Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

"Bajo el pecho la herida"

Á morte de Sabino Torres arden as lembrazas; por Gamoneda. Coa entrada da década dos cincuenta, prodúcese unha mutación na elite literaria e artística de Pontevedra. A BPS, con Óscar Montero á cabeza, procede a destruir a Fermín Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro renuncia ao seu destino na Fiscalía de Tasas e trasládase a Vigo. A colección Benito Soto esgótase coa retirada, por orde gubernativa do libro Musa Alemá, da autoría de Blanco Freijeiro e Celso Emilio.

A colección de poesía Benito Soto estaba destinada a ser reprimida e a morrer de morte violenta, coma o pirata da Moureira cuxo nome levaba. Nun deseño brillante, amábel e efectivo, orixinal de Agustín Portela, que tamén era do círculo de Sabino Torres, o pirata Benito Soto, que nun folletón recibira o nome, hoxe dunha rúa, de "Milano de los Mares", aparecía en cada libriño poético cunha enigmática lenda ao pé: "Bajo el pecho la herida". Camilo J. Cela, por intermediación de Celso Emilio, editou un apunte inesquecíbel sobre Benito Soto, delincuente náutico que tamén chegou a facer tolear a Xosé María Castroviejo. Neste texto, o lexicógrafo atopará a primeira documentación do adxectivo, inventado por Cela, variopinto, a. Cela escribe que ao pirata Benito Soto foi unirse unha " tropilla variopinta". E quedou a palabra. En Pontevedra houbera, con Celso Emilio, a revista Finisterre, e logo, xa da man mestra de Sabino Torres, Ciudad. Pero será Litoral o semanario que a miña memoria non poida nunca perder.

Pola rúa da Oliva uns rapaces vendían o seu periódico, Parsifal, axiña extinguido. Juan Vidal Fraga, en 1952, confeccionaba, con Remixio Nieto González, a Vox Juvenum, a máquina de escribir e na ilegalidade. No cincuenta e algo sai Litoral á rúa e, a tras do semanario, concítase unha lexión de lectores que sobardaba os límites da Boa Vila. Estaban en Litoral, así o espírito do Bouza e do Celso Emilio pontevedreses ausentes coma o dos vellos críticos dos círculos masónicos, espiritistas e socialistas do século XIX na Vila nos que Valle-Inclán se formara. Botaron a Bouza Brey de Pontevedra e tamén expulsaron a Valle en efixie, das Palmeiras. Grande e servicial inspirador da Pontevedra boa, foi Sabino Torres.

Compartir el artículo

stats