Escribo estas liñas aínda embargado pola emoción e cóstame expresar todo o que quero dicir. Pepe, tivemos que vivir xuntos momentos moi complicados, nun tempo de cambios importantes e no que as vellas estruturas franquistas aínda pervivían e resitíanse a desaparecer.

As eleccións de abril de 1979 foron realmente o comezo da península vermella do Morrazo, contigo de alcalde en Cangas, Xosé Novas en Bueu e Xabier Abalo en Moaña. Conseguir a Alcaldía en Cangas foi unha sorpresa, pero relativa. Lembro que daquela fixemos unha campaña espectacular. Pepe Chimé era unha persoa moi coñecida e moi querida en Cangas, aínda que eran poucos os que daquela coñecían a súa militancia no Partido Comunista. Traballamos moito e naquel tempo xa tiñamos en Cangas unha cédula importante do partido.

Pepe foi todo un soplo de aire fresco no Concello de Cangas, unha institución escurantista e na que había moitos trapicheos. Coa súa chegada abríronse as portas e as fiestras e a xente puido entrar, falar e escoitar. As comisións permanentes e os plenos eran eternos e foi toda unha experiencia de democracia participativa. Pepe Chimé foi un aire vivificador e serviu para desmitificar aquel lugar escuro. Lembro especialmente unha das mellores decisións, que foi a de botar aos "grises", que estaban na planta baixa do concello vello. Aínda que cambiaran de nomeseguían sendo o recordo da etapa fascista e do antigo aparato represor.

Vivín moi de preto todo aquilo porque el estaba moitas veces fóra por cuestións de traballo e cando el marchou tocoume a min quedar de alcalde. A pesar de que tivo que deixar a Alcaldía seguiu militando sempre no Partido Comunista, disposto sempre a facer un favor e amigo dos seus amigos. Un home coas ideas moi claras e cun par de huevos.

Agora que te marchaches non podo evitar lembrar o alcume co que coñecían ao teu pai, "Chaqueta arrastro", e como eu adoitaba a depedirme de ti, con aquel "adiós, americana a ras del suelo".

Dende aquí volvo a lembrarme de ti e digoche unha vez máis, ata sempre, americana a ras del suelo.

*Exalcalde Cangas