Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A situación é desesperada, pero non grave (e II)

Hai que ver o alporizadísimas, encrespadas, iradas... mesmo realmente adoecidas que andan nestes días as nosas terminais de terminais de terminais, tertulianos de postín/postineo, (autoproclamados) líderes e lideresas de opinión..., en fin, todas as escintilantes luminarias do universo mediático cañí! Pailán, badocas, paifoco, babión, presidente das pataqueiradas..., representante da América "profunda" e dos seus, moi marulos, habitantes...: velaí as lindezas que un bo número delas lle arrebolan, día si e día tamén, sen atenderen nin por un momento a que o ghicho veu ao mundo/se criou no moi neiorquino barrio de Queens e/ou que pasou aínda pola prestixiosas aulas Escola de negocios Wharton. Así mesmo sen atenderen tampouco a que a América "profunda" ten tanto dereito a plantarse e gañar as eleccións como esoutra América "superficial" á que, seica, tanto e tanto aman. En fin, máis perspicaces, non faltan outros que sinalen, comenten, expliquen, debullen... con todo detalle -convertidos supetamente en expertísimos doutores en "trumpoloxía"- que o que vai facer/deixar de facer D. Donald tan logo como acceda oficialmente á presidencia dos Estados Unidos e colonias adxuntas: qué almorza, qué viste/non viste e calza, qué defeca... Encollida, acrequenada nun recanto da sala -cal mal alumno doutrora, castigado- a esquerda de veras existente, mentres, apenas semella capaz de tatexar; velaí D. Pablo Iglesias Turrión: "¡Yo no he sido, yo no he sido!"

Explicou ben no seu día o historiador francés Gérard Vincent como é que, desde hai séculos, o desexo predominante do pensamento -polo menos do pensamento desta parte do planeta- consiste en acadar que a humanidade sexa maleable á vontade dalgúns decisores que actúen con pleno coñecemento das causas e mais dos efectos das mesmas. Para alén de Prometeo, intentou tal esforzo a Igrexa católica e intentouno asemade o Partido Comunista: non por nada Nguyén Tat Thant foi coñecido como Ho Chi Minh; é dicir, "o que ilumina". Ou dito/escrito en linguaxe máis marxista, se cabe: a relixión vén ser a alma dun mundo sen corazón, do mesmo xeito que devén o espírito dun mundo sen espírito.

Pois ben; hai xa máis de vinte e cinco anos -cando a bandeira vermella deixou de ondear nas torres do Kremlin- que as esquerdas carecen desa luz; en consecuencia non hai relixión nin corazón; bye bye ao espírito do espírito. Como substituír aquela, tan aparentemente, sólida referencia? A favor (ou en contra) de quen remar no medio e medio da tormenta?

Ecoloxismo, feminismo, animalismo...; revindicación e defensa do espazo queer e mais do xénero non-binario; culture jamming, anticonsumismo, detournement, comunismo consellista, psicoxeografía, indignados... a lista é ben ampla: trátase, con certeza, de tendencias, actitudes, plataformas, xeitos... valiosos e que veñen confluír ao cabo na mobilización progresista. Sen embargo, e contra o que cabería agardar, non sempre -nin moito menos- suman as súas forzas, Ben polo contrario, o que acontece é que, con demasiada frecuencia, os mentores, dirixentes ou simples militantes do "ismo" consideran que vén se o seu -feminista, jamming, indignado...- o verdadeiro discurso, o "único discurso" que ha de estar no eixo da mobilización progresista.Daquela, cada vez que isto non sucede, ou que non sucede exactamente así, xorde o chasco, abrollan a decepción e mais a desgana: velaí os centos, miles de votos que van directamente ao ámbito da abstención para maior comodidade daquel stablishment ao que din combater arreo. Comproben os, sempre moi amables, lectores destas crónicas os resultados electorais -así propios como alleos- e xa me dirán. Twitter, Instragam, Tagged, Reddit... demasiado sexo frío, demasiada política en frío!

Xuran algúns que o seu consiste en "facer política na rúa", "estar coa xente". Porén, a realidade é que agora mesmo, e para alén do feminismo, animalismo, deteournement..., carecen ou semellan carecer de calquera estratexia ou plan efectibvos. Porque acontece, meus, que hai moitos millares, millóns... que -simpatizando ou valorando os "ismos"- non forman parte deles. Que de quen estou a falar agora? Pois, nin máis nin menos, que desas xentes nacidas e criadas aquí, por enriba dos trinta e cinco de idade, convencionais e con familias convencionais -na mellor e máis nobre acepción do termo-, asalariados e/ou traballadores por conta propia: ata hai pouco chamábanlles a clase traballadora, non sei se oirían Vdes. falar dela.

Brexit, Marine Le Pen... e agora Mr. Trump. O Reino Unido "profundo", a Francia "profunda"... xa que logo vén ser esa a única saída que se lles ofrece? Os voceiros do poder global -ese que xa non precisa, ou cada vez precisa menos, da democracia; só lles falta pedir que se anulen as recentes eleccións USA ou declarar inconstitucional o referendo británico- alcúmanos de "vellos", "pobres" e/ou "retrógrados". Haberá que preguntarlles aos homes e mulleres da mobilización progresista deica a cando pensan continuar aceptando como válida semellante, e tan inimiga, andrómena!

Compartir el artículo

stats