Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Despedida a Georges

Vexo, en alustre para tras, un banco da praciña Furstenberg. Nel estamos, posibelmente, Foz, Viglietti, Alfred Assad; con seguranza, Georges Tarabichi e mais eu. Foramos á de Procope para ouvir Marchais, que presentaba, editado polo PCF, a grandeza catedralicia (adxectivo orteguiano) de "Le Capital Monopolista d'Etat". Acabo de saber da morte de Tarabichi, a mellor cabeza que a miña xeración lle cedeu ao pensamento histórico árabe. Aquela noite de primavera falamos de cómo o Turco despusuiu, no nome do Islam, a nación árabe da súa cultura. Tiveron que ser os franceses quen lles restituísen aos árabes "As Mil e unha Noites" e os españois os que lles fixesen coñecer "O Colar da Pomba" e as belas "muwaxahas" nas que todo o mundo bebe viño e conculca os preceitos musulmáns.

O estudo de Averroes animou Tarabuchi na procura dos fundamentos laicos da cultura árabe. Vexo nun xornal a foto de soldados sirios moi ledos que fan a uve de Churchill en Palmira, de onde eles escorrentaron as tropas almorábides. É esta a primeira foto de prensa na que vexo uniformados sirios dos que loitan regularmente por manter o goberno baasista do doutor El Assad.

Estes soldadiños foron ocultados polos medios hexemónicos: non teñen rostro. Só miramos (ata agora) imaxes de hordas mascaradas con letreiros nos que reza a xaculatoria estúpida; Só Deus é Deus. Estes mozos regulares da foto sorprendente están dentro de Siria e non se evadiron trala corda frouxa do horizonte, coma o veleiro de Manoel Antonio. Non foxen a Occidente; combaten no seu país. Tales mozos reconqueriron as ruínas de Palmira. Os soldados sirios representan estes valores: laicismo, soberanía nacional, igualdade de varóns e mulleres, república, patriotismo socialista.

E outros: só hai unha nación árabe e a relixión muslime non é parte constitutiva dela. Georges coma Alfred, coma Habash o do FPLP, coma o infortunado Tarik Aziz de Irak, proviñan de familias árabes de relixión cristiá. Estou seguro de que todos os cristiáns de Siria, e non só eles, celebraron a liberación de Palmira. Os católicos do gobernó español de Raxoi, non. A Falanxe Libanesa, menos.

Compartir el artículo

stats