Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De burkinis, de mentiras e de entroidadas

Seica xa foi Aristóteles quen nos explicase aquilo de que malos tempos corren cando demostrar (e/ou defender) o evidente se converte en algo necesario/imprescindible. Non obstante, e por "si es caso"/"acaso", deanme licenza os, sempre moi amables, lectores destas crónicas -que hoxe retornan, logo da paréntese do verán- para facer constar que de ningún xeito considera o autor das presentes liñas que a liberdade das mulleres -e/ou a dos varóns- se poida medir pola cantidade, presenza, lonxitude... da roupa (ou da falta dela) que leven posta enriba. Así mesmo, permítanme que diga/escriba que para un servidor, e entendo que para todos aqueles que "peitean canas" (e por máis que esta República francesa de François Hollande e perruqueiro adxunto de 9000 euros mensuais -Sacrebleu!, Sarkozy outra vez á espera!- ben que mereza devir no inmediato obxectivo dunha mascarada tal), resulta de veras estupefaciente imaxinar a Louis de Funès/sarxento Ludovich Cruchot baixando do seu indescriptible Citröen 2CV e perseguindo a todo correr -ao tempo que funga, acena, esbardalla e entra en histriónica desesperación- a señoras ataviadas con burkini polos areais de Saint-Tropez adiante.

Agora ben; xa aclarado/redactado o anterior, o que si resulta por completo indecente, absolutamente obsceno é que alguén se atreve a afirmar -e velaí as declaracións da creadora da célebre prenda, Dna. Aheda Zanetti- que o burkini naceu, nin máis nin menos, que co declarado "obxectivo de darlles liberdade ás mulleres" (sic!). Isto é, unha estratexia comercial -porque diso se trata, ao cabo- que se podería aplicar moi comodamente ao deseño dun cilicio, dun cinto de castidade, dunha mordaza, dunha férula ... -e xa postos, por que non dun fusil de asalto?- especialmente deseñados para o mercado feminino. En fin, segundo a Sra. Zanetti, trátase dun obxecto utilizable non só por parte das musulmás, mais tamén das cristiás, xudías, hindús...: mais en todo caso, unha prenda sempre e sempre e sempre "for women only". En fin; imaxino que todos Vdes. han de reparar como lle cómpre na clave -ese "only"- da singular oferta.

Compracentes, obsequiosos, indulxentes.... verdadeiros cómplices mafiosos con sistemas nos cales as liberdades humanas son obxecto de desprezo e de violación constantes, as forzas a dominaren (aínda) nesta Europa que estamos a habitar, apenas polo medo ao avance arreo do neofascismo made in Marine Le Pen e adxuntos é que se atreven a tatexar o moi tímido emprego de parches sor María, tiritas e mais alcohol de romeu diante da barbarie que nos ameaza. Claro que, ao fin e ao cabo, o único que conta no seu caso son os millóns a recaudar: xa que logo, construamos e volvamos construír rañaceos, trens de alta velocidade, complexos residenciais de luxo... por toda a península Arábiga e/ou onde lle vaia cadrar. "Ablación de clítoris, di Vde.? A ver; son cousas para pensarmos amodo, cada cultura ten os seus dereitos."

Pouco, ou nada, cómpre agardar da podremia. Con todo, si proe de veras, para todos aqueles que defendemos o ideal democrático, comprobarmos como certa esquerda á violeta, descarrilados "made in Willy Toledo", anda a postular a reivindicación do burkini, do hijab, do niqab -pero nunca, atención!!, dos símbolos cristiáns, xa que se trata de xentes anticlericais- toda vez que, polo visto, tales prendas constitúen un verdadeiro emblema das vítimas islámicas fronte á maldade infinitia do imperialismo norteamericano e mariachis (sic!). Como moi ben expresa a feminista socialista e recoñecida laicista alxeriana Marienne Hélie-Lucas -lean, por favor, Vdes. a entrevista que lle concedeu á xornalista Maryam Namazie-, acontece que, para tales xentiñas, o gran problema problema radica, polo visto, no brutal atentado á liberdade de expresión que vén configurar calquera lei que limite o emprego de tales vestimentas nas escolas francesas, alemás, españolas... e non, madia leva!, nos latigazos, no cárcere... , mesmo na lapidación!, á que se enfrentan miles e miles de mulleres nas sociedades esmagadas pola intransixencia fundamentalista. Porque pode que o burkini, o hijab... sexan de libre escolla entre nós; mais que lles pregunten se tal vén ser o mesmo a todas aquelas sudanesas, saudís, afgás, irakís.... -muslmás ou non- que se arriscan a facer valer o seu dereito a non utilizalos!

Por paradoxal que semelle, o certo é que, para defender as liberdades democráticas, faise necesario lexislar determinadas prohibicións: daquela, así como para protexer os nenos cómpre que haxa leis que persigan a explotación do traballo infantil ou as prácticas pederastas, para preservarmos a liberdade relixiosa, as relixións establecidas han de perder calquera sorte de poder sobre o Estado, que ha de ignoralas como entidades políticas, de tal maneira que as crenzas deveñan no que lles corresponde de veras: nun asunto de carácter privado.

Este, seu, cronista non concibe, pois, a Louis de Funès/Ludovich Cruchot perseguindo burkinis por Sain-Tropez adiante (ou Samil). Pero menos concibo aínda que unha señora vestida con burka vaia presentar o telexornal da TVG en nome da liberdade de elección de vestimenta por parte das mulleres. As entroidadas para o Entroido.

Compartir el artículo

stats