Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Gerry Adams

Uribe loce contrariado porque as FARC fixeron as paces, tras longas negociacións en Cuba, co goberno de Colombia. Aínda que o ELN, fundado por Camilo Torres, non concluíu conversas amistosas e segue mobilizado, o acordo de paz principal culminou e resistentes armados pasarán a ocupar bancos no parlamento de Colombia. As FARC trocarán os fusís polos arados, diriamos pedíndolle emprestada a expresión ao escritor galaico-romano. Na memoria do mundo está o paso de Nelson Mandela da situación de terrorista preso á de presidente dunha Sudáfrica na que conviven tres etnias brancas e moitas máis bantus e bosquimanas. Parecía mentira que poidese ocorrer, pero ocorreu.

Ás veces, como é o caso de Colombia, pasan cousas consideradas boas pola xeneralidade das persoas. Todos acordamos os días nos que Gerry Adams, sen que o seu IRA renunciase á violencia, era membro do parlamento de Westminster polo Sinn Féin. Como os xornais de Madrid descoñecen os mecanismos interiores da Gran Bretaña e a historia de Irlanda, só sabían decer que o Sinn Féin era o "brazo político" do IRA. Menos mal que Bill Clinton non lle fixo caso aos columnistas de Madrid e deu pasos para coadxuvar á pacificación efectiva de Irlanda.

Apréciase en Madrid repulsión a que Arnaldo Otegi concorra como candidato ás eleccións, a pesar de que este expreso político nunca participou na loita armada e hai amplas correntes sociais que o apoian para participar na política dentro do marco legal vixente. Vexo que se está a producir un fenómeno curioso, aínda que fose repetido moitas veces ao longo do século XX. A totalidade dos nacionalismos autodeterministas do estado Español desexan que Otegi participe nunhas eleccións nas que el, con toda seguridade, sairía elixido. Prodúcese, así, o efecto Galeuska, no que tanto se implicou Castelao no tempo no que exercía o liderado nacionalista galego. Os partidos do sistema non procuran isto, estou seguro.

De todos modos, o que estou a comentar non é totalmente certo. Non só o PNV (sempre tan na órbita atlantista e europeista de orde) nin só os nacionalistas cataláns e galegos queren ver a Otegi nas eleccións. Agora tamén Podemos defende tal participación amosando, deste xeito, que o réxime da Reforma, ou tamén chamado da Transición, está en crise. En efecto, vexo Vicente Uribe furioso porque os fillos, e netos, de Tiro Fijo pasaron á loita civil e parlamentaria. Guillemo Tell tiene los ojos tristes, eis un drama de Alfonso Sastre.

Compartir el artículo

stats