Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na morte do muslime

A Fox News, a ABC, a CNN, e demais cadeas imperalistas de TV lanzaron ao mundo, en directo, o enterro de Cassius Clay, naturalmente so o seu nome de relixión Muhammad Ali. El era o Meirande. O funeral de Louisville, Kentucky, presentouse como unha ceremonia privada pero estivo dirixido por un crego islámico de pucha branca na cabeza e paga polo goberno. Tal gasto de horas nas televisións norteamericanas só pode ter unha interpretación, e esta é complexa.

Partamos da certeza de que os EE UU sosteñen un Departamento de Estado dividido en seccións que analizan o mundo parcelado en leiras. Alí, cada quen traballa, con recursos económicos dificilmente imaxinabeis por nós e non exactamente controlados polos representantes do pobo, en planificar e executar os plans do Imperio capitalista para gobernar o mundo. A observación de moitos anos sobre a intervención dos EE UU no mundo fíxonos chegar á conclusión de que o seu Departamento de Estado no varía os seus programas dependendo dos cambios de administración e da presidencia, senón que simplemente os adapta segundo unha corrente principal practicamente inamovíbel. Sempre se dixo que en Gran Bretaña a política estranxeira se herda, o cal en boa medida é verdade. Nos EE UU a política exterior segue a mesma liña desde que Adams o Vello chegou a Londres despois da independencia dos EE UU, pasado por Galicia tal e como Ezra Pound non nos permitirá xamais esquencer, e pactou co rei de Inglaterra toda a política estranxeira do Futuro. Non se conforman os EE UU co seu sul: California, Novo México, Texas e todas esas inmensidades españolas. Sen Cuba, sen Venezuela, sen Brasil, sen México non saben vivir os norteamericanos. Para predar o Oriente Próximo, decidiron apropiarse do Islam como medio de intervención nos países petroleiros.

O Islam foi usado (e é) dun xeito maioritario para anular os estados laicos petroleiros (vexan Siria) alentados pola URSS e hoxe por Rusia. Cassius Clay foi un poderoso axente propagandista desa islamización que hoxe representa Isis, tamén fabricado polos EE UU. E a CIA púxolle Muhammad Alí despois de dispararlle a Malcom X, que se chamaba coma min, por desviacionista en dirección ao Terceiro Mundo. Enterraron Alí con honores imperiais.

Compartir el artículo

stats