Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Gandeiría ecolóxica, incompatible con matar lobos

No conflicto do lobo e gando hai moitos elementos que deben ponderarse para chegar a unha razoable solución. Ningún debe ser infravalorado. Curiosamente, alá onde ten lugar esta problemática, repítese o feito de obviar algunhas desas cuestións aparentemente menores e que non o son. Unha delas ten que ver coa información, nas redes sociais, sobre os produtos do rural en función de como se respecta ao lobo. Por que os tempos están cambiando, e a forma de percibirse algunhas cuestións tamén. Así, asistimos a un fenómeno crecente de ver como certos produtos, que entre os consumidores sempre gozaron de boa imaxe, comezan a ser penalizados e percibidos negativamente por asociarse a certas prácticas. Sóalles de algo campañas do tipo "Si no quieres lobos, No quiero tu queso, ni tu carne". Ou "Con lobos, no hay paraíso". Pois está proliferando con bastante eco, en relación a productos procedentes de determinadas comarcas gandeiras de Asturias, Cantabria, Salamanca, onde se matan lobos.

As novas tendencias de toma de conciencia cos produtos verdes, nunha filosofía de eco-rresponsabilidade e consumo consecuente cuns valores ambientais, son xa unha realidade en notorio incremento. Trátase de consumidores, cun perfil esixente, e con capacidade de contaxiar crítica dunha maneira tan fácil coma un simple clic nesas redes sociais. Ante productos iguais, escollerán os de procedencia mellor valorada. A nova forma de comunicación instantánea, gratuita, e incontrolable. Non hai que ser un visionario para predicir que o éxito de moitos productos do rural pasará, non só por contar cun recoñecemento en positivo, do tipo "certificado ecolóxico", senón tamén por non verse envoltos no desprestixio de estar asociados á persecución e morte de lobos. E que isto suceda é un fenómeno imparable.

Todo isto vén a conto, polo contradictorio que resulta ver dúas novas de actualidade referida á gandería do Deza. Quérese fomentar o seu selo ecolóxico, o cal está moi ben, pero sen ter reparo en que poidan darse batidas de lobo, matalos, para supostamente protexer esa gandería que se pretende sexa modélica no ecolóxico. E a Xunta vén de anunciar que valora autorizalas ante a insistencia dalgúns. Convirán comigo, que non deixa de ser chocante que o éxito dunha gandería ecolóxica certificada poida lograrse a costa, tamén, de manter a raia con chumbo e escopeta matando lobos. A certificación ecolóxica, regulado por Europa, ademáis de esixir uns estritos criterios de produción, pronto deberá reformular algunhas cuestións relacionadas coa pegada ecolóxica ao respecto da biodiversidade e modo de acoplarse ao entorno natural onde ten lugar. E o selo ecolóxico tamén deberá atender ao cumprimento da denominada "condicionalidade ambiental das explotacións", tamén imposta por Europa.

A Comarca do Deza, potencia gandeira no Estado, con concellos que aspiran a ser exemplares no rural e noutros moitos ámbitos, foi ata o de agora unha comarca que nos últimos anos estivo a salvo de batidas (legais) para matar lobos. Agora con tan polémica e drástica decisión pode que entremos no circuíto desa propaganda penalizadora que ensucia á marca de procedencia. Dará igual o certificado ecolóxico que teña. Co primeiro lobo "oficial e mediático" morto no Deza trascenderá que aquí se produce leite e carne "manchada" con sangue de lobo. Todo por ter, unha Administración que prefire fomentar unha gandería que acepta matar lobos, no tocante de despregar medidas preventivas que reducirían o problema a algo totalmente residual. E por ter, ademais, actores que parecen non ver que os tempos están a cambiar, e que cada vez hai máis consumidores sensibilizados e concienciados con causas coma a protección dos lobos.

*Biólogo de Lalín

Compartir el artículo

stats