Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

"Zadruga"

Comentabamos, Segunda Feira pasada, a novela de Isaac Xubín que leva o título de "Non hai outro camiño" (Xerais, Vigo, 2016). Até chegar ás páxinas finais non somos sabedores das claves da novela, polo cal eu non vou desvelar aquilo que o autor quixo ir descobrindo en doses por el determinadas. Digamos que as personaxes que se moven na novela, case todas da mesma xeración e procedencia, non acaban de amosar as súas conexións até as páxinas finais, e mesmo así de xeito incompleto. Situadas todas as accións e complicacións do relato na cidade de Staro Selo, capital dunha república cuxa localización no mundo real descoñeceremos sempre, até chegar á páxina 95 o lector non sabe que o que se narra pode virar nun episodio de humorismo tradicional ao modo de algúns contos de Ánxel Fole.

Despois resulta que unha parte central do libro cobra a forma e o movemento dunha película cómica de Willy Wilder. Hai unha casa e todas as portas dela, incluindo a da rúa, están continuamente abríndose e fechándose para dar paso a cadros escénicos imprevistos e divertidos, aínda que en moitos habite a dor e a dureza existencial. Non deberemos ler "Non hai outro camiño" coma unha novela de tese política. Moito menos, na liña do "Tendezroman" anticomunista que tanto éxito ten tido a partir da queda de URSS e Iugoslavia, por moito que en ocasións a novela pareza aproximarse tácticamente a eses tópicos e conveniencias. Non, o único que sabemos certo do réximen dominante na república cuxa capital é Staro Selo resulta ser que o seu presidente devora carrizas brutalmente nos banquetes oficiais. Aínda que o nome do paxariño, o máis pequeno de Europa, non apareza nesta novela en galego, o lector saberá de inmediato que o réxime de Staro Selo é cruel e ridículo, co cal a nosa mente escorrega e vai cair sen remedio na lembranza do Gran Dictador de Charles Chaplin. A resistencia fai voar polo aire o Casino de Pontevedra, ou sexa de Star Selo, sen producir ningunha vítima e as drogas e o alcohol circulan ambute novela arriba e novela abaixo.

En compensación, tamén na obra de Isaac Xubín a xente come moito e, en felices ocasións, magníficamente ben. Durante todo o relato, que se produce en anacos independentes e ao mesmo tempo complementarse coma unha "tessera" ou, mellor, un mosaico, hai referencias á "zadruga", coma se nesta palabra eslava ou así residise o segredo que explica o accionar de todos e de cada un dos que a vella/nova crítica literaria soía chamar "actantes". Por fin e só na fin, saberemos que cousa sexa a "zadruga" e que foi o que pasou alí e influiu de forma determinante nas vidas e destinos de tanta xente. Isaac Xubín, profesor e lingüista de múltiples saberes, é un excelente poeta en lingua galega. Neste libro, revélase mestre na manipulación dos tempos verbais que esixe a narración eficaz. Consegue que os acontecementos ocorran vivazmente diante de nós e que a atmósfera de Staro Selo, dos seus bairros e do seu porto, así como os montes de arredor, onde hai cabalos bravos, nos faga participar na comunidade de ficción.

Compartir el artículo

stats