que en certos casos poidamos matar aos nosos semellantes sen cometer pecado.

Creo lembrar que neses supostos se encontra a lexítima defensa, á que se asocia moralmente a pena de morte, e máis a guerra xusta. Os bispos españois apoiaron a Franco. Neste caso non se mataría "inocentes", coma no aborto, senón "culpabeis".

Roma semella moi preocupada polas inminentes conmemoracións do V Centenario da Reforma, e quere actualizar un dos puntos claves do conflicto co protestantismo que é a eliminación do sacramento da Penitencia ou como lle chamen hoxe.

Compartir el artículo

stats