Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Lalo e Fernando

Cando falo ou penso nos Quesada, eles, na miña relembranza, forman masa afectiva. Destaca Xaime, por sermos do mesmo tempo e termos xogado de nenos á sombra da estatua maltratada de Concepción Arenal, Ourense. Vexo todos os Quesada no piso seu, vetusto, nun salón con bonecas, libros e piano, alén de pinturas nas paredes. Tocaba o piano Teresita Porto, nai dos Quesada. Aínda había persoas maiores en Ourense que lle chamaban "Rúa do Instituto" á de Lamas Carvajal na que viñeron ao mundo os Quesada, entre os cales Fernando que acaba de morrer en Vigo.

Destacaba polo seu sentido do humor, moi da nosa época e propio das vellas torgueiras da cidade de Ourense. Non sabería definilo, pero o humor de Fernando Quesada só podía orixinarse en Ourense, como as extrañas algas de geiser que viven no surtidor da Burga desde tempo inmemorial sen que ninguén coñeza o seu nome científico. Fernando, marido e irmao de pintores, por só falar da primeira xeración de artistas.

Quesada foi el mesmo un pintor excelente que a posteridade está obrigada a recoñecer en plenitude. O seu humor gráfico fíxoo famoso. A popularidade dos deseños humorísticos de xornal da autoría de Fernando foi enorme. O que nos leva a Lalo Vázquez Gil, amigo que morreu tamén estes días pasados e que, en lugar de acudir a Ourense, ocasiona que os meus recordos non saian de Vigo. O Lalo da miña mocedade era, coma Quesada, un debuxante gráfico moi popular, el nas páxinas de "El Pueblo Gallego".

Tiña un protagonista inamovíbel, o microrrelato humorístico de Lalo. Chamábase Gorechiño e tiña un distante parecido familiar co Carrabouxo dos nosos días. Eu sempre, en privado, lle chamei Gorecho ao meu amigo Lalo. E ben, Vázquez Gil é ben coñecido como historiador de Vigo. Esta súa dedicación, que o levou a desempeñar o cargo de cronista da cidade, era compatibilizado cunha fonda, radical vocación literaria.

Non foi suficientemente comprendida pola crítica a súa intervención no Quixote en galego, que me fai acordante da reescritura de Dostoievski a que se atrevera Camilo Gonsar. Finalmente, había o Lalo poeta en cuxos sonetos, e composicións doutras diferentes facturas, era de advertir unha longa experiencia de lector en galego, en castelán, en portugués; seguramente tamén noutras linguas.

Sexalle leve a terra a estes dous amigos. "E fomos ficando sós".

Compartir el artículo

stats