Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

José Chapela González

En 1936, Agustín Jorge Etcheverry, alcalde xestor de Cangas, morría fusilado en Pontevedra. Dictara a pena de morte un consello de guerra franquista. El fora médico do pósito de mariñeiros. A súa figura pasou á memoria anónima e colectiva do Morrazo.

Uns cuarenta e tres anos máis tarde, tomaba posesión da mesma alcaldía de Cangas José Chapela González, brillante e xove abogado que fora elixido concelleiro nas listas do Partido Comunista. Por causas que o mesmo Chapela relacionaba coa decepción, só foi alcalde entre 1979 e 1980, e pasou a formar no continxente dos comunistas do partido oficial que marcaban as súas distancias coa Transición. Non lonxe quizais, Chapela, da posición de Lueiro Rei, por non falar de Alfonso Sastre. Antigos carrillistas repoboaban o PSOE e aínda outras franxas máis á dereita.

Chapela non foi dos comenenciudos. Leal, saiu da alcaldía para se entregar á práctica social e ideolóxica e á súa vocación de abogado solidario. Sen abandoar o propio partido, Chapela estivo, até o derradeiro sopro de vida, a favor da unidade: daquela Frente Popular pola cal fora asesinado (con mil outros) o seu predecesor Jorge Etcheverry. Ao entrar no concello formou unha maioranza coa súa formación, o BN-PG e UG. Chapela, coma viciño e abogado, estivo dentro dos procesos de unidade popular (1988-1990) que inspiraron en Cangas PCG, FPG, e EG contra a dexeneración municipal. Unha vez triunfante o movemento de masas, foi alcalde xestor, tamén coma Etchevarry, o dirixente da FPG Marino Abalo.

En Cangas, e co concurso de Chapela, madurou antes ca en ningures a necesidade histórica de conxunción asemblearia de toda a esquerda e do nacionalismo, que se fixo visíbel en ACE, co alcalde Xosé Manuel Pazos, o que precedeu a AGE e, ao cabo, anunciou En Maré. Como abogado, Chapela representou desinteresadamente todas as persoas de Cangas perseguidas. Lembramos a súa defensa dos xulgados polo movemento contra a alcaldía indesexábel e mais a dos acusados da Costa de su a Vela.

Neste último proceso, Chapela conseguiu unha absolución que semellaba imposíbel. Chapela era home que gustaba de demoradas lecturas dos clásicos, alén de frecuentador da literatura e o pensamento contemporáneos. Era culto, e isto, unido a un caracter franco e a un malicioso punto de intelixente escepticismo, facía de José Chapela unha presenza que alegraba as concorrencias. Sementou conciencia crítica e confianza nos valores éticos da esquerda permanente. Morreu José Chapela, pero deixa un ronsel longo a súa memoria.

Compartir el artículo

stats