Imaxinemos unha maleta cargada cunha cámara de fotos, outra de vídeo, un reloxo, un calendario, unha máquina de escribir, un dicionario, unha lanterna, unha consola de videoxogos, unha calculadora, dez periódicos, sete revistas, unha televisión, un vídeo, unha gravadora, un reprodutor de música, e mil aparellos mais. Como é inviable construír unha maleta tan grande como o monte Aloia, nin hai ser humano capaz de movela, a tecnoloxía conseguiu reducir esa maleta ao tamaño dunha tableta de chocolate, e problema arranxado. Pero ollo, en tal cantidade de mercancía seguro que algunha non é recomendable: a televisión ten algunhas canles con contidos violentos ou pornográficos, a cámara de video permite que nos vexan a miles de quilómetros, etc.

Evidentemente estou a falar dun teléfono celular, coñecido como móbil. E fágome a pregunta: a que idade un neno está maduro para levar un teléfono no peto?. A resposta é sinxela: desde que sabe falar. Claro, refírome ao aparello inventado por Antonio Meucci (que a historia llo apuxo a Graham Bell). O problema non é telefono si ou teléfono non, é que hoxe este aparello perdeu a súa función orixinal e usase para xogar, enviar e recibir mensaxes, ler á prensa, ver fútbol....e dicir, úsase como punto de conexión a internet. Non é un telefono é unha computadora de peto.

Agora a resposta xa non é tan doada. Se unha nena non pode traballar ata os dezaseis anos, nin sacar o carné de conducir ata os dezaoito, porqué si aos dez xa ten liberdade absoluta de acceder a todo tipo de contidos? Iso é o que os adultos debemos preguntarnos.

Cada vez mais a miúdo, os corpos de seguridade veñen dar charlas de concienciación aos centros de ensino, e cada vez nos sorprenden con novos exemplos: como unha rapaza que publicou fotos das súas partes íntimas "cunha claridade médica", ou un neno que agrediu aos seus pais porque os Reis Magos lle trouxeran un libro no canto dun móbil (a culpa sería dos monarcas, digo eu). Nos centro de ensino detectan como lle fan unha foto a un exame, o envían a alguén maior e en quince minutos reciben a solución, sen moverse do pupitre.

Quen ten mais culpa, as crianzas ou os seus proxenitores? Quen crea os grupos de whatsapp, para controlar e resolver os deberes, ou asistir ás actividades extraescolares? Quen para tomar unha caña na terraza sen interrupcións, aparca ao neno no chanzo do portal mais próximo e préstalle o seu para que se entreteña cos videoxogos?. Pero claro, como os pais tampouco saben vivir sen el ao final regálanlle ese ao fillo e mercan outro. Estamos criando nenos estáticos mobilizados, vaia paradoxo.

Xa non digamos cando nos entra a febre do indiano: quero o "mais grande que haiga". Que a filla da Mucha ten un "sanson sete", á miña heille de comprar o "sanson oito", que ven con dez megas o da miña con once, e se non lle chega comprolle un "esmarfón", un "aifón" e un saxofón con "güifi". Somos así, que lle imos facer....

Brincadeiras aparte. Imos nunha carreira literalmente cara atrás, pois cada vez mais nenos e nenas, cada vez mais novos están enganchados ao móbil. Non sae o sol antes por erguerse mais cedo. A este paso vamos pedirlle aos da Xunta que o inclúan na caixa que lles está a regalar ás mamás cando dan a luz no hospital. O problema non é a ferramenta, senón o uso que se faga dela. Aínda lembramos a nosa infancia cando os nosos pais nos deixaban a navalla para cortar o chourizo enriba do pan, ...e temos tódolos dedos!.

A tecnoloxía avanzou tan rápido que só tivemos tempo de verlle as vantaxes, que as ten, e moitas. Pero non nos detivemos a ver a outra cara, que tamén a ten, e non só problemas de saúde, radiación electromagnética, sobreexposición visual a un foco artificial, alto volume do son....senón a adición psicolóxica e a dependencia. Os proxenitores conscientes de que somos os responsables civís, non facemos nada sabendo que a nosa filla ou fillo se pecha no seu cuarto, e pasa longas horas co móbil, e o peor non é que chegue durmido á clases, o peor é que son nenos, inxenuos, desprotexidos e facilmente manipulables.

Como non queremos que a nosa filla quede "descolgada" das súas amigas, centremos os nosos esforzos na selección e uso correcto das ferramentas desa xigantesca maleta.

Hai, como estraño aquel aparello con silueta de plátano que servía para falar coa familia na diáspora!!!